"Pois co novo Hospital Modelo, ao pouco tempo, viñeran outros tres médicos novos, tamén só pra mulleres, e outros a establecérense pola súa conta, e as mulleres todas perdéranlles o medo porque se decataron que morrían menos de sobreparto, e as putas sanaban máis axiña das doenzas do seu oficio, que cando llas apegaban aos homes, chamábanlle galicosos, anque tamén se decía por aldraxe aínda que non se tivese o gálico;
que aínda que resultaba moi amolado deixárense andar furgándolles nas partes, espernancadas naquil sillón de ferro pintado, meténdolle aquiles ferros tan fríos...
Anque decíase tamén, que o facían moi indifrentes, atal si estivesen a remexer nun caixón de ferramenta (...) que non a miraban nin cando lle perguntaban si lle doían os ferros, como si talmente fose unha cousa, ou unha marrá fóra a alma no banco da matanza, por máis nova e belida que a muller fose, e como si o choio non fose con iles, que moito se coñeaban disto os mociños de A...
Eduardo Blanco Amor, Xente
ao lonxe , páx. 64-65, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).
No hay comentarios:
Publicar un comentario