martes, 31 de julio de 2018

Aire enrarecido

"Era o primeiro verán que pasaba en Beiro sen os meus pais e sen tía Mercedes e sen os criados, e sen Carlos. Uns días antes, ao traspasar a porta da casa con Arturo, o silencio que sentín bateume na cara como se fose o aire enrarecido dun lugar húmido e pechado."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 154.

lunes, 30 de julio de 2018

Os golpes dos canteiros

"Mentres o dicía achegouse a min por detrás, colleume a cabeza para xirala cara a el,, miroume aos ollos e bicoume. Por riba do seu ombro eu vía o Pico de Zas e pareceume que escoitaba os golpes dos canteiros cantando sobre a pedra. Fixen o xesto de aguzar o oído para escoitar mellor e Arturo preguntoume qué cousa estaba escoitando. Respondinlle que non escoitaba nada. Soltoume e empezamos a andar cara ao alto da horta, camiño da csa."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 154.

domingo, 29 de julio de 2018

"O casado casa quere"

"Arturo non me volvería falar directamente da miña amizade con Carlos ata uns meses despois, cando xa estabamos casados. Foi no primeiro verán que pasamos os dous sós en Beiro, porque aquel ano mamá e papá decidiron que xa non lles apetecía deixar a casa da cidade para ir de vacacións, unha decisión que tía Mercedes traduciu á súa maneira dicindo: "O casado casa quere"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 152.

sábado, 28 de julio de 2018

Como todos os anos

"A continuación, quizais para encher o silencio no que Arturo se afundira, Carlos preguntoume en qué mes pensaba subir a Beiro cos meus pais para pasar as vacacións. Díxennle que sería a primeiros de xullo, como todos os anos, sempre que tía Mercedes mellorase dos achaques que a mantiveran na cama durante case todo o inverno."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 151.

viernes, 27 de julio de 2018

Triste

"Pensei na súa vida de estudantes en Madrid, nas mozas coas que saían, e a imaxe dun Carlos frívolo, saltando de flor en flor, aquel home a quen eu descubrín como se fose outra persoa o día que lle presentei a Amparo, fíxome pensar en Beiro como un lugar alleo e afastado e sentinme triste."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 145-146.

jueves, 26 de julio de 2018

Obsesións relixiosas

"Antes de entrar na caravana, Arturo viña falándome de Carlos e interrompera a conversa para dicirme que iamos ter moito tráfico. Iniciáraa había uns poucos minutos, despois de pasar por diante da igrexa luterana, aquel pequeno edificio en forma hexagonal, de ladrillos vistos, que constituía unha das obsesións relixiosas de papá."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 143.

miércoles, 25 de julio de 2018

Con bañadores de color

"Moitos dos ocupantes daqueles automóbiles irían pasar talvez a mañá á praia fluvial, que xa se vía desde alí completamente abarrotada por unha multitude de xente vestida con bañadores de color. Pola auga baixaban as primeiras barcas de alugamento que adoitaban usar os mozos co fin de afastarse da familia e poder gozar así duns momentos de intimidade, aínda que tampouco fose moita, porque a anchura do río non era demasiada naquela parte. Máis alá do zunido dos motores dos coches, da cidade chegaba unha sinfonía caótica de ruídos, desde as marteladas que proviñan dos talleres, ao pasar, ata o renxer esporádico dalgún carro tirado por cabalos ou os choros dun neno emperrechado e medio arrastrado violentamente pola rúa, agarrado da man da súa nai."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 141-142.

martes, 24 de julio de 2018

Velocidade lenta e intermitente

"Ao chegar ao cruce da Avenida do Río, cando había que abandonar a estrada que baixaba de Beiro e entrar na xeral, Arturo fixo un alto para deixarlle paso a un autobús cargado de nenos que se aproximaba pola dereita. Dixo: "Creo que imos ter moito tráfico ata a casa dos teus pais". Agora marchaba a unha velocidade lenta e intermitente, parando de cando en vez e deixándose levar pola caravana que avanzaba pouco a pouco cara á ponte de ferro que conducía ao centro da cidade, atrpado na longa fila de coches que pretendían xirar en dirección á estrada que transcorría paralela á marxe dereita do río."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 141.

lunes, 23 de julio de 2018

Como un trofeo

"Estaba desexando que acabase o xantar para volver ao Carpazal e esperaba tamén que Carlos me volvese falar como sempre e que puidésemos comentar o que pasara con Alexandra, aínda que sospeitaba tamén que non mo quería contar."   páx. 136

"E logo engadín: "A primeira vez que souben que estiveras con Alexandra na Fontemoura pensei que ti te converteras tamén nun traidor, como tía Mercedes e papá e a túa nai"."  páx. 139

"Entón pregunteille a Carlos se se acordaba do día aquel que el matara a paus unha cobra enorme no pedregal do regato que atravesaba o Niño da Cobra, e que decidira levarlla ao cura, como un trofeo." páx. 140

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.



domingo, 22 de julio de 2018

Un ruxeruxe

"Cando estaba distraída, pensando nestas cousas, escoitei un ruxeruxe entre as árbores da Carballeria da Fonte. Pensei que era Carlos, pero non era ninguén.

