viernes, 30 de junio de 2017

Baixo a xeada

"salta o camareiro, sintes un golpe de cristal contra a cabeza e sangue, moito sangue que che baixa polos ollos e pola cara, encende de roxo a blancura da camisa e reclama pronto, rápido un coche que sae correndo cara a Residencia Sanitaria, iba xirando, dando voltas, retumbando como un eco na cabeza, como un recordo alí estaba, saltando, recorrendo días e noites polo bar da Tata, (...) pensas acaso que vou vir visitarte dende Roma pra encontrarte roncando a perna solta, burra, anda, recolle os teus enseres e vaiamos verte danzar encoira ó alto do Cumial baixo a xeada, á piscina, ó parque, á rúa do paseo subindo á mau dereita, baixando logo, entrando no portal de Luís Casal."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 145-146.

O bosque con pan e mel

"Está aprendendo, está recorrendo con fonda pena os antigos camiños da sabiduría. Pronto saberá cómo gobernarse, pronto atravesará soíño o bosque con pan e mel, pronto reclamará con forza o lugar que na ciudade lle corresponde e dará gracias polo éxito acadado."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 143.

jueves, 29 de junio de 2017

Doce bateladas

"pero novamente regresas porque o muro do seu rostro evidencia unha seguridade impenetrable. Entón pensas que é millor gardar silencio, renunciar a seguir loitando, aceptar os feitos consumados, erguerte, decir adéus, saír á rúa e buscar debaixo dos aleiros dos tellados o amparo contra a chuvia que está caendo no momento en que do reló da catedral baixan doce bateladas e a xente que sae do cine corre a refuxiarse nos portales e nos coches, e ti camiñas cara a pensión da rúa encosta, subes as escaleiras..."

miércoles, 28 de junio de 2017

Os bicos de verdade

"Estaba na cafetería do Parque, decía: "Unha coca-cola" e logo quedaba mirando pra ti, agardando que pediras o refresco de laranxa acostumbrado e levaras a continuación os dous cigarros á boca pra encendelos con aquel xesto (...) Pero eso queda atrás, preso nuns días quentes do mes de xullo que turran polas lembranzas xustamente agora despóis de escoitar a voz de Mara que acaba de pedir a súa coca-cola, por favor, mentras ti encendes dous cigarros e agardas que volva o camareiro cos refrescos e que diga servidos, ou pra ser máis xustos, serví... porque a sílaba derradeira non se lle escoita nunca debido a que unha vez que deixa as botellas sobre a mesa xira rápidamente e fala en dirección ó parque por onde se perde a cotío esa sílaba roubada que pra Mara e pra ti non significa outra cousa que os bicos de verdade (...) e ela mire pra ti cuns ollos que non conoces porque os seus ollos verdadeiros atópanse lonxe de alí, cecáis no barrio alto onde vive Pepe Bobillo, ¿verdade? -Si."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 140-141.

martes, 27 de junio de 2017

Na ciudade chuviosa

"Polos recunchos, ó amparo das sombras, sobre a herba, debaixo dos tornasoles de palla, nas hamacas, os invitados descansaban da abafante calor do día e percuraban a felicidade de mil modos, como a percurarían (cáseque os mesmos) uns días antes de que rematase o vrau e as clases recomenzasen outra vez na ciudade chuviosa, na pequena  illa por todos tan gabada, no salón do hotel, no desmbarcadeiro, na plaia, no mar."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 138-139.

lunes, 26 de junio de 2017

As pedras dos chanzos

"Ela descendéu as escaleiras do xardín con desgana baixo o sol, escondida a cabeza pola ala grande do sombreiro blanco, mirando ó chau que difícilmente conservaba xa o verde que se colaba por entre as pedras dos chanzos. Abríu a cancela do garaxe e pechóu sin forza. Despóis ouvíuse a porta do coche e o ruído do motor resonando, e axiña aparecéu do outro lado. Corréu costa abaixo, fixo un rápido stop e doblóu á esquerda en dirección ó centro da ciudade. Entón sacóu a mau pola ventaniña, dixo adéus axitándoa e perdéuse detrás dos piñeiros da curva da ponte."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 134-135.

domingo, 25 de junio de 2017

Femia de luxo

"E pra que a voz recente de Ricardo falando no café resonara dentro con máis forza aínda, femia de luxo, rapaza leda correndo sin respiro polos prados altos da Telleira, escapando do pai que protestaba (esta nena estame saíndo demasiado cabra)  (...)

