martes, 31 de marzo de 2015

A fermosa boneca

"E dándolle un tremendo couce á cadeira, guindou
coa dona no chau, que alí quedou do mesmo xeito que
estaba sentada, cos ollos estantíos brilando co luar.
Logo de dare dúas pasadas aínda voltou, cheio de carraxe,
 i afundiu o tacón dúas ou tres veces na cara da boneca
que quedou feita un buraco, mouro e témero,
coma unha calivera escachada."

"Así remata en A esmorga a fermosa boneca, reprodución de Sara Braun, feita en China, encargada por José Nogueira para agasallar a súa dona no seu trinta e sete anversario. A tise levou a José Nogueira antes de poderlle entregar o agasallo el mesmo. Sara conservaba, o que pretendía ser a súa reprodución, na súa mansión de Punta Arenas como un tesouro. Das súas mans pasou ás de Aurelio Andrada como mostra do grande amor que lle profesaba e lle negaba por imperativos familiares. Andrada tróuxoa para Ourense, e vivía só para contemplar a súa amada, Sara, nos momentos lúcidos que lle consentía o opio."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.135

lunes, 30 de marzo de 2015

Siútico

"Unha palabra chilena chama a atención do escritor: siútico, a persoa auto vixiante, pendente de si, ensimesmada. Unha tendencia do neno ourensán da Catedral, do Blancaflor asustado polo sexo ou do siútico Cibrán de A esmorga."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 126

domingo, 29 de marzo de 2015

Chile a la vista

"No ano 1949 chega Blanco Amor a Chile e vai escribir Chile a la vista.

Procede de Buenos Aires, cidade onde reside desde hai anos e viñera, case un rapaz, desde Ourense, e aí é onde vai colaborar co galeguismo tanto cultural como politicamente. Malia ser certo que modificou a súa posición ao longo do tempo por motivos de supervivencia económica. En poucas ocasións tivo un oficio seguro e unha economía estable. De aí os bandazos que houbo dar na súa vida."
Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 119

sábado, 28 de marzo de 2015

O vento cada mañá

"Cando o barco desatracou do porto, que xa non se parecía nada a aquel no que atracara hai, cantos anos? María, como un anxo da garda, dicíalle adeus con bágoas nos ollos. A Aurelio pareceulle ver a Sara, un rostro cos ollos engradados, unha figura querida levada polo vento. Así foi. A Sara traíaa o vento cada mañá.  A súa substituta protexida por Aurelio até chegar a Ourense, tomou posesión do pazo de seu."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.117

viernes, 27 de marzo de 2015

Vaguidade fidalga

"Abandonado na branda alfombra do seu reclinatorio, entre néboas de opio, fumando da súa pipa e tamén da dos demais, Aurelio volvía ser Andrada, a sentir a vaguidade fidalga. Vacuo, melancólico, veuse no pazo, no verdor escuro que entraba pola fiestra como saudade, baleiro, negra sombra, querida negra sombra, poalla na mente, balor dos devanceiros acumulado nos recunchos acendendo os altares do silencio, lugares que nunca se limparan, balor que paraliza, nugalla habitude, entre a brétema e serán infinda, conformidade herdada ou asumida, harmonía na voz de Manuela chamándoo, e chove sobor das rosas e as escalinatas do pazo."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 114

jueves, 26 de marzo de 2015

Fidalga no seu pazo

"Era tal a forza poderosa daquela paisaxe que Aurelio pensaba que a súa paixón era arrebatadora como glaciar, o seu amor tiña o poderío dos Andes e Sara xurdía dun volcán. Talvez en Galicia se adozara en amoriño na beira do mar. Pero, en ocasións, como nun soño, podía ver a Sara como fidalga no seu pazo de Ourense.
(...) Aurelio pensaba que o xardín do pazo ourensán, ben preparado, vizoso e amable como o foi en tempos, sería preferido por Sara a este ridículo xardín de inverno, un pequeno milagre fronte ao frío e o vento daquelas latitudes. Non era esta terra de xardíns.

 Na súa fantasía podía ver a Sara paseando polo xardín do pazo dos Andrada. Mais, ben sabía que Sara non era muller de xardín; era unha pioneira, unha muller que se arriscou a vivir en terras duras, a traballar e abrise camiño."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.107-108

miércoles, 25 de marzo de 2015

Os bafos das burgas

"Os bafos das burgas ourensáns afogábano. A cidade e a súa xente provinciana impedíanlle mesmo respirar. Non se lle pasaba pola mente abrir un gabinete médico nese ambiente. A súa ansia era marchar de alí, a poder ser moi lonxe.

  A forza centrípeta dos Andrada impedíalle facelo. Tamén o cariño pola nai. Non quería deixala soa. Chegaría a ocasión. Coa indolencia da estirpe, paseaba polo Xardín do Posío ao paso lento de Fina, a quen lle diagnosticaran unha doenza de corazón."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx.69-70

martes, 24 de marzo de 2015

Un señorito ourensán

"Chega de Ourense, no ano 1892, Aurelio, vinculeiro dos Andrada, un señorito ourensán. Escoitara comentar que neses lugares de América os homes facíanse ricos decontado. El é un fidalgo pobre. Ten escudos, brasóns e un pazo, e pouco diñeiro para mantelos.

 Emigra despois de morrerlle a nai. O pai falecera había poucos anos. De cirrose. A fidalga pouco resistiu despois da morte do marido, e non por saudade.

 O pai de Aurelio, don Alfredo, da casa dos Andrada, conservou sempre a fachenda  da fidalguía."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 53

lunes, 23 de marzo de 2015

A boneca de Blanco Amor


"Chega a Chile Aurelio de Andrada no ano 1892. Non vai escribir ningún libro, pero será fundamental na creación dunha importante novela galega: A esmorga."

Mª Xosé Queizán, A boneca de Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 2014, páx. 72

domingo, 22 de marzo de 2015

Ir a Ourense cun reloxo sempre da máis aquel

" TERESA: ... que o meu ten que ir a Ourense, a verse con don Aladio o procurador, e sempre lle dá ós homes máis aquel iren cun reloxo, ¿entendes?"    páx.96

  Eduardo Blanco-Amor, "A tía Lambida" -Tres contos escénicos- en Fas e Nefas, ed. Galaxia, Vigo 1993  (primeira versión publicada na revista "Galicia Emigrante", nº 13, Buenos Aires, xullo, 1955

sábado, 21 de marzo de 2015

Ós de Ourense góstalles moito o caldo

" (Mañá da Festa Maior das Ánimas, nunha aldea da provincia de Ourense)   (páx. 67)

  RAPOSO: Supoño que comenzarán a chegar a iso das once. Xa sabes que os de Ourense madrugan pouco, e tampouco lles gosta colleren a misa enteira, que non remata nunca, a verdade é a verdade... Hai que terlle un branco daquel que desabillei onte, ben fresquiño, que o deixei ó serán... Chegan aspeados de rubir a costa, e máis con este calor, que xa pica agora.      (páx. 70)

 RAPOSO: Ós de Ourense góstalles moito o caldo; e algúns moi finos ata lle chaman pote gallego  como din en Madrid.      (páx. 71)

viernes, 20 de marzo de 2015

Inxela e temesiña

"Eu dígolle á mamai que se volve pra a Peroxa levareille o neno pra que mo acabe de criar... 
 (...) Escríbeme canto poidas. Quérote moito; cicais queira en ti un intre moi agasalleiro da miña vida. Levo pra sempre comigo a túa tenra amistade, dende a inorada e crecente beleza daquela rapariga aldeán que chegou a A. inxela e temesiña, até os rechamantes anos finais da normalista, tentada polas "ideas" que eran o andacio do tempo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 324-325, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 19 de marzo de 2015

Da súa xente nin quer ouvir falar

"A probe de miña nai non quer saber ren de voltar pra a aldea, pois de A. e da súa xente nin quer ouvir falar. (...) Non lle entra na cabeza que un pobo que se deixara matar por catro táboas vellas, non saíra á defensa do papai cando o levaron á cadea.  (...) A probe nunca quedou de todo ben, despois do ataque á cabeza que tivo en A."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 321, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 18 de marzo de 2015

Encacifado entre as arrepentidas

"En A., e naquiles primeiros tempos, si me chegan a pillar, houbéranme encacifado entre as "arrepentidas" das Adoratrices. Figúrate, eu entre o fato de parvas e tolas que son aquelas probes rapazas, e as monxas inorantes que as botan aínda máis parvas do que entran... Sin contar conque houbese tido alí o neno, e hoxe estaría na Inclusa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 319, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 17 de marzo de 2015

Atal aquil que vin sacar do río

"Deiteime a par dela e apalpeille aquelas carnes dunha friaxe que non tiña ren que ver co tempo que facía, máis ben pra calor. Diume algo de noxo aquela barriguiña saínte, tan estrana na esvelteza do resto do corpo.
 Eu sentíame tamén amolecido, alleo ao que estaba a facer. Non me vía capaz de coller pulo e pórmelle enriba.
 De sócato vinme no espello, nu, de corpo inteiro, que nunca me ollera eisí e boteime a suar.
 Víame o corpo de afogado, talementes de afogado, atal aquil que vin sacar do río. Ela sorríame no espello, tamén como unha morta, afogados os dous. Era cousa de risa aquiles dous mortos falándonos boca abaixo dende o espello, dende o áer solagado do espello."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 315, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 16 de marzo de 2015

Outra cousa

"Os rapaces dixeron que se ían ao mesón do Roxo que había toda a noite unha partida de sete e media de arrieiros e cocheros, e que agardarían até o coche de liña que saía de alí ás sete da mañá.
  Quedamos os tres e fumos á casa da Charito. A casa da Charito, tanto como eu tiña ouvido dela, era outra cousa;
 tiña alfombra, sofás e no teito unha grande lámpara de cristal de moitas bombillas, pro só con dúas acendidas."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 313, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 15 de marzo de 2015

Uns carallóns intratábeles

"Pedimos unhas cervezas. Saíron dúas putas. Tiñan o tipo porcachón e repetido das que eu vira nas portas da rúa Cervantes ao pasar por alí; moi peitudas e coas saias entaladas na entreperna e no cu. Unha viña fumando un puro. Falaban coma homes malfalados, as voces roucas... Uns carallóns intratábeles. Ficamos un pouco agardando."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 313, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 14 de marzo de 2015

O gosto moruno

"Conque iamos a casa da Xurela, e os dous rapaces do xofre entraron adiantándose sin nos agardar. Xa viñeran falando as porcalladas de sempre: (...)
-A min un non me chega a un dente. Aínda non lle me arrimo e zas... Nin lles podo coller a sustancia. O primeiro non o debían cobrar que non leva traballo ningún.
-Pra min é como si se mexase.
-Eu voume quedar algunha vez de dormida i estar toda a noite...
-Non te deixa.
-¿Que? Un paga toda a noite pra facer o que queira da muller. O Marcial, da Estación, díxome que até fixera cunha o gosto moruno."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 310-311, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 13 de marzo de 2015

O barrio das churrianas

"Eu díxenlle que pra min era moi tarde, que non tiña costume de trasnoitar; que na miña casa estarían preocupados, e máis faltando meu pai; que os acompañaba até a praza dos Zapatos (onde empeza o "barrio" das churrianas) e que pegaría a volta dende alí."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 309, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 12 de marzo de 2015

Indo ás putas

"A iso das tres da mañá o Salgado e mais o primo Pedro, dixéronme aparte que había que rematar a noite indo ás putas, que era como remataban en A. todas as noites de esmorga. O Alfonso dixo que había que ir ás de dúas pesetas por mor dos rapaces traballadores, que non terían, ou non quererían gastar nas de a duro (que polo visto eran as que iles usaban);
  e víase mal entre os mozos pagárense uns aos outros o tabaco e a fodienda, que eran gastos de cada quen."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 309, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 11 de marzo de 2015

Moita metementa

"De primeiras fumos á fonda dos Maricóns. Como non querían abrir porque era xa moi tarde, faloulles polo cerrollo o curmán. Falou co máis novo, o Isidoro, e díxolle que tamén estaba o Alfonso, que tiña moita metementa nas casas de comidas e nas de mulleres, por ser rapaz convidador e de moito gasto; (...) pro contáronse contos de moita risa, e os dous Maricóns (que os alcumaban eisí, supoño, por seren gordechos, vermelliños e amullerados, sin pelo de barba, que o nome da taberna era: "Los Habaneros" por teren estado moito tempo na illa de Cuba).

 (...) Fumos despois á taberna do Mares, a dos Mellas... e por eí, que nunca na miña vida a gozara eu tanto como con aquiles rapaces."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 307-309, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 10 de marzo de 2015

Os máis resoltos, destemidos e ilusionados

"De toda a xente que militaba no movemento gremial, pra min os máis resoltos, destemidos e ilusionados, eran os mozos das bisbarras do Avia e da Arnoia; todos iles cabalmente traballadores;
(...)
Entre os da mozarría do Ribeiro colléralle eu a máis agarimosa simpatía ao Alfonso Salgueiro, fillo e sobriño único duns que tiñan muíños de xofre pra a filosera, e bo capital de viñas, na Arnoia (...) Por calisquer pretesto aparecía en A. con aquela alegría e disposición pra a esmorga ao mesmo tempo que aquil culto á amistade de bos e poucos amigos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 306-307, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 9 de marzo de 2015

Adispacioso, aseñorado

"Na mesta carballeira dos Remedios, beira do río ancho, fondo, adispacioso, aseñorado, coa súa ponte imperial, no seu paisaxe composto como pra ser parque dunha grande vila do mundo, os traballadores de A. vivían outra vegada á súa trégola anual de paz, de amizade, de fartura, de mol e fuxidía seguridade, de iluso trunfo á volta de poucos anos."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 302, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 8 de marzo de 2015