  Estiven toda a mañá soa no Carpazal esperando que aparecese Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 135.

sábado, 21 de julio de 2018

O tintín, rítmico e pausado

"De lonxe chegaban as voces da xente que traballaba nas terras de arredor e o tintín, rítmico e pausado, dos picos dos canteiros que labraban a pedra na canteira de Zas. De máis lonxe aínda, entrando pola conca do río, viña o balbordo rumoroso da cidade, alá abaixo, como un rezo aburrido. Acordeime do Parque de San Lázaro e das miñas amigas, coas que xogaba alí polas tardes, vixiadas sempre por Delfina, e dos recreos no patio do colexio e da madre Eulalia, que nos paraba nos corredores e nos obrigaba a mirala fixamente aos seus ollos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 135.

viernes, 20 de julio de 2018

Ollos fixos na banda de acá

"Senteime outra vez na miña cadeira, mirei cara ao río para ver se aínda se divisaba a barca co burro posto de mascarón de proa e quedei cos ollos fixos na banda de acá, na mancha verde e branca do bosque de abidueiras...

  (...) Dábame medo meterme soa no meu cuarto. Baixei ata o Carpazal e senteime no chan, á beira do wigwan, escoitando o ruído da auga ao caer no estanque."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 134-135.

jueves, 19 de julio de 2018

Pola Fontemoura

""¿Queres posar para min durante unha hora, mentres falamos?" Carlos moveu a cabeza para os lados e mirou á miña nai, que dixo: "Carlos hoxe vai dar un paseo comigo pola beira do río". Tía Mercedes, que seguía cantaruxando polo baixo, comentou coa voz irónica que puña cando quería ser moi ruín: "Eu creo que a Carlos o que lle apetece é ir pasear pola Fontemoura".

  (...) Mamá quixo cambiar de conversa e díxolle a papá sinalando co dedo cara ao río: "Mira, alá tes un motivo do natural para hoxe, Pintor da Verde Pintura"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 133.

miércoles, 18 de julio de 2018

Mirando ao ceo

"Díxenlle que coñecía a Carlos desde neno, que pasabamos os veráns xuntos na casa de Beiro e que a nosa relación era tal como ela mesma vira aquela noite. (...)

  Con anterioridade, unha semana antes quizais, cando eu volvía un día do Carpazal, a iso das cinco da tarde, a onde me mandara papá para que lle subise unha botella de auga da fonte da Carballeira, atopei a Carlos deitado no chan, debaixo do alpendre, coas mans postas debaixo da caluga e mirando ao ceo, como se meditase."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 128-129.

martes, 17 de julio de 2018

Dezanove anos

"Eu era a primeira vez que vía a Carlos despregando aquelas alas de sedutor que ata entón non lle coñecía. Fóra de Beiro, no noso territorio natural, naquel ambiente pareceume un estraño. (...) Ela abrazouno e empezaron a bailar cara con cara. Acordeime de Alexandra, a rapaza aquela que Carlos coñecera en Beiro no mesmo verán que el cumprira dezanove anos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 124-125.

lunes, 16 de julio de 2018

Co cabelo alborotado polo vento

"Agora recordaba a Carlos rindo a gargalladas, ao comezo da viaxe, co cabelo alborotado polo vento e as gafas de so cubríndolle os ollos, cando atravesamos a Cima da Costa e vimos a unha señora tendendo unhas bragas enormes, de color negra, debaixo dunha parra. (...) Nunha das curvas daquel camiño de terra e coio, concretamente na segunda que quedaba á nosa man dereita segundo baixabamos cara á cidade, Carlos preguntoume..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 119.

domingo, 15 de julio de 2018

A pamela branca

"Cando rematei de posar, a iso das doce da mañá, fun á cociña para beber un vaso de auga e a criada Susa díxome que Carlos estivera preguntando por min e que debía de andar polo Carpazal, que o vira saír pola porta do patio había uns quince ou vinte minutos. Collín a pamela branca e baixei. Mamá estaba lendo na solaina e levantouse para falar comigo. Díxome: "Esa pamela quédache moi ben. ¿A onde vas?" Respondinlle que ía ata o Carpazal, a ver se Carlos andaba por alí."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 116-117.

sábado, 14 de julio de 2018

Escorregaba como unha serpe

"Pareceume que me atopaba mal e que me ía marear, non polas curvas e contracurvas daquela estrada estreita que escorregaba como unha serpe, dando voltas en zigzag, desde os altos de Beiro ata uns quilómetros antes da cidade. Fixen un esforzo para recuperar a calma e novamente empecei a recordar.

  Recordaba a Carlos no verán de 1960, chegado había pouco a Beiro para pasar as vacacións."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 116.

viernes, 13 de julio de 2018

Os meus soños desde nena

"Desde o coche vía as árbores que se aliñaban a ambas as dúas beiras da estrada, as casas de tellados vermellos situadas na caída dos montes, todos dun verde intenso aínda en pleno verán, e os penedos grises de Turei, redondos como ovos xigantes postos alí por dinosaurios, igual que aqueles monstros que poboaban os meus soños desde nena."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 116.

jueves, 12 de julio de 2018

Por debaixo da vía

"Cando pasamos no coche polo túnel que atravesa por debaixo da vía, xa preto do barrio de Quintela, Arturo seguía calado e eu non podía esquecer o que sucedera naquela estrada unhas horas antes, a iso das dúas da mañá. (...) Ao saír do túnel, xusto ao pasar por diante de Tarascósn, Arturo soltou a man dereita do volante e sinalou cara á esquerda da estrada, tratando de conducir a miña mirada cun aceno da cabeza en dirección a un outeiro que tiña a forma dun animal inmenso, semellante a un gran boi deitado sobre a herba."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 115.

miércoles, 11 de julio de 2018

Tíñanos medo a nós

"Carlos baixou os ollos e díxome: "Perdoa, Periquita". Eu acordábame daquel verán no que Carlos aparecera coa moto en Beiro, cando lla regalara o seu pai, e saïamos a pasear todos contentos polas tardes, ata que mamá nos pediu que non o volvésemos facer, que tiña moito medo e quedaba intranquila mentres non estabamos de volta. (...) Sen mirarme, Carlos susurrou en voz baixa, como se falase só para si mesmo: "Non lle tiña medo á moto, tíñanos medo a nós"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 111-112.

martes, 10 de julio de 2018

As estrelas

"Recordeillo no coche, a noite da súa morte, cando estabamos parados na estrada, á beira do bosque que baixaba desde o alto de San Vitorio. (...)

  Apertoume unha man e sinalando cara o ceo, dixo: "Mira, Periquita, aquelas estrelas que se ven alá, por riba do Pico de Zas, son as constelacións de Xéminis". Díxome que lle gustaba mirar as estrelas polas noites, que unha vez, sendo neno, estaba paseando co seu pai pola horta da casa de Bóveda, despois de cear, e que Leopoldo lle dixo rindo que lle podía regalar o ceo, e que á mañá seguinte o chamara á biblioteca e lle dera un libro que traía uns mapas do firmamento, e que pouco despois, unha semana máis tarde, o seu pai baixara á cidade e aparecera cun telescopio."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 110-111.

lunes, 9 de julio de 2018

Un pirata cun gancho na man

"Aquel día ía moita calor e deitámonos por riba das pallas, sen usar a manta. Ao principio, Carlos dixo que podiamos durmir un pouco, pero eu non tiña sono e díxenlle que era mellor que seguísemos falando, como cando estabamos sentados no banco da Carballeira da Fonte, aínda que xa non se atopase con nós o criado Anselmo. (...) e logo engadiu que había uns momentos, cando estabamos os dous sentados co criado Anselmo, falando na Carballeira da Fonte, nese instante gustaríalle ser un pirata cun gancho na man para meterlle medo a tía Mercedes. (...) e díxome que un día estivera a punto de coller unha boneca de porcelana de tía Mercedes, serrarlle a cabeza e cambiarlla por unha pataca, pero que non o fixera por medo a que o descubrisen e o mandasen para Bóveda, cos seus pais."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 105-106.

domingo, 8 de julio de 2018

Aqueles ollos de curuxa

"Cando estaba dicindo isto, por entre as árbores da Carballeira da Fonte, sen que se escoitase antes ningún ruído de pasos, xurdiu como se fose unha aparición tía Mercedes.(...) Cando chegou á altura da fonte, a tres ou catro metros do asento de pedra onde nos atopabamos, mirou para o criado Anselmo con aqueles ollos de curuxa que puña cando se enfadaba..." p.99

"...pero entón apareceu mamá, que viña cantando, tapándose do sol coa sombrilla branca, e preguntando xa desde lonxe, antes de entrar na Carballeira da Fonte, se o estabamos pasando ben." p.101

"Logo díxome que en Bóveda a súa nai ía moito á igrexa, pero a chorar." p.103 

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. 


sábado, 7 de julio de 2018

Tusir os mosquitos

"Entón, xa máis tranquila, podendo falar aos poucos, dun xeito algo entrecortado, díxenlle que non ría só polo que el contara daquela pega de Entrimo que falaba, senón porque me viñera á cabeza unha cousa que dicía sempre a criada Delfina...

