lunes, 23 de diciembre de 2019

Biblioteca Pública de Ourense


O 23 de decembro de 2019 inaugúrase a nova ubicación da Biblioteca Pública de Ourense, de titularidade estatal e xestión autonómica, na parte traseira do Claustro de San Francisco (Rúa da Canle), próximo ao Auditorio Municipal e ao futuro Arquivo Municipal. O proxecto da nova biblioteca fora anunciado polo goberno estatal no ano 1998. Houbo que esperar 21 anos por ela nova. Cun investimento de 12 millóns de euros, ocupa 6.000 metros cadrados e albergará máis de 193.000 documentos. Terá 450 postos de lectura, unha bebeteca, sala infantil e xuvenil, hemeroteca, espazos para traballos en grupo, acceso a internet e servizo de préstamo e consulta. A súa actual directora é Rosa María Díaz Naya.



 Aproveitamos a ocasión para facer un repaso da historia da Biblioteca Pública de Ourense.

1845: o 17 de febreiro fúndase por Orde Ministerial. Instálase na primeira planta do antigo convento de San Fernando, antigo colexio dos xesuítas, na rúa Instituto daquela, hoxe Lamas Carvajal. Alí tamén se instalou o Instituto de Segunda Enseñanza. Os primeiros fondos constaban entre dez e doce mil volumes procedentes das bibliotecas dos conventos de Ourense: Melón, Celanova, Oseira, San Clodio, Santo Domingo e San Francisco, que foran desamortizados en 1836 por Mendizábal polo que corrían bastante risco. Comeza a funcionar o 1 de outubro, aínda que non se inaugurou oficialmente até o 20 de xuño de 1847. O seu primeiro director foi Bonifacio Ruiz, abade exclaustrado de Celanova. A mediados da década dos 60 farase cargo o seu axudante, Juan Leonato. En 1875 Juan Manuel Amor Pereira será o seu novo director, até 1911. En 1881 contaba xa con 14.000 volumes.


1898: Trasladase, xunto ao Instituto, a un edificio (actual Instituto Otero Pedrayo) construído ao carón do Botánico, na rúa Padre Feijoo. Outros estudosos falan do 1 de xuño de 1896 como data dese traslado, e do 1 de outubro como día de inauguración. O 11 de xullo de 1911 farase cargo dela Juan Fernández Pérez, Xesta. (Que por certo era ou fora non facía moito o mozo da Asunción que foi asasinada  o 28 de abril de 1891, na praza Maior de Ourense, por un ex mozo seu, e que está enterrada, nas proximidades da nova biblioteca, cunha curiosa placa no cemiterio de S. Francisco, obra do propio Xesta.) En 1920 contaba xa con 17.660 volumes.

1927: a noite do 7 ao 8 de decembro arde a Biblioteca, provocado ao parecer  por un braseiro de carbón, desaparecendo case que 17.000 volumes, manuscritos e incunables entre eles, procedentes na súa maior parte dos mosteiros ourensáns. Dinos Enrique Bande: “a muy larga distancia la lluvia de negras cenizas anunciaba la destrucción de las soberbias obras que atesoraba. Mojados, deshechos y quemados, aparecieron por doquier libros y pergaminos.”

Do propio responsable da biblioteca, Juan Fernández Pérez, podemos citar dúas obras perdidas ese día: “Historia del monasterio de Osera” y una “Gramática latina”. Rafael Salgado, no seu artigo de Ourense no Tempo, alude a unha Memoria da Biblioteca do ano 1915 e a un índice de libros do ano 1931 publicados ambos nun Boletín da Comisión no que se recollerían moitos dos títulos perdidos ese día.

                             Interior do Instituto o día despois do incendio. Fonte: La Región.

1932: Ante o prolongado peche a Deputación cede unhas salas na planta baixa do Pazo Provincial (esquina coa Rúa Cruz Vermella) cos fondos que se foron conseguindo nos anos anteriores grazas ao Comité pro-Biblioteca constituído e a doazóns particulares importantes procedentes de múltiples lugares, e que se atopaban na Delegación de Facenda. A primeira doazón recibida foi o mesmo 9 de decembro polo bibliófilo Gumersindo Bustos que enviou un exemplar de “La Atlántida” de Decoud. Destacar especialmente a importancia de don Juan Fernández Pérez, coñecido como Xesta, na súa recuperación. Inaugúrase en 1932, abrindo as súas portas algún ano despois. En 1936 xa contaba con dez mil volumes. En 1942 Pérez-Xesta publica la “Memoria de la nueva Biblioteca”. En 1941 fíxose cargo da mesma Xesús Ferro Couselo.

1978: desde o 15 de xullo ocupa cinco andares dun edificio na rúa Concello-11, feito para albergar a biblioteca, aínda que compartido coa Delegación de Educación, e onde permaneceu até hoxe. Pechouse ao servizo público o sábado 2 de novembro. En 2002 a súa directora era Minia Martul.


Fontes:

-Bande Rodríguez, Enrique. “Biblioteca Pública o Provincial”, páx. 17,  en Un universo literario en 100 miradas (Homenaje al libro desde Ourense). Agrupación de Libreiros de Ourense. 2002

-Bande, Enrique e Taín, Carlos. El instituto provincial de  segunda enseñanza de Orense. Editado polo Concello de Ourense, 1990. Páxs. 170.

-bibliotecas.xunta.gal (Historia da Biblioteca de Ourense) https://es.calameo.com/read/002341943ea858dd688cd

-Fernández Pérez, Juan. La nueva biblioteca de Orense, su resurgimiento. Memoria. La Región, Ourense, 1942. Páxs. 204.

-Fernández-Xesta y Vázquez. “La “Bibliografía literaria y musical de Galicia” de don Juan Fernández Pérez, Xesta”. Na Revista de la CECEL, nº 14, 2004.  http://cecel.es/wp-content/uploads/2019/08/Revistacecel-14-Fdez-Xesta.pdf

-Lezcano, Arturo. “El nieto del novio de Pobre Asunción”. 7/2/2009. La Región. https://www.laregion.es/opinion/arturo-lezcano/nieto-novio-pobre-asuncion/20090207000000244961.html

-Outeiriño, Maribel. “El largo camino de la biblioteca pública durante dos siglos”. 23/12/2019 La Región.     https://www.laregion.es/articulo/ourense/largo-camino-biblioteca-publica-siglos/20191222235932915107.html

-Salgado, Rafael. “La Biblioteca Pública de Ourense”. 19/9/2015. La Región. https://www.laregion.es/articulo/ourense-no-tempo/biblioteca-publica-ourense/20150919094200569481.html


No hay comentarios:

Publicar un comentario