Hai terras fértiles. En calquera clase de produto que dea a terra. Se a terra é rica o normal é que dea bos froitos. Hai terras fértiles en artistas, outras prefiren especializarse aínda máis, por exemplo, en escritores. En Auria sabemos ben diso. E nas terras da provincia tamén. Vilardevós, outro exemplo.
A oitenta quilómetros de Auria, apenas a un hora de coche (non sempre foi así) atopamos este concello que non chega aos dous mil habitantes na actualidade, terra que sofre a traxedia da despoboación, como todo o rural galego. Vilardevós, protexida pola serra das Penas Libres. Vilar dos bos, dos bos escritores, que ao longo do tempo foi dando plumas exquisitas, sen dúbida, a influencia das penas graníticas, lousas, cuarcitas e xistos incidiron no carácter libertario e rebelde que domina aos seus escritores. Tamén neles parece ser unha constante marchar de alí na procura de novas terras e con afán de descubrir novos mundos. Pero sempre, desde a distancia, presumindo seu Vilardevós natal.
O último exemplo, Juan Tallón, nado nesa vila en 1975, escritor e gran coñecedor e divulgador da boa literatura. No final da súa última obra, “Rewind”, aparece o nome do seu pobo como lugar de escritura.
Xaime Noguerol, nado en 1950, está intimamente ligado coa aldea de Arzádegos. Participou directamente nos anos da movida madrileña movéndose na contracultura, con varios poemarios en castelán, un disco e autor dalgunhas letras de cancións famosas de Miguel Ríos, Luz Casal ou Burning. Actualmente escribe no diario La Región unha sección ocasional na que retrata o ambiente máis escuro e alternativo da cidade das Burgas, de historias raianas con Portugal nas terras de Verín e Vilardevós ao tempo que vai lembrando a súa vida aventureira.
Silvio Santiago, nado en Vilardevós en 1903 foi o escritor que consagrou o seu pobo na literatura na súa obra homónima publicada no ano 1961 despois de regresar a Galicia tras varias décadas exiliado en Caracas, a onde fuxiu despois da Guerra Civil do 36, onde desenvolveu un gran traballo a prol da cultura galega, e desde onde mantivo contacto cos mellores escritores galegos da súa época como Otero Pedrayo ou Blanco Amor. Ten outra novela póstuma, “O silencio redimido”(1976) onde recrea a fuxida desde a súa vila natal até Venezuela escapando dos fascistas.
Será en “Villardevós” onde Silvio Santiago nos descubra outros escritores do seu pobo.
Jacinto Santiago, (Jacinto Eloy Santiago García) naceu en Arzádegos en 1894, mestre de profesión, escribiu en distintos xornais coma La República ou La Zarpa, dos que mesmo chegou a ser director. Foi asasinado polos fascistas en Vilariño Frío (Montederramo) o un de novembro do 36. Juan Tallón publicou no ano 1998 un libro sobre el: “Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar”.
Volvendo a Tallón e a Santiago, é curioso que en “Villardevós” aparece un zapateiro que se chamaba tamén Juan Tallón (vese que o apelido é frecuente pola zona), do que descoñecemos se existe algún parentesco.
Manuel Núñez González nace en 1885 en Vilardevós e morre tamén alí en 1917. Traballou como rexistrador da propiedade e publicou varios libros de poemas como “Salaios. Versos gallegos” (1895) ou “Efusivas” (1908). Ademais publicou contos en distintas publicacións como “O tío Marcos da Portela”, algúns baixo o seudónimo de Ma-nu-gon.
Menos sabemos de Vicente Luis Méndez, apenas o que Silvio Santiago nos conta del: “comenzóu tamén de salesiano e rematou sendo escritor e poeta de nostálxicas delicadezas. Morréu en Buenos Aires”. Apenas recuperamos dous títulos seus: "Versos a los barcos grises" (Bos Aires, 1937) e "Los mariscos: Elogio de las cuatro madres" (1938).
Outro xornalista que se cita e do que só temos noticias por Silvio é Joaquín González, o corresponsal en Vilardevós polos anos 30 do século pasado e que inmortalizou nas páxinas do xornal da cidade o último enterro da sardiña celebrado no pobo, xusto antes da guerra civil.
Non queremos rematar sen citar outros nomes que se citan no final de “Villardevós” e que naceron en concellos próximos: Augusto Assia, nado na Mezquita en 1904, importante xornalista tanto en prensa galega como española e que ten bastantes libros publicados, destacando aquí a súa primeira novela, a única escrita en galego, “Xelo, o salvaxe” (1926); e Ánxel Romero Cerdeiriña, nado en Urdiñeira-Riós, foi un dos fundadores do Seminario de Estudios Galegos en 1923 e autor dunha única narración literaria, “O karma de Farruco Filgueira” publicada en 1926 na editorial Lar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario