jueves, 31 de julio de 2014

Cortar o sangue

"Con todo, seguíase a decir que cos médicos de mulleres ou sin eles, e coas parteiras de estado (xa había dúas) ningún tiña comparanza coa señora Andrea pra cortar o sangue en nadiña de tempo (...), ás veces con tan porfiada crebadura que os había de levar ao San Benito de Penafurada, que aínda decía a señora Andrea que non lle acaía mal á devoción axudala cun bragueiro, e darlles aceite de fígado de bacallau, a nai que o inventou, si a saberá un..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 73, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 30 de julio de 2014

Esvaíndo as voces

"Íanse esvaíndo as voces. Ao lonxe ouvíase algunha gargallada. Ao chegar á Praza da Constitución, uns subiron pra a Fonte Nova, os máis baixaron pra a Barreira, outros seguiron pra a Ferreiría ou pra a Porta da Aira, ou pra os arrabaldos de casas de pallabarros onde vivían os máis dos traballadores."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 71, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 29 de julio de 2014

Pois que non son homes

"Ríronse todos. Ouviuse nos autos de San Francisco a retreta do Reximento de Ceriñola, que era a sinal que tiñan os rapaces pra a desfeita. Abalaron adispacio, sin desfacer a xuntanza.

  -Pois eu dígovos que si ollan a unha fulana desnuda e non quecen...
-¿Que?
-Pois que non son homes.
-O que pasa é que as ollan a centos e rematan por se afaceren."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 70, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 28 de julio de 2014

Ir ao gruñeiro

"-A Rocío, cal vai ser...
 -¡Quen a pillara!
 -Coas medias postas como nas tarxetas... aqueles peitiños tan no seu sitio, aquelas nádegas,
 -Aquiles remeneos cando vén da Burga coa ola de barro, a xuício, na testa... ¡Carano ollade como me puxe...!
- Vas te que ir ao gruñeiro...

  O gruñeiro, acaracochado, ruxidor, estaba alí perto, co seu fonchoso teito de ramas, seu tronco barbado, seus centos de anos, ledo xigante, cabo do río.

  Todos os rapaces de A. sabían o que era "ir ao gruñeiro", gavear polas ramas grosas, entrar nos seus laberintos, perderse na mesta follax:"Soméllame que ti xa vas ao gruñeiro", "si o gruñeiro falase"... eran as coñas que os rapaces xa feitos lle decían aos máis novos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 69-70, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 27 de julio de 2014

Cando se agachaba a tender a roupa

“Eu dígovos que unha de vintecinco indo pra trinta, coas "mámallas" ben duriñas, recollida do van, coas coxas cheias pola parte de adentro... Ei vinllas á Adelaida do Conso, de noviña, cando aínda estaba a meio rematar, a nai que a botou, que llas vin, que estaba a lavar no río da Sila. Víaselle todo, mi madre, cando se agachaba a tender a roupa.”
                
  Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 69, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 26 de julio de 2014

Somurmullando

"O de máis corazón nas pelexas, no subirlle aos árbores, xa dende moi novo, e tamén no río era Roxerio, o da Pepa do "Solimán", que lle ía a calquera cunha man atada, e a tres coas dúas soltas, e atravesaba o Miño pola Ponte Maior somurmullando, só con dous alentos, dunha banda a outra, polas cepas da Ponte Maior, i en catro pola parte onde o río vai acachoado; e que xurdía arrebatado, cos ollos sanguiñosos, que a respiración non lle voltaba ao ser até despois de quedar un bo anaco debruzado e alentando a fondo."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 66, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 25 de julio de 2014

"Estaban a botar o pito, uns sentados no chan e outros encostados no paredón do xogo de pelota do hospital vello de San Roque, a carón da Alameda do Concello.

 Axuntábanse alí á saída do traballo ao serán no bo tempo, no inverno nos soportais do Espolón, pra falar. Pouco máis ou menos todos eran adeprendices dos oficios i estaban aínda nise tempo misturado, de xogos e trastadas mais tamén de novas preocupacións."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 65, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

jueves, 24 de julio de 2014

Furgándolles nas partes

"Pois co novo Hospital Modelo, ao pouco tempo, viñeran outros tres médicos novos, tamén só pra mulleres, e outros a establecérense pola súa conta, e as mulleres todas perdéranlles o medo porque se decataron que morrían menos de sobreparto, e as putas sanaban máis axiña das doenzas do seu oficio, que cando llas apegaban aos homes, chamábanlle galicosos, anque tamén se decía por aldraxe aínda que non se tivese o gálico;

que aínda que resultaba moi amolado deixárense andar furgándolles nas partes, espernancadas naquil sillón de ferro pintado, meténdolle aquiles ferros tan fríos...

Anque decíase tamén, que o facían moi indifrentes, atal si estivesen a remexer nun caixón de ferramenta (...)  que non a miraban nin cando lle perguntaban si lle doían os ferros, como si talmente fose unha cousa, ou unha marrá fóra a alma no banco da matanza, por máis nova e belida que a muller fose, e como si o choio non fose con iles, que moito se coñeaban disto os mociños de A...

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 64-65, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 23 de julio de 2014

As donas das vellas familias

"que o sobradito médico mozo, só pra as mulleres, botou pronto boa sona e íanse reconocer no seu despacho (que ista si que foi boa cando se soupo) as donas das vellas familias de A., e que de seguida foran tamén as dos almacenistas e tendeiros do señorío novo (...)

  que nin somellaba ser daquela xente fachendosa e soberbia que chegara a A. facía xa moito, da parte dos maragatos e gomeros"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 63, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 22 de julio de 2014

Pra poder anicar cos homes

"que foi nesa conversa da señora Castora coa Evanxelina, cando me decatei que non falaban da cartilla da escola sinón doutra que había que ter pra o oficio de puta, e tamén soupen que iso de puta non era somentes aldraxe das mulleres ao rifaren, como os rapaces nos chamamos maricón, cabrón que non quer decir nada,
    e que o ser putas era ter que estar apuntadas no Aiuntamento da Praza Maior e pasar o reconocimiento cada mes pra poder anicar cos homes e cobrarlles a xeira, que todo se vai sabendo ao seu tempo anque despois lle dea a un vergoña o ter sido tan parvaxolas e babión"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe, páx. 59, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 21 de julio de 2014

Antes morrer que amosarlle as partes

"que de seguida, xa dende os primeiros, se correra que facía todo moi aquelado e propio como si nunca fixera outra cousa, e que pra arranxar os partos que viñan mal presentados aínda era millor que o médico novo que trouxeran pra o Hospital Modelo, que era só pra mulleres, que non lle ía ningunha, que as mulleres do pobo antes consentían morrer que amosarlle as partes, e menos aínda parirlle a un home nas mans"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 62, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).