" (Mañá da Festa Maior das Ánimas, nunha aldea da provincia de Ourense) (páx. 67)
RAPOSO: Supoño que comenzarán a chegar a iso das once. Xa sabes que os de Ourense madrugan pouco, e tampouco lles gosta colleren a misa enteira, que non remata nunca, a verdade é a verdade... Hai que terlle un branco daquel que desabillei onte, ben fresquiño, que o deixei ó serán... Chegan aspeados de rubir a costa, e máis con este calor, que xa pica agora. (páx. 70)
RAPOSO: Ós de Ourense góstalles moito o caldo; e algúns moi finos ata lle chaman pote gallego como din en Madrid. (páx. 71)
ADULIA: (...) o arroz con leite, roscas de cazo de Allariz, e améndoas de pico, e roscas de Ribadavia, e lambetadas de dulcería que mandou de Ourense a señora Aurora, a comadre, que non pode vir polo mor do reuma, que vén tamén un, así de groso, que lle chaman brazo de xitana, que leve o demo se penso manxar del que me daría un aquel coma se manxase carne de cristián. (páx. 72)
RAPOSO: (...) non te esquezas que este ano temos máis convidados de Ourense que ninguén, e cinco deles de moito señorío. Dentro dun mes vai noso preito á audiencia e hai que se precaver. (páx.73)
Eduardo Blanco-Amor, "A lebre das Ánimas" -Tres contos escénicos- en Fas e Nefas, ed. Galaxia, Vigo 1993 (primeira versión publicada na revista "Galicia Emigrante", nº 16, Buenos Aires, 1955
No hay comentarios:
Publicar un comentario