“As crenzas do
lugar din que o sétimo ou noveno de sete ou nove irmáns será lobo e a sétima
entre as nenas, peeira, que significa a que goberna na manda dos lobos. Isto
será así aínda que deses sete algún morra na infancia ou se perda no ventre
materno e non chegue a ser. Aquí cóntanse as ganancias e tamén as perdas.
Tamén se di que será lobishome quen reciba a
fada ou o ollar velenoso de quen o odie ou a trabadela dun lobo ou do lobicán. As
crenzas dos lugares escuros din que para evitar a fada haberá que envolver a
criatura en lenzos de fío branco, lavala con auga de sete muíños e, tras
queimar o manto na lareira, facerlle coas cinzas na fronte o sinal da cruz
cristiá. Tamén pode facerse un bolo co refugallo e darllo a comer a un animal
sen dentes, como unha pita. Este remedio tamén é usado para sacar a fada do
aire de morto, de becho e a sombra.”
Pedreira, Emma. Besta do seu sangue.
Ed. Xerais. 2018. Páx. 13
No hay comentarios:
Publicar un comentario