sábado, 30 de junio de 2018

Arrolados polo frescor

"Era o sabor de moitos anos, de tantas horas pasadas no Carpazal, de tantas tertulias na solaina, cos contos fantásticos do criado Anselmo, dos ditos divertidos de Delfina ou de Susa, dos rosarios e as devocións de papá. (...)

  Entón entroume o temor de que aquela noite non fose unha noite como as de antes, non só as da nosa infancia, senón outras máis recentes, como as que tiñamos pasado nos últimos veráns naquela solaina, antes da miña voda, falando ata ben entrada a madrugada, arrolados polo frescor que subía do río."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 86-87.

viernes, 29 de junio de 2018

O número de españois que ían ao inferno

"O certo foi que aquel día, o mesmo ano que nacín eu, sete meses antes, comeran todos no Carpazal, que mamá estaba embarazada de min e a baixaran en cabalo, vestida de branco, con pamela e parasol, guiada polo criado Anselmo, e que despois de comer, tío Adolfo dixo que o día anterior estivera na cidade, visitando ao señor bispo, e que este lle dixera que lle mandaran unhas estatísticas de Madrid  e que, segundo se desprendía desas estatísticas, de despois da guerra diminuíra nun trinta e cinco por cen o número de españois que ían ao inferno."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 84.

jueves, 28 de junio de 2018

A folla curvada dunha gran gadaña brillante

"Carlos e mais eu tiñamos falado moitas veces de tío Adolfo, sobre todo no último verán que pasamos xuntos en Beiro, antes da miña voda. "Sodes unha familia envolta en misterios", díxome unha noite. Estabamos os dous sentados na solaina, despois de cear, tomando o fresco, coa mirada perdida no fondo do val, onde o resplandor da lúa debuxaba a canle do río cunha luz de metal, igual que a folla curvada dunha gran gadaña brillante. (...) e despois, cando todos dormen, érguese da cama, baixa ata a beira do río medio espido, en calzóns e afógase porque si, aínda sabendo nadar."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 83.

miércoles, 27 de junio de 2018

No banco de pedra

"Non se entendía ben o que dicían, en parte porque debían de estar un pouco lonxe, sentados quizais no banco de pedra, debaixo da Carballeira da Fonte, e ademais porque falaban en voz baixiña, talmente como se estivesen rezando. (...)

  Estiveron calados os dous ata que Leopoldo mencionou a don Luís, o cura de Bóveda. Entón o meu pai dixo: "Un cura exemplar"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 80-81.

martes, 26 de junio de 2018

O Xigante Briareiro

"Eu non sabía ben quen era o Xigante Briareiro, pero Carlos aclaroume que na parte máis alta do Pico de Zas, nunha das canteiras abandonadas, entre as neves, vivía un monstro horrible, con tres cabezas e centos de brazos. "Pero se non Pico nunca hai neve", dixenlle eu. (...)

  Colleu catro paus bastante gordos, fixo con eles unha especie de cadro e colocouno no medio da parede da caseta que daba cara á parte alta do Carpazal."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 77.

lunes, 25 de junio de 2018

Unha ventá

"...xa nós estabamos correndo escaleiras abaixo, abriamos o portal da horta e seguiamos correndo sen parar, monte a través, polo medio do bosque, camiño do Carpazal." p.74

"Todo empezou porque eu quería construír unha ventá na parte da caseta que daba ás canteiras de Zas e el prefería poñela do outro lado, cara á parte alta do Carpazal." p.76

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. 

domingo, 24 de junio de 2018

Un alarido de indio apache

"Nese momento, Carlos deu un alarido de indio apache e berrou: ¡Viva papá e morra mamá!, e Elisa ergueuse para darlle unha labazada e entón presentouse no comedor tía Mercedes para dicir que levaba tres días con dolor de cabeza e que a ver se alguén podía poñer orde naquela casa de tolos, que se non, ela veríase obrigada a regresar á cidade e quedar sen vacacións por culpa daqueles nenos tan mal educados."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 72-73.

