"Moitos dos ocupantes daqueles automóbiles irían pasar talvez a mañá á praia fluvial, que xa se vía desde alí completamente abarrotada por unha multitude de xente vestida con bañadores de color. Pola auga baixaban as primeiras barcas de alugamento que adoitaban usar os mozos co fin de afastarse da familia e poder gozar así duns momentos de intimidade, aínda que tampouco fose moita, porque a anchura do río non era demasiada naquela parte. Máis alá do zunido dos motores dos coches, da cidade chegaba unha sinfonía caótica de ruídos, desde as marteladas que proviñan dos talleres, ao pasar, ata o renxer esporádico dalgún carro tirado por cabalos ou os choros dun neno emperrechado e medio arrastrado violentamente pola rúa, agarrado da man da súa nai."
Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 141-142.
No hay comentarios:
Publicar un comentario