"Un día -non fai moitos meses- Manoliño saíu de caza co José do Ramiro. (...)
Era unha tarde crara, nidia, de febreiro. Nunca até alí tiña reparado nas estensas lonxanías, nin atinguido a grandura do municipio, nin visto dunha soia ollada as terras particulares de Vilardebós, nin descuberto aos seus pes a fermosura do pobo. Afundíu a vista no horizonte e foi xirando os seus ollos en panorámicas concéntricas. E víu, pola banda Oeste, a serra do Larouco, o alto das Estivadas, o castelo de Monterrei e o val de Chaves. Polo Noroeste e polo Norte, a serra de San Mamede, de grandes neves; a do Invernadeiro, de moitas corzas; os montes de Agudiña, de abondosa caza; as Portelas de Padornelo e Canda, dos boletíns metereolóxicos; as terras da Mezquita, onde nacéu Augusto Assia. Máis acá, as Ventas da Barreira e Riós, lugares onde se criaron Romero Cerdeiriña e García Portela, parentes de Manoliño. Polo Este, amontóanse lombeiros portugueses, dos Distritos de Braganza e Vila Real. E polo Sur, érguese o Marco da Cota, onde remata Hespaña, coma xa se sinalóu."
Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega, nº 40; 1982. Páx. 188-189.
No hay comentarios:
Publicar un comentario