  (...) Cando lle escoitei dicir que el tamén escoitara tusir os mosquitos, a min paroume a risa, pois foi como se de repente Anselmo se puxese serio e acabasen as bromas da pega que dicía "piollo" ou da pega rabilonga que falaba en Entrimo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 97-98.

viernes, 6 de julio de 2018

"Cágate lorito"

"Carlos preguntoulle a Anselmo se era certo que as pegas falaban  e el contestou que si, que el coñecía unha, alá pola parte de Palmés, que dicía "piollo" e "cágate lorito", pero nada máis, aínda que oíra falar doutros casos, como unha pega rabilonga que tiña un cura de preto da raia, nas terras de Entrimo, e que esta podía falar coa xente como se fose persoa, por preguntas e respostas, de maneira que un lle podía preguntar cómo se atopaba de saúde, por exemplo, e ela podía responder que lle doía a barriga, verbi gracia, ou que andaba acatarrada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 96.

jueves, 5 de julio de 2018

Pechados os dous

"Tiña mellor memoria ca min. Non obstante, naqueles instantes, sentados os dous no interior do seu coche, á beira da estrada, estaba claro que Carlos xa non tiña intención de seguir falando das conversas entre el e o seu pai, pechados os dous na biblioteca da súa casa de Bóveda, tomando un whisky despois de cear."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 92.

miércoles, 4 de julio de 2018

No banco de pedra

"...e preguntoume se me acordaba do día aquel que estabamos no wigwan e escoitamos á miña nai e ao seu pai charlando fóra, sentados no banco de pedra da Carballeira da Fonte." p.91

  "Saín da caseta e fun sentar no banco de pedra da Carballeira, ao lado da fonte." p.93

  "Sentimos pasos no camiño que baixaba desde a horta da casa, a través do paseo dos buxos, ata o Carpazal. (...) Sentouse no medio dos dous, preguntounos se na casa sabían que estabamos no Carpazal." p.94

  "Carlos quería que empezásemos a xogar, pero a  min gustábame seguir un pouco máis aínda falando co criado Anselmo, sentados con el no banco de pedra, alí na Carballeira da Fonte." p.96

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011.

martes, 3 de julio de 2018

Por aquela mesma estrada

"Tiven o desexo, xa imposible, de que algo así nos puidese ocorrer a Carlos e a min a noite anterior, cando circulabamos por aquela mesma estrada no seu coche e entrabamos nas curvas a unha velocidade que soamente a alegría que eu sentía me impedía apreciar o perigo que supuña. Pensando naquela posibilidade, a angustia volveume estralar no medio do corazón, pensei se cando iamos xuntos no seu auto, Carlos sabería xa o que ía suceder unhas horas despois, ao meterse no cuarto de baño e pegarse un tiro na cabeza."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 90-91.

lunes, 2 de julio de 2018

A tristura daqueles mozos esnaquizados

"Cando escoite aquela historia, por primeira vez desde que entrara naquel coche que Arturo seguía conducindo con tanta calma, por uns minutos deixei de pensar en Carlos e nos anos de Beiro, porque naqueles instantes sentín que á miña tristura se engadía tamén a tristura daqueles mozos esnaquizados no medio daquela estrada que eu percorría agora camiño da cidade. Non os coñecía de nada, mesmo non prestara moita atención á noticia cando se produciu e a criada Delfina nos dixo á hora do almorzo que aquela noite se mataran en accidente de automóbil dous mozos de Turei."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 90.

domingo, 1 de julio de 2018

A Ferradura do Demo

"Nunca me decatara do fermoso que eran os grandes pradairos de casca amarela que se aliñaban ao longo da estrada e que Arturo me acababa de dicir que os ían cortar a principio do outono porque resultaban perigosos para a seguridade dos automobilistas. Recordoume que alí mesmo, na curva que chaman a Ferradura do Demo, se mataran dous rapaces había tres meses, en plena primavera, un mozo e unha moza, e que un pouco máis abaixo, na última recta, antes de entrar na estrada xeral, un emigrante americano subiera dous ou tres metros co seu coche polo tronco dunha daquelas árbores."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 89.