sábado, 7 de marzo de 2015

Ao rueiro das casas de pallabarro

"A manifestación cos seus cantos, cos seus vivas sin trégolas, as bandeiras arrandeadas, fachendosas, ao chegar ao rueiro das casas de pallabarro onde vivían os traballadores,
 coas súas fiestras e balconciños de balaustes de pau, lucintes de potas vellas, bacenillas escachadas e olas fendidas, rechamantes de frores e de herbas de arrecendo, por onde asomaban as mulleres erguendo os seus pequechos pra que visen pasar a manifestación, pois só quedaban nas casas os nenos, os doentes, os vellliños e as mulleres que tiñan que quedárense a coidalos.

 Cando estaban no poder os liberais, o mitín dábase dende o palco da música, no xardín do Posío ou da Alameda; pro cando estaban os conservadores non había tutía, e había que os ter en Mende, aldeíña afastada, á beira dun riacho que ás veces viña moi cheio e deixaba pouca folgura pra tanta xente."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 299, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

No hay comentarios:

Publicar un comentario