Villardevós, metáfora das miles de aldeas galegas abandonadas ao esquecemento. Manoliño, anxo do paraíso, guía pola viaxe melancólica da memoria a aqueles tempos que nunca retornarán, pero que sempre se poderán lembrar nas páxinas da obra de Silvio Santiago. Vilardebós, Caracas, Vilardevós. A felicidade da infancia enraizada na terra propia, o exilio obrigado, marchar de Vilardebós, e sumar anos que non teñen volta atrás. Só a escritura ten a chave para amosar de novo aqueles anos idealizados o resto das nosas vidas. A infancia degustada desde a distancia. Recreada desde a memoria.
Porque Vilardevós é unha idealización da Galicia rural, ou máis ben un ideal que queremos conservar todos aqueles que fomos felices no descubrimento da terra, dos ríos, das montañas, das xentes, dos animais, das lendas, do namoramento, das festas, da amizade... da esencia da vida asociada a un topónimo, cadaquén sabe o seu, cadaquén leva na súa alma o topónimo da súa infancia, no seu corazón, pero todos se identifican con Vilardevós. Vilardevós metáfora da infancia. Vilar dos bos, porque a boa xente vive eternamente nas terras dos seus antergos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario