A día de hoxe non
é fácil diagnosticar a Manuel Blanco Romasanta xa que daquela non se realizou
un análise pormenorizado por parte de especialistas na materia. Algunhas teorías actuais, como a de Simón
Lorda e Flórez Méndez apuntan a un trastorno da personalidade, de carácter
antisocial, que implica un desprezo e violación dos dereitos dos demais,
iniciado na infancia ou na adolescencia e continuado xa de adulto. Falariamos,
polo tanto, dunha psicopatía con trastorno social e afectivo.
O informe dos
facultativos de Allariz e os datos extraídos da Causa concordan coa definición
de psicópata (aínda que as súas conclusións sexan outras, como acabamos de ver
no texto da Causa): cambio frecuente de traballo, guiado pola razón pero non
pola bondade, un homicida calculador, un hipócrita que finxe ser bo e moi
relixioso, a ausencia de medo e remordementos...
Romasanta tamén
entra no perfil de psicópata criminal, un asasino en serie, que inofensivo en
aparencia promete un atractivo traballo as vítimas, ás que mata friamente, sen
ningún sentimento de culpa e sen inmutarse no proceso xudicial. Encaixaría,
deste xeito, na etiqueta de asasino sedutor.
Polo que se
refire á suposta transformación en lobo podería tratarse dunha esquizofrenia,
dun trastorno de identidade disociativo (antes chamado personalidade múltiple);
aínda que non se teña claro se realmente cría transformase en
lobo cando asasinaba, ou unicamente empregou esta estrataxema para xustificar
os seus crimes e así tratar de saír indemne do xuízo, o que se coñece como
trastorno facticio ou de simulación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario