domingo, 31 de agosto de 2014

Andando como quen lee

"-...que si non lles dou ben adeprendidos de coro, pra atrás e pra diante, o Papuxas esmágame con outra chaqueta, que ás cinco pódeme botar, que eu márchome da casa agora mesmo a estudar no Espolón da Praza Maior, que aínda se ve millor cos focos novos.
 - ¿Íreste? Ja, ja, non me fagas rir "que tengo el labio partido".

 O cabrón do rapaz chora que chora; funme beber; pola fiestra da cociña víase o tempo virando pra chuvia; tamén podía estudar nos soportais da Praza Maior, andando como quen lee, anque se coñeasen de min."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 127, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 30 de agosto de 2014

Tralalalalá

"a millor era Doloriñas, que non se deixaba monear Lola porque lle somellaba nome de cómica forasteira, anque cantaba, bailaba a imitanza das que viñan ao café da Unión polo Corpus:
Tengo aquí dos panderetas -que me traje de Londón,
si dejo que usted las toque -se le rompe el corazón...
Si quiere tocarlas -yo le dejaré
pero con cuidado -no se muera usted
pues mis panderetas -son de modo tal
que sólo tocarlas -tralalalalá."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 122, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 29 de agosto de 2014

Con chambras vermellas

"A miña irmá Evanxelina cando a botaran das Carmelitas de balde, facía pouco máis de un ano, fórase pra a escola da Remedios do Bordas que as adeprendía millor i en menos tempo tamén apuntouse na Juventud Socialista, apontouse de por si sin lle decir nada a ninguén, e meu pai dixo que si.
 E un día as rapazas da Juventud, que eran unha  ducia, foron cos rapaces, elas con chambras vermellas e iles con panos vermellos ao pescozo, ao enterro do Lino o caixista, segredario da Juventud, que morrera dunha gallopante, vinte anos, probe, que todos choraban;
 e saíron no El Eco del Calvario, que era o xornal dos comerciantes (que tamén fora o Orfeón a botarlle o responso, que os compuña nunha nadiña o mestre Trégolas, con ensaio e todo, unha noite;
(...)
Pois El Eco del Calvario foi e puxo un "suelto" que decía: "jóvenes meretrices, sin Dios ni patria, vestidas con el color de Satán", que, como se aclarou entre a xente, meretrices era chamarlles putas en francés."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 122-123, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

jueves, 28 de agosto de 2014

Esbacalloadas

"que se puxeran tan peneques que algunhas xa non conquerían manterse firmes nin podían coutar a risa oa vérense eisí unhas ás outras, e mandábanme moi seguido a velar na rúa por si viñan meus pais, e unha vez fun até a rúa do Instituto a ver si viñan de lonxe, e non viñan;
 e cando voltei, eí estaban esbacalloadas, non chan a mor parte delas, algunhas en parexa coas outras xogando aos noivos, a María do Narizán cos peitos ao áer e a Doloriñas cos peitos ao áer e a saia erguida; dábanse bicos, mortas de risa;"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 120, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 27 de agosto de 2014

Sandiós qué ben sabía

"Unha vez á merendola fóralles medrando a bebedela por mor dunhas botellas de licor café que trouxera a María do Narizán, que era compañeira de costura da miña irmá (sandiós qué ben sabía) algo máis vella, uns dezasete, que as trouxo da taberna do seu tío, que era orfa dunha irmá (qué ben sabía, sin arrabuñar na gorxa como facía o augardente do país ou a caña que de primeiras non se aturaban)"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 120, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 26 de agosto de 2014

A sablazo limpo

`"(que todos se botaban á rúa e non traballaban, e chamábanse folgas na fala do país, e facía pouco corréramos os xendarmes dacabalo, que foi a primeira vez que se viu; e que non andaban con coñas, a sablazo limpo, vaia tíos da nai que, como si foran estranxeiros, e botáronos do Campo das Bestas, onde se axuntaban, e acabouse a folga, que gobernaban os conservadores)."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 119-120, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 25 de agosto de 2014

Máquina que aforraba moitos homes

"que moitos domingos miña nai ía a ver á avoa e meu pai tiña reunión no Centro de Sociedades Obreras até a noite, pra falaren das cousas dos gremios, que lles rebaixaran as horas do traballo, que lles subisen os xornais como fixeran os da fundición dos Malingres, e os canteiros descontra non sei que máquina que aforraba moitos homes, ou seña xornais"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 119, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 24 de agosto de 2014

Lambetadas finas

"E cosían pañales pra o Hospital, de retrincos de lenzo que lles daban nos comercios. E a Sofía Valeiras, que andaba nas Carmelitas da praza do Correxidor, sabía facer lambetadas finas; e traguían filloas no tempo delas, tamén traguían, si era o tempo, figos, uvas, pexegos, ananos, urracas, e, ás vegadas, tamén xamón e chourizos, non fallaba de nada, naquelas ledas merendolas da longa invernía, até o comezo do bo tempo."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 118, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 23 de agosto de 2014

Tal ollar de persoa

"e botoulle máis auga,
 e a Tula púxose a ollar pra min, que nunca lle tiña visto tal ollar de persoa;
 e viña outra mulleiriña máis nova, cunha ola grande de barro posta, a xuício, no curuto da testa, que víase ser auga da Burga en que fumegaba, e díxolle á vella sin se deter:
 -Vaia, Pura, que tes boa entretención de mañá cedo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 110, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 22 de agosto de 2014

E os cans non se moveron

"Eu boteime a chorar, axoenllado na rúa, collido ao pescozo da Tuliña, que me lambía a cara, os ollos, os beizos...
 e saíu da porta dun pallabarro, da rúa da Libertade, unha mulleiriña de negro, moi branca e vedraña, cunha xerra cheia de auga, e apreixoulle a cabeza ao can entre as canelas, e díxome que non a soltase, i emprincipiou a botar, pouco a pouco, a auga e foi por máis, e os cans non se moveron..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 110, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

jueves, 21 de agosto de 2014

-Suso, corre

"Á mañá do outro día, cando ía pra a escola, vin ao lonxe outros rapaces que andaban na escola do Novelle armando á pándiga, ollando algo que tiñan no meio.
 O Evencio da dulcería, chamoume non ben me albioscou.
 -Suso, corre.
Non corrín pro apertei o paso.
(...)
Era moi de mañá, ninguén de perto nin de lonxe, eu no meio da rúa, todo fechado, eu non sabendo como lle valer. O irmán do Peste berroume, denantes de volver a esquina:
 -¡Métea nas Recollidas!
 Dun repente a Tula coneceume e púxose a ouvear pra min, querendo brincar pra min arrastrando ao can que pegou un tirón."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 109, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 20 de agosto de 2014

A ringuileira ao solpor

"Dixéronnos no Fielato dos Remedios que se vira pasar a ringuileira ao solpor, e que no Ribeiriño quedara un can endentado i escoándose do seu sangue pola parte baixa do pescozo, e outro morto dunha roda de carromato que o pillou.

  Seguimos até Quintián onde había unha porta con luz e perguntámoslle ao alquitareiro que alí había e díxonos que por alí non se viran.

  E voltamos e chegamos á beira do Miño, por embaixo do Quintal de dona Calrota, e había lugar dabondo pra ver e non se viu ren, e voltamos pra a casa e deitámonos, eu moi acorado, a Evanxelina moi boa conmigo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 108, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 19 de agosto de 2014

Acantazando

"Xa ao empardecer dixérame o Eladio do Sancristán das Caldas, que a vira facía pouco, cunha ducia de cans de arredor, algúns diles xa queréndoselle botar cos dentes, que si a pillaban non se ía atopar nin un anaco do coiro, e outros que non os deixaban achegar, como si a defenderan;
e que armaran unha grande liorta uns cos outros no meio da carreteira da Estación, que non deixaban pasar;
  e que os cocheros, que viñan do tren rápido, baixaron a esparexelos a trallazos, e os rapaces do Ribeiriño fóranos acantazando até a beira do río, que se matasen dunha vez, e que na derradeira que os viu, a Tula aínda andaba con iles"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 108, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 18 de agosto de 2014

Un composto mercurial

"-A moitos salvounos o terse descoberto o X2 do boticario de Molgas, un composto mercurial; que aquelo de tomar a manta... o único que facía era ir tirando, pro non sin antes guindarche os dentes, e deixarche a cachola con menos pelo que un xoello, ademais de irche rillando os ósos.
(...)
-O marqués de Celanova. Vades ter que roelo."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 104, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 17 de agosto de 2014

Despois de ocupármonos

"-Non provoques, Subela, que xa sei por onde vas...
 -A miña muller ponse un irrigador de auga fría despois de ocupármonos. Recomendoullo o Barada vai para dez anos, e quedamos os dous fillos. Sábeno moitas, pro, naturalmente, é millor quedarse ao quente na cama, raio de porcas, sin erguérense nin pra se lavar, que eisí anda iste país, que todo ten que saír do miragre...
 -¡Non provoques, fedello, non provoques!
 -Boeno, coño, á miña muller xa lle poden poñer a bomba do rego do Aiuntamento con toda a auga do canal de Castadón.
 -O que pasa é que ti eres un mioca e non dás pra máis."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 103, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 16 de agosto de 2014

De contrabando

"Os dous meses derradeiros, xa se lle esperta a úlcera, e pásaos entre a capela dos Paúles e o Casino, dándolle ao rosario e ao julepe. E os dous ou tres primeiros meses da crianza, non sae do Casino, manda pedir a comida á Barcelonesa, e só vai pra casa a dormir.
 -¿Logo que lle pasa?
 -Que lle ten xenreira aos nenos (como si non fosen seus, como, si a muller os tivese de contrabando, que...)

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 102, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 15 de agosto de 2014

O langrán

"A Tula da señora Severa, importante, forte e livián máis que ningún diles, plis, plas, plis, plas, índose ao lonxe con breves olladas de esguello aos seguidores. Atrás, xa moi esparexidos, derreados, os cadelos parábanse axexantes, como pensando si seguiren ou non. O langrán ficou na bocarrúa da Porta da Aira tumbado de barriga, esfinxe perdigueira, coas longas orellas coasi arrastro, os ollos húmidos, a imensa língoa fóra...
  Cando atope ao Aser da Severa heille decir que ten unha cadela moi chula".

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 100, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

jueves, 14 de agosto de 2014

Lambedelas aseñoritadas

"Volvinos atopar á saída do traballo (teño o taller de modelado en Mariñamansa) xa cansos, cedendo e recobrando os postos, todos iles co mesmo modo tristeiro, ouseso, pro xa sin espranza, coasi poético. Ían polos baixos do Posío, por frente á Fonte do Picho. A cadela do Aser e da Severa, diu dúas ou tres lambedelas aseñoritadas na auga do caño, como si o fixera de comprido, e os outros beberon a eito na pía, escangallados, enlarafuzados, sedentes de verdade."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 99, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 13 de agosto de 2014

As patas do langrán

"No meio da rúa ficaba o perdigueiro montado, con movimentos de ciclista, nun canciño pequecho de ollos acerados que non se podía desfacer das patas do langrán entaladas no vacíos.
 Dapouco recompúxose militarmente o cortexo e seguiu pola rúa dos Fornos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 99, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 12 de agosto de 2014

Todos polo mesmo buraco

"que eisí fan as nais do señorío, como si cada un dos seus fillos fose un lóstrego, como si os seus lles "chegasen de París" e nós do Saltodocán ou do Regueirofozado: "Pepito que te vas a mancar, Pepito come la pavía, Pepito no hables con ese ordinario", como si non saísemos todos polo mesmo buraco, como decía o Mosquera, que a xente do señorío é máis doada a facer difrencias en todo, alá iles."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 95, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 11 de agosto de 2014

O millor do Instituto

"Era o Elixio, xa o dixen, tan bo, unha migalla cazurro, decote a sorrir por ren; polo cuio resultaba coasi outro cando se puña serio, atal si envellecese de sócato; fillo da señora Ermelinda e do señor Gonzalo, aínda algo parentes nosos, que vivían a carón pola rúa do Tecelán, dúas ou tres casas, o millor na escola e agora no Instituto (que como só ían ao Instituto os fillos dos ricos, que deu moito que falar que o meteran pra o bachiller;(...))

  e agora era o millor no Instituto, sin botar por ela, sin aquel arroallo que collen os "saritas" do señorío e os seus pais cando pescan unha matrícula, que hastra ao Carlitos dos Canedas, regaláralle seu pai un cabaliño feituco como os que traguía o Circo Feixoo, por dous sobresaíntes da merda e con empeños"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 9-95, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 10 de agosto de 2014

A par do meu pai

"e aínda sabía outros millores como o das minas de carbón, e máis. E nos Primeiros de Maio, botábaos no palco da música, no do Xardín do Posío, ou no da Alameda;
  que todo viña nos libros que tiña meu pai, moi grosos, que eu quería ler niles cando fose grande e falar mal dos ricos e dos cregos, a par do meu pai..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 92, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 9 de agosto de 2014

Elisa do latoeiro

"as cuias eran Paca a Coxa que nos fregaba o piso e íanos á praza; a Elisa do latoeiro da rúa San Miguel; Salvadora a Pampera, boa veciña, decote a se ofercer, que se fora casada a Buenos Aires e voltara viúva sin fillos e sin un ollo, o esquerdo,(...); e mais a Carme do Campaneiro que fora buscar ao tío Dámaso á taberna do Narizán que a mamai non quería que meu pai o vise ao volver da imprensa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 82, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 8 de agosto de 2014

E guindaron...

