"Nas noites de inverno tiñan iluminado o Casino cos faroles que afanaban nos patios das casas; mais nin con luz chegaron os sereos a collelos descoidados. Cando un sereo metía a cabeza polo burato, como si fose por bruxería, as luces apagábanse i o Casino quedaba ás escuras, e si houbo algún que noxado pola bulra se resolveu a entrar a tentas, nunca diu cun deles nin por moito tentar, pois nestes casos á voz de "¡ratos ós buratos!", iban os graxos da Burga a poñerse como si tivesen o corpo de goma, nas estreitas e altas rendixelas das paredes, dicindo con sorna morna dempois que o sereo pasara adiante do escondrixo en que estaban engruñados: "¡Coloumau!".
A máis dun dependente da alcaldía que se viu no allo, ouvinlle contar que non sabe como non perdeu o xuício ó verse tan abouxado, ó sentir falar tan preto de si e mais non lle poder botar as gadoupas a un daqueles paxaros que voaban sin ter ás."
Valentín Lamas
Carvajal: “Os graxos da Burga”, Gallegada. Tradiciós,
costumes, tipos e contos d´a terriña, Tomo I, Imprenta d´O Eco de Ourense,
1887, páx.100
No hay comentarios:
Publicar un comentario