miércoles, 31 de enero de 2018

Un señorito pintamonas

"Por certo que deste pequeno grupo de descontentos saíron sen dúbida os dous traballadores da Fundición que uns días despois decidiron tomar a xustiza pola man. Presentáronse no Cafe Royalty a eso das cinco da tarde, cando máis xente había nas peñas do fondo. Mentres consumían con calma un par de copas de coñac no mostrador, estiveron observando o escenario. Ó lado dunha das fiestras, medio escondidos entre plantas, estaban os escritores e os poetas, entre eles don Vicente Risco e don Ramón Otero Pedrayo, ós cales consideraban boa xente, segundo confesaron meses máis tarde no xuízo, pero acompañados de Eugenio Montes, de quen dixeron que era un señorito pintamonas, amigo dalgúns dos pistoleiros da Brigada Amanecer."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 103.

martes, 30 de enero de 2018

Lume á catedral con beatas dentro

"Foi Antonio Salgado París a persoa que evitou que aquela noite na cidade se vivise unha traxedia, enfrontándose con valentía ó grupo de exaltados que se dispuñan a plantarlle lume á catedral con beatas dentro, como eles mesmos dicían, pilladas as infelices das devotas no momento en que se celebraba unha novena para pedirlle ó Santo Cristo a conversión das persoas que estaban levando o país polo camiño do pecado. Subido no alto da fonte da Praza do Trigo, Antonio Salgado París conseguiu calmar a aqueles homes, moitos dos cales se lle arrepuxeron e mesmo o acusaron de sucumbir ás trampas do fascismo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 102.

lunes, 29 de enero de 2018

Un home de ben

"Dicíalles este ós amigos do partido que Antonio Salgado París era resultado dun cruce explosivo entre cura e criada, aludindo ó conto falso, inventado por un grupo de señoras, dunha suposta orixe sacrílega familiar, que viña do tempo do seu avó, a quen facían fillo dun coñecido abade de Beiro, máis tarde asasinado en circunstancias nunca aclaradas. Aínda así, o citado López Bande aseguraba que Salgado París era un home de ben, con quen sempre se podía contar nas horas difíciles, cando facía falta xente firme e con coraxe, como sucedeu cando a morte dos obreiros asasinados no Café Fornos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 102.

domingo, 28 de enero de 2018

Orneos

"Fora aquela historia, ben coñecida, por outra parte, en todos os círculos políticos da cidade, o motivo principal do breve discurso que acababa de pronunciar. Decatándose da burla da xente, que ameazaba con arruinar a concentración, pois xa na esquina da Rúa de Arcediagos se empezaban a escoitar orneos, foi Antonio Salgado París quen deu os berros a favor do novo réxime e pediu que todo o mundo se comportase da forma civilizada que requiría unha xornada histórica como a que estaban vivindo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 101-102.

sábado, 27 de enero de 2018

Aquel preboste republicano

"Veo por último uns anos despois, o día da proclamación da República, ó lado do conselleiro Sebastián Fábrega Parrado no balcón da casa do concello, mirando con asombro como aquel preboste republicano, grande e barrigón, en vez de botar o discurso que lle reclamaba a xente que enchía a praza, dixo que ía fumar diante de todo o mundo un puro habano que lle regalara Alfonso XIII nunha visita á cidade, e a quen lle prometera gardalo para o día en que chegase tan esperada ocasión."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 101.

viernes, 26 de enero de 2018

Xerseis grosos de colo alto

"Ela segue lembrando a Antonio Salgado París, de quen recobra unha enxurrada de imaxes felices que ata agora dera por perdidas para sempre. Veo, por exemplo, facendo o papel do capitán don Álvaro de Ataide nunha velada teatral no Instituto, vestido cun vistoso uniforme de época (...).

  Pode velo tamén paseando polos corredores do Instituto, vestido cuns chamativos xerseis grosos de colo alto, un deles de cor granate e cun espectacular cervo branco debuxado no centro do peito. (...) Está vendo as cores del ó escoitar aquelas palabras e o sorriso franco e comprensivo, pero tamén o desconcerto que fixo que lle caesen os libros que levaba debaixo do brazo, unha circunstancia que aproveitaron todas para achegárense e rodealo, ata que pasou o director do Instituto e pediulles ás alumnas, falando a berros e indignado, que fixeran o favor de entrar na aula inmediatamente e comportarse como verdadeiras señoritas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 100-101.

jueves, 25 de enero de 2018

A cabeza rabanada

"As acusacións do cura de Soutelo, que asegurou no xuízo que Antonio Salgado París o ameazara de morte en varias ocasións durante os días que durou a folga pola interrupción das obras do ferrocarril e que nun mitín pronunciado no adro da igrexa na mañá dun domingo, mentres dentro se celebraba a misa, dixera que non había parar ata verlle a cabeza rabanada polo pescozo e colgada no badal da campá no alto do campanario, eran completamente falsas. Dicía tamén que despois de comparecer diante do tribunal militar que o xulgou, Antonio Salgado Paris fora torturado, ata o punto de que cando o fusilaron en San Francisco, ía coxo, con muletas, a consecuencia dos golpes recibidos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 99.

miércoles, 24 de enero de 2018

Naqueles instantes finais

"Sempre que se acordaba do seu compañeiro de bacharelato, só conseguía recordalo naqueles instantes finais, cando ela abandonou o paraninfo do Instituto e o seu amigo seguía de pé diante do tribunal militar, agardando algún trámite burocrático, quizais botar unha firma ou darse por informado do que lle acababan de comunicar. Aquel día, sen embargo, despois de ler o artigo no que se aludía a Dostoievski, Antonio Salgado París recuperou dentro dela o rostro alegre dos anos anteriores, cando paseaban en pandilla polas rúas da parte vella da cidade ou cando ían todos xuntos, os compañeiros de curso, a bañarse no río nos veráns, ou cando no mes de xuño, durante as festas de Corpus, acudían polas noites ás verbenas do Posío."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 98-99.

martes, 23 de enero de 2018

Desapareceu un día pola noite

                                                
"Pola tarde foron ver O rapaz, de Charlot. 

  (...) A fotografía do actor que regalaban á porta do cine antes da proxección, tívoa el colgada nunha parede do seu cuarto en Santiago ata que abandonou a cidade e a levou consigo. Hai tres anos aínda estaba no tabique do fondo do salón da casa del, aí en fronte, do outro lado da rúa. Desapareceu un día pola noite, despois dunha viaxe a Sabucedo, e foi substituída por un óleo, quizáis traído da casa de alá."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 96-97.

lunes, 22 de enero de 2018

Aquela debilidade

"pero unha e outra vez, sobre todo polas noites, cando xa estaba metida na cama, a figura daquela rapaza fermosa que un día observara falando con el nos xardíns do Clube de Tenis transformábase nunha tortura, non só polas sensacións incontrolables que nela provocaba, senón pola rabia que lle producía descubrir dentro de si aquela debilidade. (...) Vía a aquela moza sentada á beira do Miño, nun campo entre choupos, cos pés descalzos, dicíndolle a el que un día serían felices naquel lugar, cando el rematase os seus estudios de doutoramento, incluídos os que pensaba facer en Alemaña con aquel profesor de Berlín con quen se viña carteando desde había tempo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 94-95.


domingo, 21 de enero de 2018

Aquela sensación de tristeza

"Volvía ser a rapaciña que amara, a moza vital coa que percorrera a pé, nos veráns, as beiras do río, remando a veces durante horas na barca pintada de amarelo (...).

  Era tamén a primeira vez que ela pensaba en Mariana con disgusto. Nin sequera nos primeiros meses, cando el seguía acudindo cada venres á Casa Grande do Miño, experimentara aquela sensación de tristeza que sentía."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 94.

sábado, 20 de enero de 2018

Daqueles encantos

"Imaxinouno con Mariana na Casa Grande do Miño, paseando de novo pola horta e recordando as horas felices que viviran xuntos. Foi a primeira vez que, ó pensar naquela mansión, se decatou de que ela non tiña aldea e que a casa dos seus pais, na Rúa do Hospital, carecía daqueles encantos dos que el lle tiña falado tantas veces: a presencia do río, a alegría das voces dos paisanos traballando nos campos de arredor, as tertulias na solaina durante as noites de verán ou a actividade das criadas na cociña todos os días antes de comer. (...) Contemplada desde a solaina, apoiado el sobre a varanda de pedra, de costas ó río, pensaba que naqueles momentos, a pesar de todo, Mariana recuperaba a fermosura espléndida dos dezasete anos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 93-94.

viernes, 19 de enero de 2018

Mediante garrote

"Horrorizado polo crime e a sentencia a morte inevitable, o fiscal desapareceu durante varios meses, alegando enfermidade. O asunto descubriuse tres días antes da execución do desgraciado, que se levou a cabo no campo do Polvorín mediante garrote, cando unha monxa que acompañaba a unhas nenas que foron ver como os carpinteiros levantaban o patíbulo, dixo sen malicia que a don Anselmo López Penedo o vira ela en Barcelona había un par de semanas, onde asistía á misa diariamente na capela da orde."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 82-83.

jueves, 18 de enero de 2018

Os estorniños

"Hai cousa de unha hora, cando o sol xa deixara de iluminar a fachada e o resplandor amarelo que anega a rúa entre as dez e as doce da mañá se apagou case de golpe, como sucede sempre por esta época, coincidindo cos días en que os estorniños empezan a formar a mesma algarabía de todos os anos antes de fuxir dos buracos da fachada da Fundición, ela percibiu a través dos vidros da ventá un brillo rápido que proviña do salón. Pensou que sería a bandexa do almorzo que Mariana estaba colocando sobre a camilla, pero ergueu os ollos do periódico e viuna pasar por diante da porta do fondo, camiño da alcoba. Levaba a bata encarnada sobre o camisón rosa e pareceulle que seguía sen peitearse, como hai un par de horas, cando se asomou á ventá, asustada polos berros que se escoitaban diante da Fundición."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 79-80.

miércoles, 17 de enero de 2018

Argumentos contundentes

"Hai quen asegura que o bispo acudiu a entrevistarse co gobernador para interesarse pola sorte dos presos e que foi advertido de que os asuntos da orde pública non eran da súa incumbencia, mentres que outros afirman que o bispo se presentou no Goberno Civil unicamente para falar dos actos conmemorativos que se van celebrar o vindeiro venres na catedral e que de pasada lle dixo ó seu interlocutor que estaba preocupado polos rumores que corrían en certos ambientes da cidade sobre o trato dispensado ós presos, preocupación que lle foi disipada con argumentos contundentes, os cales foron cumpridamente aceptados."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 79.

martes, 16 de enero de 2018

A uns centos de metros

"En relación cos rapaces que colleron cando o asalto ó cuartel de San Francisco, sábese tamén que a muller de Camilo Deus Sandiás, un dos presos, acudiu ó Pazo Episcopal onte pola mañá para denunciar diante do señor bispo as atrocidades que están cometendo co seu home nos calabozos do Goberno Civil. (...) Cando a citada muller saía da audiencia do prelado, ó chegar á rúa, foi introducida pola forza nun coche que agardaba a uns centos de metros de Palacio e trasladada a continuación a un lugar descoñecido."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 78-79.

lunes, 15 de enero de 2018

De cor branca

"Aínda que non conseguiu o permiso, sábese que hai unhas semanas estivo na Forxa, falando coa muller de Celestino Cabezas e cun sobriño.  Desde entón corren rumores de que este último desapareceu, sen que se coñeza que sucedeu con el, opinando algúns que debeu ir ó monte en busca do tío para transmitirlle algún recado e asegurando outros que o rapaz saíu da casa co citado capitán e tres persoas máis, subiu canda eles nunha camioneta de cor branca e marcharon todos xuntos cara ós montes de Randín. (...) Respecto da muller de Celestino Cabezas, está claro que segue na Forxa, dedicada a coidar da terra e das casas, un extremo que resulta fácil de comprobar e que os mesmos veciños lle confirmaron ó gobernador civil en persoa."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 78.

domingo, 14 de enero de 2018

Os fuxidos

"Dalgún deles como Raúl ou Celestino Cabezas, sabíase que as mulleres ou os pais seguían vivindo nas respectivas aldeas, uns en Barra de Miño e outros na Forxa, polo cal resultaba moi doado collelos e obrigalos a convencer a aqueles para que se entregasen e deixasen de facer barbaridades, causando as desgracias que todo o mundo coñecía, e que no caso de que se negasen a colaborar coa orde ou que os fuxidos non lles fixesen caso, había forma de facelos entrar en razón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 77.

sábado, 13 de enero de 2018

Arruinado da saúde

"Segundo rumores que corren pola cidade, pensábano matar na casa, na Rúa de Colón, onde reside cunha vella criada, aproveitando que hai tempo que non sae porque está arruinado da saúde, desde que tivo un problema da cabeza e quedou coas facultades diminuídas, sobre todo no que respecta a un brazo e a unha perna, que non move."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 76.

viernes, 12 de enero de 2018

Unha touza onde esperaban

"Sobre o asalto sábese agora que cando os atracadores pasaron por diante do cuartel, viñan fuxindo da Garda Civil desde as inmediacións da aldea de Velle, onde foran localizados un par de horas antes. (...) Pouco máis tarde, cando xa chegaran reforzos militares, o campesiño conduciu os gardas ata unha touza onde esperaban os fuxidos, que estaban ultimando os preparativos e facendo tempo para baixar ata a cidade pola noitiña e atentar contra a vida de varias persoas, tres delas descoñecidas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 75-76.

jueves, 11 de enero de 2018

Encollido e amodorrado

"Non resulta difícil imaxinalo metido de novo na cama, ó regresar da misa, encollido e amodorrado pola febre, saíndo do sopor durante uns instantes para atender sen moitas ganas ás explicacións da súa muller,  que xa lle debeu contar a historia do traballador que se feriu na Fundición a primeira hora da mañá. Tampouco custa imaxinar o desacougo que se apodera del coa maneira que Mariana ten de contar, cando en vez de referir os feitos concretos que coñece, se perde en longos circunloquios."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 74-75.

miércoles, 10 de enero de 2018

Onde o perde de vista

"Viuno marchar ás oito menos cuarto, camiño da igrexa, coa bufanda tapándolle a boca e as lapelas do abrigo alzadas ata a altura dos ollos, defendéndose do frío. (...) Por ese motivo non soubo en que momento exacto pasou por diante da Fundición. Cando o viu regresar da misa, xa se estaba agachando á altura do balcón, o mesmo lugar onde o perde de vista cada mañá durante uns segundos, antes de atravesar a rúa camiño do portal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 74.

martes, 9 de enero de 2018

Olleiras redondas e abultadas

"Son as dez e cinco da mañá e desde que volveu da misa, hai máis de unha hora, aínda non entrou no salón para almorzar.  Viuno chegar de fronte, cando dera xa a volta da curva da Fundición e ela non escoitara os pasos que empezan a soar todos os días no momento en que el abandona o paseo de terra do Parque e se adentra no pavimento de pedra da Rúa do Hospital. Pareceulle que estaba pálido e que os ollos lle brillaban de lonxe cunha transparencia acuosa sobre o fondo moura dunhas olleiras redondas e abultadas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 73.

lunes, 8 de enero de 2018

Batendo na pedra do chan

"Viuno desaparecer detrás da curva do edificio da Fundición, co mesmo andar tranquilo, e aínda sentiu os seus pasos batendo na pedra do chan, sempre co mesmo ritmo lento, ata que deixou de oílos ó entrar no camiño de terra da parte de arriba do Parque. Seguro que chegou á igrexa con varios minutos de adianto e que se meteu na sancristía a botar unha breve parrafada, non tanto por falar co cura amigo co para respirar aquel aire pechado que tanto lle gustaba e que lle recordaba o día que descubriu naquel mesmo lugar, cando tiña quince anos, que o cheiro á cera lle producía unha euforia inexplicable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 71.

domingo, 7 de enero de 2018

Música de Bach


"Sobre esta película escribiu un artigo aínda hai pouco, con motivo da proxección que se fixo no Liceo doutra cinta do mesmo autor, Prisioneiros na montaña. Animaba ós lectores a vela e recordaba a sensación de paz que sentiu en Berlín cando na escena final, farto da histeria e os berros que se escoitaban cada día na rúa, canso de himnos e consignas, puido oír durante uns minutos música de Bach e de Beethoven."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 70-71.

sábado, 6 de enero de 2018

Na mirada de hoxe

"Nada pervive daqueles días alegres vividos na Casa Grande do Miño na mirada de hoxe. Na fotografía do periódico que acompañaba a reseña da última conferencia que pronunciou o martes pasado no Liceo, víase canso, cun puntiño vermello de tristeza en cada ollo. (...)