"que sairon dos érbedos máis de cincuenta homes da fidalguía de A. e dos arredores, e guindaron co señor bispo no río (que viña de confirmar pola bisbarra de Paga e de Castrelo), metidos na súa carroza de catro mulas, e guindaron aos familiares do bispo, e guindaron aos espoliques, e guindaron á xente de armas, máis de vinte, do seu cortexo, e guindáronos coas bestas, que endexamais se soupo diles, nin das bestas, nin alí nin augas abaixo, nin ás tonas pechas do río, que era polo fin do vrau, aboiou ren, nin chegaron ao fondo cantos adibales se lle botaron con rizóns pra os averiguar..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx.80, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

jueves, 7 de agosto de 2014

Facía máis de mil anos

"Con todo e ser moito cen adibales, e ire a auga por alí tan escura, dispaciosa e mesta, atal o aceite, non era tan fonda i escura como, augas abaixo, no Pozo Maimón, pola banda de Alongos; contáramo o primo Quintín, bo ebanista, moi agarimoso e falangueiro, que o contaba moi ledamente, e sabía moitos, que guindaran no pozo a un señor bispo de A., facía máis de mil anos;"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 79, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 6 de agosto de 2014

Pamemas de cregos

"que o meu pai, e mais o Elixio e mais o Mosquera decían que non eran miragres sinón pamemas dos cregos pra lle papar os cartos á xente que viña á novena e á romaxe de setembro).

(Mais a min somellábame que era millor acreditar niles, i eu acreditaba porque tamén podían ser certos; e que podía ser certo que houbese miragres no noso pobo, que outros máis pequenos os tiñan, como ser Santa Mariña de Augas Santas, que lles cortaran a cabeza que pegou tres chimpos, fala que te fala, facía dous mil anos).

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 79, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 5 de agosto de 2014

Un estudante de crego, por amores

"polo que me lembro, non era meirande que os canciños que paría a nosa Tula, que cando lle saían cadelas iámolas tirar ao río, de noite, dende a Ponte Maior, e quedábamos calados pra as ouvir, ¡pof!, aló embaixo, caír na auga fonda, que disque alí leva fondura de máis de cen cordas,

 (que se tirara un estudante de crego, por amores, facía non sei cantos centos de anos, e ao chegar ao meio do aér arrepentiuse e ceibou un berro de rezo, que o traía o rescrito onde viña posto o miragre: "Váliame-a-santa-imaxe-milagrosa-da-Virxe-que-se-venera-nista-capela-dos-Remedios-beira-do-río- acarón-de-eiquí-no-campo-do-seu-nome", que somella moi longo pra o decir caíndo;

 e abréuselle a capa e levouno polo río, como un barquiño, até Reza a Vella onde fixo pé;"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 78-79, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).




lunes, 4 de agosto de 2014

O Lorpas

"E tamén se contou que o chamaron pra o escribano Mamede, gran comellón; e cando entraba na casa cruzouse con don Eusebio, o Lorpas, párroco da Trinidade:
-Chegas tarde, Barada. Nin se decatou da estremaunción.
-Xa se decatará da lavativa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 77, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 3 de agosto de 2014

Non valía máis

"E tamén se dixo que a un ricacho da Ponte Vella, tratante de salazón de porco, que lle salvara a vida; e que sin agardar a conta mandoulle un xamón, e il mandoulle un papel que decía:"Recibín un xamón en troque da vida de donn Bento Ameixeiras. Non valía máis."."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 77, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

sábado, 2 de agosto de 2014

Xulepe de republicáns

"Saíu, sin máis, e foise ao Casino de Caballeros onde tiña un xulepe de republicáns todos os seráns até as nove. Contou o caso sin dar o nome, só o oficio do doente, e non llo poideron sacar por ren."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 76, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

viernes, 1 de agosto de 2014

O fabriqueiro

"que tamén tiña un xenio de, que era capaz de llas botar ao máis rufo na súa puñesquera cara, fose quen fose, un dos cuios fora o fabriqueiro da Catedral que o mandara chamar pra que lle vise un proído na entreperna que o tiña levado do demo."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 74, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).