"Pra que todos conezan o que eran os graxos da Burga e pra que se convenzan de que desapareceu a caste, e de que non é xusto que xuzguen ós ourensaos como os xuzgan, vouvos contar a causa desa pauliña(1).
Aló polo ano de 1834, dempois de que botaron ós frades dos conventos, dous orfos de 17 anos que non tiñan oficio nin beneficio, nin quen lles dese de comer, nin sitio onde acollerse, cansos de andar langraneando por esas rúas, gañándolle a volta ós sereos pra se librar dunha malladura de costelas, axuntáronse baixo da costa da Alameda, onde os vagamundos debían xogar ó parar (2), si non mente aquela cántiga:
Ai, Baltar,
non xogues ó parar
na costa da Alameda
debaixo do hospital.
e sentados ó pe daquel gruñeiro (3) que debeu ser prantado no tempo de María Castaña, puxéronse a parrafear, ocupándose da súa sorte e do seu porvir, cicais pola vez primeira."
Valentín Lamas
Carvajal: “Os graxos da Burga”, Gallegada. Tradiciós,
costumes, tipos e contos d´a terriña, Tomo I, Imprenta d´O Eco de Ourense,
1887, páx.96
(1) Paulina: carta de excomunión expedida nos tribunais pontificios
(2) Ó parar: apostar ó xogo, xogo de naipes parecido ao cané e ao monte"
(3) Gruñeiro: ameixeira silvestre
No hay comentarios:
Publicar un comentario