"Era tal a forza poderosa daquela paisaxe que Aurelio pensaba que a súa paixón era arrebatadora como glaciar, o seu amor tiña o poderío dos Andes e Sara xurdía dun volcán. Talvez en Galicia se adozara en amoriño na beira do mar. Pero, en ocasións, como nun soño, podía ver a Sara como fidalga no seu pazo de Ourense.
(...) Aurelio pensaba que o xardín do pazo ourensán, ben preparado, vizoso e amable como o foi en tempos, sería preferido por Sara a este ridículo xardín de inverno, un pequeno milagre fronte ao frío e o vento daquelas latitudes. Non era esta terra de xardíns.
Na súa fantasía podía ver a Sara paseando polo xardín do pazo dos Andrada. Mais, ben sabía que Sara non era muller de xardín; era unha pioneira, unha muller que se arriscou a vivir en terras duras, a traballar e abrise camiño."
Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.107-108
No hay comentarios:
Publicar un comentario