 Pero uns días despóis foi buscala pra dar un paseo e tomar uns vasos xuntos. Escoitóu novamente a historia, e cando pola noite voltaron á casa, sabían xa que a nova camiñaba dereita cara a Telleira, que entraría ó día seguinte no correo das once."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 126/130.

sábado, 24 de junio de 2017

Na agulla pequena do reló

"de que a familia Kennedy é unha familia rabiosamente capitalista; dun periodista de Ourense que ve tódalas noites á Virxen de Fátima sentada na agulla pequena do reló da catedral; de que Méndez Ferrín lle pegóu unha galleta a non sei quén; de que o galego é idioma e non dialecto; de que o galego sirve prá poesía pero non pró ensaio; de que o galego sirve prá todo como calquera outra lingua; de que se lle debía ensinar ós nenos nas escolas."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 116.

viernes, 23 de junio de 2017

Sete tazós

"do tamén pintor Laxeiro, que pregunta si é certo que hai unha cousa que se chama Arabia Saudita; do bispo de Ourense; dun negro que se foi matricular á Facultade de Filosofía e Letras e que cando lle preguntaron (nadie cre tal cousa) que en qué rama se quería matricular, respondéu yo no quiero una rama, yo queiro pupitre como loj blanco; do Che Guevara; de Vicente Risco, que está tan maliño que pasa o día pedindo que lle preparen sete tazós de café con leite e sopas, pra sete mensaxeiros que van vir de Oriente."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 115.

jueves, 22 de junio de 2017

Un tren destartalado e vello

"Pasaron tardes e máis tardes. Pasaron noites paseando pola carretera de Madrid. E as mañás bañándose no río, os bailes no casino, as festas da patrona e as verbenas... Pero un día chegaron as primeiras chuvias do outono e pola mañá de cedo marchaches coa maleta cara un tren destartalado e vello."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 78.

miércoles, 21 de junio de 2017

Dun alegre subido

"que a panda estaba dun alegre subido e que daba a sensación de que aquelo non era vrau nin cousa semellante: Loló e o Pepito Almidonado andaban soios todo o día, Olga estaba triste e non saía, o Pavesa suspendera as matemáticas, Pepe Paláu pasaba o tempo na moto dun lado pra outro, o pai de Chedes xa non iba tomar vasos, Federico Fumaces empeñábase en organizar campeonatos de axedrez na parroquia, os do Moderno non pensaban abrir a pista, o cine seguía malo como sempre..."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 75.

martes, 20 de junio de 2017

Os malos pensamentos

"A voz de Chicha, amorosa e pequeniña, levábate de pronto ó tempo da escola e do buraco. E Deus estaba triste. Pra contentalo terías que deixar de asistir a reuniós mundanas como aquéla, devolverlle ó Pavesa o libro de La Celestina, (...) espantar os malos pensamentos que provoca a vista dos peitiños das rapazas, visitar ó crura Federico Fumaces máis a miudo, subir os xoves ó barrio de Vichita a levar as mantas de San Vicente ás familias probes, (...) axudar a poñer a mesa, e despois recollela, volver ó Instituto pola tarde, (...) evitar o encontro con Chedes á saída..."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 73-74.

lunes, 19 de junio de 2017

Hastra as ganas de saudarte

"Pero por pouco tempo, porque esta mesma tarde darálle por bailar con Pepe Paláu durante máis dunha hora no casino, e acabará por aceptar unha invitación do Pepito Almidonado que lle pregunta diante de todos si quere dar unha volta en moto.

 (...) pero que a ti filliño,  con esa cara de come nenos que pos cando vas pola rúa, ou co seco que estás cada vez que imos cear a túa casa, vamos, non se ocurre a ninguén, porque dá a sensación de que vas soltar un disparate, como lle soltaches a Chedes no casino ¡caramba! que lle quitas a unha hastra as ganas de saudarte."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 68-71.

 

domingo, 18 de junio de 2017

Xa pra sempre

"non vos fagades impuros, gardade preceptos e normas e non cometades abominación algunha porque aqueles que cometen abominación serán arrincados do medio do seu pobo, como o noso irmáu Constantino, que viña de deixarnos xa pra sempre.

  Despóis do funeral, flotando aínda no aire o derradeiro recendo de vélas e incensos, descobrirás a ledicia salvadora de Chedes sentada con Olga e con Loló na terraza do Moderno falando de que o domingo que ven cecáis van organizar unha merenda á veira do río."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 67-68.

sábado, 17 de junio de 2017

Máis de dúas horas falando

"Xesús, qué desgracia a de Tino Ramos, o morto que aínda onte lle dixera ó papá que o peito dun home leva un reló dentro, ten conta non te vaias esquecer de lle dar corda (díxolle) e foise ver á Nonó á rúa do Parral, e alí estivo máis de dúas horas falando: contóu cómo en Leningrado se ocupara cunha enana, pero que non había ocupación como a propia (eso decían que dixo)."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 66.

viernes, 16 de junio de 2017

A mau de Chedes

"A orquesta tocaba xa música de baile e o teu pai levóute a velo. Alí estaba, arrimado ó palco da música, coa gabardina posta, rodeado de nenos que miraban, tomando o pouco solciño que quedaba. Despóis empleárono de laceiro no Axuntamento e non collía un can. Acabou sendo amigo de todos, por bo e por simpático. (...)

  Foi xusto aquela tarde de domingo, en tanto mirabas no cine das sete os labios grandes e roxos de Marilyn enchían a pantalla, cando a mau de Chedes fixo un movemento así como de sorpresa e quedóu ó par da túa, rozando máis que nunca, pegadiña cáseque de todo."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 63-64.

jueves, 15 de junio de 2017

Chuvia polos cristales

"Pero pasaron moitos domingos sin que o prodixio se producira, pasaron tardes e máis tardes polo salón noble do casino, polas aceras, polas mesas de billar do café Moderno, polo local de Acción Católica... E sobre todo, corréu chuvia polos cristales da galería. Corréu tamén como un vento negro de castigo sobre o pobo a noticia da morte de Tino Román, alto e forte, cantor de bares e tabernas."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 63.

miércoles, 14 de junio de 2017

Loiras de sol e brillantes

"E eso mesmo parecía: unha pomba blanquiña, blanquiña, capaz de se botar a voar en calquera intre, anque nunca pensaras que un día iba chegar a onde está agora, no medio do salón noble do casino, movendo rítmicamente o corpo enteiro ó compás da batería. ¡E cómo rompen as olas do vestido ó chegar á altura do peito! Baixan novamente, siguen o camiño do ventre e alí se perden fondas e caladas, un pouco amenazantes, cecáis acenando polo Pepito Almidonado, que a contempla dende a barra cunha coca-cola na mau, mirándoa, regalándose no zig-zag das pernas, morenas xa polos primeiros baños, loiras de sol e brillantes."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 59-60.

martes, 13 de junio de 2017

Por blasfemo

"Pero non se repuxo. Marchóu prá casa mentras elas lle seguían berrando pola rúa, que saíu todo o mundo ás fiestras e armóuse tal follón que o día seguinte foron os guardias a buscar ó Paco Churri e tivérono mais de catro horas no cuartel. E a aboa hastra foi a Ourense a entrevistarse co Gobernador Civil por ver si o desterraban por blasfemo e polo do Corpus. Pero anque non o desterraron, polo menos conseguíu que lle meteran unha multa de mil pesos."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 58-59.

lunes, 12 de junio de 2017

As horas de lacazás

"mentras eles pasan as horas de lacazás en certos sitios (certos sitios era o café Moderno) malgastando o que non gana, desatendendo ás súas familias o tentando a Deus, que tamén ten, como nós, un límite na súa paciencia. (...) Pero en van, porque poucos días despóis un coche matóulle un fillo ó Paco Churri na curva da carretera de Madrid. (...) E por riba deso, ó día seguinte xa estaba o Paco Churri sentado no Moderno como si tal cousa."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 57-58.

domingo, 11 de junio de 2017

Unha laranxada

"Don Telesforo pedíu por ela aquela noite na novena dos Milagros, e os nenos da escola encargástedes unha misa á Santa Lucía. Cando pasóu un mes sóubose que Loló botaba horas sentada nunha hamaca, na horta, cos ollos vendados, tomando o sol e escoitando a radio todo o día. (...)

  Baixaba as escalerias do adro bambeando a falda de cadros, sorrindo, agarrando forte o fermoso misaliño blanco, pensando quén sabe qué, e iba sentarse ó café Principal a tomar unha laranxada."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 52-53.

sábado, 10 de junio de 2017

Xabón ós eixos

"E vai don Nemesio, un día que había carreta, cando ouvíu os carros que xa viñan cantando perto da Plaza da Constitución, foise alá correndo, chamóu á guardia civil e alí mesmo lle tiveron que botar xabón ós eixos. (...)

  E subirás ó salón mairo do casino pra sentarte no butacón roxo de coiro a pensar que cómo será posible, Xesús, mover os pés con tanta arte seguindo sóio o ritmo epiléptico que marca a batería."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 46-52.

viernes, 9 de junio de 2017

Foi rezar

"Seguro que baixóu pola carretera hastra a ciudade sin agardar pola carrilana, foi rezar á catedral e pedíulle a Deus que non che pasara nada e que fixera de ti un neno bo, tal como ela sempre te educara, que despóis de todo pequena sería a falta cometida, que son uns esaxerados. Despóis agardóu polo coche da unha e fíxolle os encargos de sempre ó Paquiño Portugués: que mercara un quilo de plátanos mañá pola mañá e fora correndo á esquina dos Remedios antes das novas pra lle dar o paquete ó chofer da carrilana e unhas letras pra ti."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 44.

jueves, 8 de junio de 2017

Este par de babiecas

" E eu pregúntome ¿de qué falades?, ¿qué tedes que decirvos? Porque cada vez que dende a fiestra miro ó patio, véxovos sempre de conversa, sentados alá onde as vagonetas, dando voltas polos patios cubertos ou contemplando a ciudade, pero sin que vos atrevades a xogar nin cinco minutos ó fútbol ou ó baloncesto. Entón eu véxovos dende aiquí e penso ¿qué se dirán este par de babiecas durante tanto tempo?"

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 32.

miércoles, 7 de junio de 2017

Pelexar cun compañeiro

"Díxoche que eras igualiño que Caín, un verdadeiro verdugo pra un irmáu, o peorciño que se podía ser na vida: nin facer sufrir a túa santa nai, nin ir coa Xenoveva á Fontemoura ou mirar polo buraco do piso da escola, nada deso, probe Elías, meu cadeliño pequeno, nada deso, se podía comparar co que viñas de facer: pelexar cun compañeiro."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 30.

martes, 6 de junio de 2017

Por este buraco

"Pero a corrupción continuaba. Os bailes do Moderno estaban cada vez máis cheos e no cine puñan hastra "Gilda". E vós, inocentes salvadores de Sodoma e de Gomorra, corrompidos tamén, comiades froita tentadora. O primeiro en descubrilo fora o Calamidá. Pouco despóis de chegar do campamento dixo mira Elías, mira por este buraco o que se ve ahí abaixo; e de súpeto unha calor grande extendéuse pola pel do teu corpo adiante, e xa Calamidá che decía déixame a min agora, e ti deixábalo mirar sin te decatar ben aínda do que viñas de ver, incapaz de reaccionar cáseque, sentindo un medo que nunca hastra aquel día sentiras (nin coa Xenoveva na Fontemoura, nin co Cascón, nunca...).

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 23.

lunes, 5 de junio de 2017

Lume ós pouquiños

"A víspera mesmo queimaran dúas casas en Laróis e sábese (eso di a aboa Enriqueta) que colleron ó crego e que o puxeron de xionllos e pegánballe lume ós pouquiños no fondo da sotano (os desalmados) e vai e arriman ó alcalde contra a parede e péganlle catro tiros, todo porque cando a guerra mandara prender ó Cesarito Cubano, que puxera un letreiro na porta da eirexa: campesino antes de entrar en el templo de la mentira escucha esta verdad: la religión es el opio del pueblo."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 22.

domingo, 4 de junio de 2017

Nacido nunha pequena vila

"¡ar! mirando ó ceo e ás estrelas ¡ar! que os ingleses son todos uns fillos da Gran Bretaña ¡ei! e de frente, coa cabeza ben erguida, porque ti, o nacido nunha pequena vila ourensá hai catorce anos, fillo de Salvador e de Rosa, de pelo negro e ollos verdes, vocación indeterminada, sin carnet de identidade aínda... es unha cousa seria, unha das poucas cousas serias que se poden ser no mundo."
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 20.

sábado, 3 de junio de 2017

En silencio

" e rezas sin devoción pensando nos teus amigos que te están agardando no adro pra ir xogar un partido de pelota á Plaza do Pescado. (...)

  Pararon un intre didiante da gasolineira, como si non souberan por qué rúa iban coller, pero deseguida tiraron polo Portelo enriba, torceron á esquerda, metéronse na Plaza do Pescado, e alí formaron en silencio diante da casa de don Walter".
Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 15-18.

viernes, 2 de junio de 2017

Á veira da carretera de Madrid

"Un día vestíronte unha camisa blanca, díronche unha bandeiriña de papel e estiveches unha chea de tempo á veira da carretera de Madrid, porque iba pasar non sei quén. Aquel día sí que vos fartástedes de cantar canciós: Cantástedes máis de seis veces a de Gibraltar, Gibraltar, punta amada de todo español, e os rapaces maiores cantaron "Montañs Nevadas".

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 17.

jueves, 1 de junio de 2017

Pra sempre do paraíso

"Nunca, nunca xa un neno puro, compañeiro. De repente fixéronte home, botáronte pra sempre do paraíso. Agora, cando o sol empece a ser máis feo, cando o polvo da carretera se agarre ó chau con esa primeira chuvia que aparece a tracición tódolos anos por alá, entre os montes da Pereira, collerás o autobús unha mañá ben cedo e voltarás ó piso aquel que te separa cuarenta veces da acera e onde a túa nai chora, sin que ti podas saber por qué, nunha habitación pequena e despintada."

Carlos Casares, Xoguetes pra un tempo prohibido, ed. Galaxia, 4ª edición, Vigo, 1976; páx. 14.