Buscando a palabra “graxo” nos dicionarios actuais e nos das últimas
décadas non atopamos ningunha mención que faga referencia a estes personaxes de
Ourense, sendo a acepción máis común a que fai referencia ao adxectivo
relacionado coa “graxa”.
Pero se consultamos dicionarios máis antigos xa podemos atopar certa
información que nos remita ao que buscamos:
Tanto o de Constantino García González (Glosario de voces galegas de
hoxe, 1985, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27) como o de X. L.
Franco Grande ( Diccionario galego-castelán, 1972, 2ª ed., Galaxia, Vigo)
recollen o significado de “pilluelos, revoltosos”.
O de Leandro Carré Alvarellos
(Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego, 1979, A
Coruña, Moret ) xa recolle información máis precisa, presentando como segunda
acepción da palabra: “Así llaman en Orense
a los pilluelos y granujas”.
Pero será no de Eladio Rodríguez González
(1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia,
Vigo; onde atopemos a información máis completa: “sustantivo, masculino,
plural: GRAXOS, pilluelos, muchachos vagabundos y desvergonzados, que hacían
frecuentes trastadas en la ciudad de Orense; GREXOS, RILLOTES.” Ademais dunha
ampla entrada enciclopédica onde se nos dan abundantes explicacións, como
veremos na vindeira entrada do blog.
Vemos que aínda mediado o século XX recollíase,
e polo tanto, empregaríase, a acepción de “graxo” aludindo a personaxes
vagabundos e desvergonzados ourensáns. Na década dos oitenta aínda permanecía o
matiz de pillo que desaparecería definitivamente nos dicionarios finiseculares.
Información extraída da páxina dixital: Dicionario
de Dicionarios, Corpus lexicográfico da
lingua galega, Instituto da lingua galega, Universidade de Santiago de Compostela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario