domingo, 15 de marzo de 2020

“Algunhas aproximacións á hipnose no caso Romasanta” (IV)


Na “Sesión Nº 3” a nena Petronila amosa a súa especial e íntima relación co seu padrasto, Manuel, o que a leva a desexar e pedir a Romasanta, a morte da súa nai que parece entorpecer a súa felicidade.

“Si, eu cóntolle como vivimos. A natureza, o campo, a terra é o noso único solaz. Así imos andando a vida entre os penedos, vadeando os ríos, eu vou apartando de min a espesa matogueira que rabuña as miñas pernas de pel nova. Se sentimos ouveos ao lonxe el cólleme a man e chégame contra si. Di que non ten temor de Deus e que se fai falla dorme cos lobos na serra. Todo por protexerme.
 Se non tivese mai como teño, el podería sela. Ás veces chámolle padriño. Agóchome nos seus contos, no seu falar, no seu recendo. Ten algo na face que resulta doce para min, se lle afeito a penuxe nacen uns beizos finos e un queixo que gorenta coller na man. Cando hai lúa chea semella que imos tolear os dous, case nos poñemos a ouvear de contento e paixón, bulimos a brincar a estomballarnos na herba, corremos as campías e enzoufámonos no río. Eu dígolle, Manuel teño sede, e el lévame a beber a auga da fonte máis fresca do mundo. Ou finxe que me dá a beber caña de herbas e morremos os dous de risa. Bebemos cousas que eu non coñezo e que non está permitido que os cativos probemos. El faime máis muller do que son. Perdo o sentido na súa aperta. Síntome parte do seu corpo cando o teño detrás de min respirando coma un animal, señor.”
Xesús Constela, Antonio Manuel Fraga e Mariña Pérez Rei; “Algunhas aproximacións á hipnose no caso Romasanta” en Contos do Sacaúntos. Romasanta e as mulleres. Dr. Alveiros / Urco editora. Compostela. 2018. Páxs. 30-31.




No hay comentarios:

Publicar un comentario