"Un día o Alfonsito e máis tres veciños foron a Ourense. Pra ter algo que contar no pueblo á volta da cidade, e como un día era un día, acordaron xantar no hotel Roma. Metéronse no comedor, sentáronse ben sentados, e pediron pola carta. Tres deles elexiron a única cousa que entenderon da lista, aínda que non de todo: merluza con mahonesa. O cuarto, José da tía Inacia, botóuse a ser home de mundo , e pidíu unha vieira. O camarero sirvíu o pedido, e deixóu a salseira da mahonesa diante do Alfonsito. O Alfonsito ollóu pra a mahonesa con receo.
-¿E que será eso tan amareliño?-preguntóulle aos compañeiros.
Colléu un cibo de pan e untóuno na mahonesa. Saboréouno un pouco, e logo dixo:
-¡E estache boa esta sopiña!"
Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega, nº 40; 1982. Páx. 185-186.
No hay comentarios:
Publicar un comentario