domingo, 31 de diciembre de 2017

Ensumida naquelas lembranzas

"Entón viñéronlle á memoria as imaxes de Mariana que vira aquel día no Clube de Tenis e foise illando pouco a pouco, ensumida naquelas lembranzas. Tardou en darse conta de que el levaba algún tempo falando daquela moza. Cando aínda non saíra da sorpresa que lle causara aquela coincidencia, estaba contando unha historia que ela non puidera seguir desde o comezo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 56.

sábado, 30 de diciembre de 2017

A maniquí do escaparate

"Sorprendida polo que acababa de oír, ela ergueuse, dixo que marchaba e botouse a andar cara os xardíns do Padre Feixoo. Ó torcer pola rúa do Paseo, antes de chegar ós locais do Clube de Tenis, pasaron por diante da tenda El Esprit de París. El agarrouna polo brazo para que detivese a marcha e púxose a mirar con descaro a maniquí do escaparate. Representaba a unha moza alta e delgada, de pelo castaño e pestanas longas, coa boca grande e os labios pálidos, dunha cor de rosa non máis intensa que a da pel da cara."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 54.

viernes, 29 de diciembre de 2017

Vestida de organdí

"Hai xa moitos anos, o día aquel que discutiron ó saír do cine, o que máis valoraba entón, segundo dixo cando estaban sentados na terraza do Café Moderno, eran a naturalidade e o equilibrio nada complexos, absolutamente clásicos, con que a Pickford actuaba diante da cámara, unha cualidade que el pensaba que só podía nacer da inocencia e que viña ser como, se ó moverse na pantalla, a actirz americana estivese interpretando para o público o papel de si mesma: nin sequera en Coquette, aquela película na que aparecía tan artificial e vestida de organdí, perdía esa condición de simpleza admirable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 53-54.

jueves, 28 de diciembre de 2017

Ensumido desde hai tempo

"Onte falaba da película de Mary Pickford que proxectaron recentemente no Salón Artesonado do Liceo. Ó revés do entusiasmo que pon sempre nos escritos que se refiren á actriz americana, había no comentario un ton agresivo e de queixa, talvez un desafogo contra algo ou alguén que ela non poida imaxinar. (...)

  Nesta ocasión, en camibo, despois de asistir á proxección de Rosita, todo o que se lle ocorreu foi aproveitar esa circunstancia para escribir un artigo destinado a outros fins: responder talvez a algunha opinión non compartida, expresada por algún dos seus contertulios no Liceo, ou quizais, con máis seguridade, deixarse levar inconscientemente pola depresión ou a melancolía na que está ensumido desde hai tempo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 55.

miércoles, 27 de diciembre de 2017

Onde se mete en farra

"Como consecuencia de todo eso, o administrador leva moito tempo sen aparecer pola casa, aínda que ás veces chegan noticias de que algúns sábados o ven de noite polo barrio vello, onde se mete en farra, pecha algúns bares e convida ós amigotes a servicios completos, incluídas mulleres.

  Estas preoupacións relacionadas co home que lle administra as terras de Sabucedo non son, sen embargo, as que explican o estado de inquedanza que ela percibe desde hai tempo na súa conducta de cada día, desde que o ve saír pola mañá para asistir á misa, ata que se senta aí diante, do outro lado da rúa, e se pon a ler ou escribir."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 51-52.

martes, 26 de diciembre de 2017

O vicio da xogueta

"Polo nadal vaise cumprir un ano do último disgusto grave que lle causou: a venda de douscentos piñeiros que tallou no monte da Touza, cando non facía falta, e que se viu obrigado a dar por un prezo inferior ó real, unha decisión que só se explica pola propia conveniencia, é dicir, para seguir alimentando o vicio da xogueta nas timbas nocturnas do Café Antela, en Xinzo de Limia, e a paixón polas mulleres do trato, que visita con frecuencia nas casas da cidade."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 51.