  Despois de ver aquela foto del tomada cando estaba falando no Liceo, durante tres ou catro días, ela leu con atención os artigos do periódico, buscando a razón dalgunha inquedanza."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 63-64.

viernes, 5 de enero de 2018

Aquela risa de axóuxere

"En vez de rir, buscou a continuidade da conversa, centrándose agora en aspectos concretos e en detalles prácticos, fáciles de contestar, e soubo que Mariana e el se vían todas as semanas, a non ser que por algunha razón el non puidese viaxar ata a casa familiar dela, alá no Miño. Chegaban os venres pola noitiña ata as proximidades de Alongos, onde o agardaba un criado cun cabalo para percorrer a legua e media de costa que había que subir desde a vila. (...)
 
  Despois de vestirse, asomábase ó balcón que daba á horta e permanecía alí, contemplando o Pico do Mediodía, con aquela pedra redonda en forma de sombreiro situada no cumio, e non se movía do sitio ata que escoitaba o saúdo alegre de Mariana na cociña, aquela risa de axóuxere que se estendía como o repique dunha campaíña de prata pola casa adiante."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 62-63.

jueves, 4 de enero de 2018

Queixas e salaios

"Aquel día pensou no futuro como unha desgracia. Imaxionouse a si mesmo sentado nunha esquina do salón daquela casa, cun libro nas mans, contemplando o río pola ventá e escoitando as queixas e os salaios dunha muller enferma, pechada na escuridade dunha alcoba de contras entornadas. Era unha imaxe ben distinta daquelas outras que tantas veces o fixeran feliz pensando na algarabía rebuldeira dos nenos correndo polas habitacións ou na euforia dos días de verán pasados á beira do río, no campo de Barreiros, despois dunha véspera chea de gozo (...). Foi entón cando el lle confesou en voz baixa que unha tarde de xullo de había xa bastante tempo, o mesmo día que Mariana cumpría quince anos, xogando con ela na adega da Casa Grande do Miño, enterrados de medio corpo no centeo da tulla, despois de pinchárense un ó outro cun alfinete, xuntaran os dedos e fixeran un pacto de sangue: non tocar nunca un o corpo do outro, nin sequera unha man, ata que apartados e sós un día na alcoba, foran un para o outro, enteiros e para sempre."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul.Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx.60-61.

miércoles, 3 de enero de 2018

A paso de boi

"A promesa rompeuna naquela mesma viaxe, ó regresaren a Santiago pola tarde. No momento en que os cabalos acusaban o cansanzo pesado da xornada e se demoraban baixo a calor tormentosa do día, subindo a paso de boi a longa costa do Milladoiro, contoulle el como no outono de había dous anos, estando unha mañá oíndo misa na capela familiar de Mariana, na Casa Grande do Miño, viu como un raio de sol que entraba por unha pequena fiestra lateral iluminaba o rostro dela con tanta intensidade que a través da fina pel da cara, delgada e pálida, podían adiviñarse as liñas dos ósos e as sombras que compuñan a imaxe escura e borrosa da caveira."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 59-60.

martes, 2 de enero de 2018

Daquela rapaza

"Apartou os ollos, buscou o horizonte que pechaban os montes do outro lado do val e acordouse daquel día de verán, uns meses antes, cando o descubrira sentado nas instalacións do Clube de Tenis falando con Mariana. Coa mirada pousada na lonxanía, ela mesma se sorprendeu pensando que, aínda que seguía crendo que a réplica que uns momentos antes lle pasara pola mente era certa, sen embargo, prefería que el cumprise o que acababa de prometer e que non lle volvera falar daquela rapaza."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 59.

lunes, 1 de enero de 2018

Cultura de adorno

"Naquel instante, el dicía que Mariana era unha rapaza intelixente e guapa e que non carecía dunha certa cultura de adorno: tocaba o piano, rimaba con facilidade versos románticos e pintaba con inxenuidade a melancolía outoniza das follas que estraban de amarelo o grande patio da casa familiar, alá no Miño. (...)

  El e Mariana coñecíanse desde nenos, cando el pasaba as tempadas de verán na Casa Grande do Miño e patinaban xuntos sobre baetas dúas veces ó día polo salón para sacárenlle brillo á cera do piso de madeira, sempre brillante e impoluto como os espellos do comedor."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 56-57.