sábado, 23 de junio de 2018

Refocilándose quizais

"Un día, mentres Susa traballaba na cociña, despois de que tía Mercedes comentase que, na véspera, Leopoldo estivera só na solaina ata preto das cinco da mañá, cos ollos postos no río, sen dúbida matinando en algo que non se podería pensar que fose bo, refocilándose quizais nas porcarías da súa conciencia, chea de vicios, a criada replicoulle que, con perdón, ela non tiña tan mala opinión do señorito Leopoldo, que lle parecía un home agradable, e que para ela abondaba que a señorita Carmela o quixese ben e se sentise contenta cando viña pasar aqueles días de verán á casa de Beiro e que ademais era un señor educado e simpático."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 70.

viernes, 22 de junio de 2018

Ao longo de tantos veráns

"Foi unha sorte que aqueles días estivese en Beiro Leopoldo, o pai de Carlos, pois mamá non conseguía frear case nunca a rabia daquela muller enfurecida, incapaz de escoitar razóns cando se enfadaba... (...) Eu, a pesar do incidente co criado Anselmo e doutras discusións, recordo aqueles días como os máis fermosos de todos cantos pasei en Beiro ao longo de tantos veráns."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 68-69.

jueves, 21 de junio de 2018

Un fardo polo aire

"Despois de pasar pola Cima da Costa, ao deixar á nosa dereita o cruce que leva á parroquia de Canedo, de repente sentín que o meu corpo saía lanzado como un fardo polo aire cara á parte de adiante do coche, e que o brazo dereito de Arturo, interposto como unha barreira protectora á altura do meu peito, me amparaba con firmeza para impedir que batese violentamente contra o cristal do parabrisas."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 65.

miércoles, 20 de junio de 2018

Unha grella ardendo

"... e despois tocoume levemente cos dedos na punta do nariz e dixo: "Vai unha noite preciosa". Mirei para o ceo. Cara á nosa esquerda, por riba do Pico de Zas, o resplandor das luces da cidade, escondida detrás do monte, dáballe a este un aspecto místico, un aura de cousa santa que a Carlos, en cambio, lle pareceu como o lombo azulado dun porco bravo posto sobre unha grella ardendo. Naquel momento escoitouse ao lonxe o ouveo dun can, un lamento ferido de animal que venta a morte e que me deixou muda, coa gorxa apertada polo medo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 62-63.

lunes, 18 de junio de 2018

"Dáme un bico primeiro"

"Carlos pediume que non falase tan alto, que podía espertar a Mariví, e eu funme calmando pouco a pouco e el seguiume falando, pero eu escoitaba cada vez menos o que me dicía, algo relacionado co can Turco e un cazador de Beiro a quen lle chamaba o Tiroliro, ao que lle faltaba un ollo, ata que oín a súa risa apagada e unha voz que comentaba: "¿Estás durmindo?" Respondinlle que non. Abrazoume con forza e dixo que se quería poñer por riba de min. Eu díxenlle: "Dáme un bico primeiro".

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 58-59.

domingo, 17 de junio de 2018

Eu a ti cóntocho todo

"Eu pregunteille: "Carlos, ¿por que escapaches hoxe do Carpazal, cando estabamos comendo, sen dicir a onde ías?" páx. 56

"Non me gusta que non me queiras contar a onde fuches cando marchaches do Carpazal. Eu a ti cóntocho todo." páx. 58

"Eu díxenlle: "Pero é que non teño sono, mamá. Carlos non me quixo dicir a onde foi despois de fuxir do Carpazal". A miña nai pediume que estivese tranquila, que xa mo dirá mañá." pás. 60

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.

sábado, 16 de junio de 2018

Detrás dos amieiros

"Pensei que fora ver a Basilisa, a filla do sancristán, unha nena loura, de ollos grandes, que andaba sempre cunha cabra que traía pacendo na carballeira de Turei. (...) Entón pregunteille: ¿E logo non me dixeches unha vez que era unha rapaza moi boa e que un día vos bañarades os dous xuntos na poza do río, detrás dos amieiros da casa do cura? Contestoume que fora certo, que se bañaran alí, e que despois andaran correndo e rindo pola fraga da Fontemoura, para secar, pero iso non quería dicir que lle gustase."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 57.

viernes, 15 de junio de 2018

Monte arriba

"Fusilárono hoxe pola mañá, mentres estabamos no Carpazal. Eu oín os tiros." páx. 51

"Mamá achegouse a Carlos, fíxolle unha caricia e díxolle que había que ir durmir, que ao dia seguinte tocaba comer no Carpazal e que os nenos tiñan que axudar a trasladar as cestas pequenas. A min gustoume que mamá dixese aquilo e que tía Mercedes non lle replicase, porque iso quería dicir que a Carlos non o ían mandar para a súa casa de Bóveda. (...) Seguía sen entender qué lle sucedera a Carlos cando estabamos no Carpazal pola mañá e botou a correr monte arriba."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 55.

jueves, 14 de junio de 2018

Bandidos e atracadores

"A min deume rabia de que a tía sacase un tema de conversación tan noxento, con aquel episodio do lagarto polo medio, e tan aburrido, que non lle gustaba a ninguén, pois sempre acababa dicindo o mesmo e ademais non permitía que Anselmo falase do que quería, que era contar as  historias de bandidos e atracadores, e do cura de Vilamarín, un home gordo e pequenote que defendera a casa reitoral a tiros coa escopeta de caza, e todos o pasabamos tan ben e Carlos estaba quieto, escoitando atentamente."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 52-53.

miércoles, 13 de junio de 2018

Abaixo, na cidade

"Por uns instantes pensei que as cousas ían cambiar, primeiro cando vin aparecer o coche do pai de Carlos na curva do Cruceiro e despois cando se abriu a porta do auto ao deterse na entrada do patio. (...) convencinme de que non ía volver e que o resto do verán ía consistir só en agardar que acabasen as vacacións e que empezasen de novo as clases no colexio das monxas, abaixo, na cidade.

  (...) Mamá mirou para min con cara de resignación, fixo un aceno cos ombros e foi sentar na butaca de vimbio, na porta mesma que daba á solaina, mirando cara ao río."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 46.

martes, 12 de junio de 2018

Ao aire libre

"Logo recordamos os dous que aquela vez, cando regresamos do Carpazal pola noite, el non apareceu polo comedor nin polo salón..." páx. 42

"...e logo pasaba o día na solaina, cos cóbados apoiados na varanda de madeira e mirando cara ao Carpazal." páx. 44

"Para min, non obstante, aquel verán acabara sendo tan feo como calquera inverno na cidade, aínda que fixese sol e comésemos moitas veces no Carpazal, ao aire libre..." páx. 45

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.

lunes, 11 de junio de 2018

Tinguindo de vermello

"O peor de todo, non obstante, eran as tardes. Cando o sol empezaba a baixar por detrás do Pico do Corvo, conforme o ceo se ía tinguindo de vermello, eu sentía que as veas se me encollían e que me apertaban no pescozo e a respiración se facía máis delgada ao pasar pola gorxa. Despois só quería chorar.

  Unha semana despois de que o criado Anselmo levase a Carlos cos seus pais, un día pola mañá, cando eu estaba no balcón mirando cara ao Carpazal sen pensar en nada, cos ollos distraídos sobre as grandes copas verdes das faias que se erguían á beira do estanque, de pronto escoitei a bucina dun coche que pitaba na curava do Cruceiro e vin o Citroën negro do pai de Carlos que avanzaba cara á nosa casa."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 44.

domingo, 10 de junio de 2018

¡Oxalá chova!

"Ao día seguinte, cando me lenvantei pola mañá, tardei en decatarme de que Carlos xa non estaba con nós en Beiro e que probablemente non o vería no que quedaba de verán. O sol entraba pola ventá do meu cuarto e resaltaba as colores verdes e vermellas dos ananiños que papá pintara para min había uns anos na parede do fondo, por riba da cómoda, e que agora me parecían, a pesar da intensidade da luz, apagados e grises. (...) Tía Mercedes, que ía vestida con aquela bata azul que a min me daba noxo porque lle puña cara de morta, dixo que facía un día divino, que podiamos comer no Carpazal, e eu comentei en voz alta, con rabia metida entre os dentes: "¡Oxalá chova!"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 43.

sábado, 9 de junio de 2018

A lóxica do meu pensamento

"Era posible que o tivesen castigado no seu cuarto por algunha trastada que eu non coñecía, talvez por fuxir do Carpazal á hora de xantar, ou que os meus pais soubesen onde estaba escondido e o deixasen estar, quizais para descansar todos un pouco del. Pregunteille a Delfina, pois a pesar da lóxica do meu pensamento, eu tiña medo de que a Carlos o mandasen para a casa de Bóveda, cos seus pais. Delfina respondeume: "Carlos está onde ten que estar"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 42.

viernes, 8 de junio de 2018

Carpazal

"...logo deu media volta de súpeto, mesmo como se tivese un trasacordo, baixou a présa ata o Carpazal, bebeu de morro no cano da fonte..." páx.22

"Sucedera no Carpazal, na parte baixa do estanque, no pequeno campo que se estendía entre os castiñeiros..." páx. 40

"Aquilo sucedeu o mesmo verán en que Carlos fuxiu do Carpazal sen dicir nada e despois estivo un día enteiro sen aparecer." páx. 41

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.

miércoles, 6 de junio de 2018

Un momento

"Na véspera, xa de madrugada, eu fixera dúas veces con Carlos aquel mesmo percorrido que estaba facendo agora con Arturo, unha vez en cada dirección, primeiro cara á cidade e logo volvendo para Beiro. Precisamente, na viaxe de volta, ao saír do túnel do viaducto de Quintela, que acababamos de atravesar Arturo e mais eu, Carlos detivo o coche nunha beira, baixou a ventá do seu lado e dixo que lle apetecía estar parado un momento para descansar un pouco do ruído do motor."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 39.

martes, 5 de junio de 2018

A favor da corrente

"No río, dúas barcas vermellas baixaban navegando a favor da corrente, cargadas de nenos vestidos todos igual, con camisas de color marrón e con sombreiros grises e un pano verde anoado arredor do pescozo. Polos xestos, postos de pé e acenando coas mans, como se dixesen adeus a alguén, amosaban o seu entusiasmo inocente cara o tren que camiñaba a par deles por unha das beiras do río.(...)

A visión dos nenos portugueses baixando en barca polo río, saudando o tren que pasaba..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 37-38.

lunes, 4 de junio de 2018

Como se o aire fose auga de mar

"Ata que Arturo tomou a curva que desemboca no túnel que pasa por debaixo da vía do ferrocarril, camiño da cidade para avisar a miña nai da morte de Carlos, eu non me decatara aínda de que facía un día azul e transparente, como se o aire fose auga de mar, máis propio do mes de maio que de finais do mes de xullo, e que probablemente iamos gozar da calor agradable e lixeira que xa tiveramos durante as dúas semanas anteriores. Naquel momento pasaba o tren."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 37.

domingo, 3 de junio de 2018

A auga transparente daquel río

"Nin sequera o sorriso franco de Arturo despedíndonos desde a solaina, axitando a man ao mesmo tempo que lle pedía a Carlos que fose prudente, serviu para suavizar aquela sensación que eu tiña de estar vivindo fóra do tempo, como se tratase inutilmente de apreixar entre as mans a auga transparente daquel río que tantas veces tiñamos contemplado xuntos desde a solaina, como un soño, nas cálidas noites de tantos veráns."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 34-35.

sábado, 2 de junio de 2018

Nada máis que un montón de palabras

"Non era un sentimento absolutamente novo, provocado só pola morte de Carlos, senón que o viña experimentando xa desde que me instalara a vivir con Arturo en Beiro, cando a casa de vacacións dos meus pais se converteu na nosa residencia. (...) Naqueles primeiros meses de vida solitaria con Arturo na casa de Beiro, compartida soamente coa criada Susa, decateime de pronto de que aquel Carlos que fora o compañeiro dos meus xogos infantís, o meu amigo da adolescencia, o cómplice da miña mocidade empezaba a ser nada máis que un montón de palabras pronunciadas por Arturo de cando en vez entre os longos silencios que nos separaban. (...)

  Carlos non volvera a Beiro desde o verán anterior á miña voda, no outono de 1964."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 33-34.

viernes, 1 de junio de 2018

Unha nomeada que lle quedase pegada

"Trouxérao mamá despois dunha visita á casa de Bóveda, onde Elisa, a nai de Carlos, estaba moi preocupada polas cousas que facía, pois estivera a punto de tirarse desde o alto dun eucalipto cun aparato para voar que el mesmo construíra, cunhas ás de palla, os radios dunha bicicleta vella e o cinto de coiro do seu pai. O mesmo día que chegou a Beiro, durante o xantar, tía Mercedes díxolle que iso de voar parecía unha loucura, que se podía matar un e que, ademais, a xente da aldea podía poñerlle unha nomeada que lle quedase pegada para toda a vida, como chamarlle Carlitos Aviador, por exemplo, ou Piloto Garoto."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 26-27.