De ano en ano, na cidade

"Entón os oradores asañábanse cos concellais, coas tarifas da luz, cos fielatos de consumos, co precio do pan, e co director de El Eco del Calvario (que non pubricaba reseña do Primeiro de Maio, como si a meirande xuntanza de xente que se vía, de ano en ano, na cidade, ocurrise nas Quimbambas...);

 (...) E o Manolo Mouriño, da fundición do Malingre, coa súa voz de seixos remexidos e seu xenio acedo: "No comenzo diste mes de María, polo visto nai de Deus e dos ricos e madrasta dos pobres de pidir e dos probes de traballar, que somos nós..."."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 300-301, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 7 de marzo de 2015

Ao rueiro das casas de pallabarro

"A manifestación cos seus cantos, cos seus vivas sin trégolas, as bandeiras arrandeadas, fachendosas, ao chegar ao rueiro das casas de pallabarro onde vivían os traballadores,
 coas súas fiestras e balconciños de balaustes de pau, lucintes de potas vellas, bacenillas escachadas e olas fendidas, rechamantes de frores e de herbas de arrecendo, por onde asomaban as mulleres erguendo os seus pequechos pra que visen pasar a manifestación, pois só quedaban nas casas os nenos, os doentes, os vellliños e as mulleres que tiñan que quedárense a coidalos.

 Cando estaban no poder os liberais, o mitín dábase dende o palco da música, no xardín do Posío ou da Alameda; pro cando estaban os conservadores non había tutía, e había que os ter en Mende, aldeíña afastada, á beira dun riacho que ás veces viña moi cheio e deixaba pouca folgura pra tanta xente."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 299, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 6 de marzo de 2015

"De quincena"

"O Charomba e mais o Cartao entusiasmábanse cos "morras". Como xa sabían que despois de cada Primeiro de Maio ían "de quincena", facían o que podían pra desquitárense por adiantado: "¡Morra o preboste!". "¡Abaixo o boticario Perreibay!". "¡Que lle abran as portas as rapazas das Adoratrices!". "¡Abaixo o clero e a nai que o fixo!". "¡Morran os esquirols, provocadores e saboteadores!". "¡Abaixo os axentes de embarques e xamoneiros da Ponte Maior!".

 A manifestación acadaba seu corpo inteiriño a iso das doce, i entraba a cachón polas estreitas rúas da cidade, pasando frente ás portas fechas e as fiestras múas... que si non viñera ao lonxe a xendarmería dacabalo, somellaría termos a cidade por nosa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 297, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 5 de marzo de 2015

Ledos vivas polo áer aceso de maio

"Os primeiros movimientos dos gremios locais nise día eran pra agardar, frente ao Xardín do Posío, aos que chegaban de Celanova, Xinzo, Verín... e despois no comenzo da Ponte Vella, aos que viñan dos Ribeiros ou baixaban dos planaltos e chans montesíos das bisbarras de Amoeiro, Trasalba, Gustei...

 Nos alcontros duns cos outros (moitos diles non se tiñan visto en todo o ano), dábanse grandes apertas e ceibaban ledos vivas polo áer aceso de maio. "¡Viva a unión do proletariado mundial!". "¡Vivan os traballadores de Cudeiro". "¡Vivan os mártires de Chicago"."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 296-297, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 4 de marzo de 2015

Calisquera charanga dos arredores

"Os que máis lle gostaban á xente eran o feixiño de espigas arrodeado da fouce e da eixada, e o ramallo de pampos e follas de vide da "Asociación de Labradores de la Arnoya";  e tamén a escuadra, a plomada e a llana, garnidas en prata, do gremio de albañiles (...)

 Cando estaban os liberais no goberno desfilaban tamén o grorioso Orfeón de A. co seu estandarte coberto de fitas, bandas e coroas de loureiros de ricos metais, gañados nos concursos da rexión e da Nación;

 mais estando os conservadores non se atrevían por medo de que lle chimpasen as subvecións da Diputación e do Aiutamento, que xa se tiña dado o caso na remuda dos partidos no poder.

 Moi cedo aledábanse as rúas coa afinada banda "La, Lira", de Ribadavia, botando pasacalles, marsellesas, "internacionales"; (...)

 Algunhas veces a banda de Alongos, que era a millor no estrondo dos "pasacalles", non se estrevía a vir nin cando estaban no poder os liberais (...) e habíase que conformar con calisquera charanga dos arredores, coasi sempre a de Punxín, que eran sete facendo nove, que o bombo e os platillos tocábaos un só."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 295-296, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 3 de marzo de 2015

"Lobadas"

"Ben sabido era que os traballadores de A. armaban ise día grandes merendas familiares, a máis das famosas "lobadas" de solteiros e homes sós pra levaren á "Jira Campestre" que se facía despois do mitin, no Campo dos Remedios.
 Pro aos compañeiros que chegaban das aldeas, gostáballes tamén moito comeren de taberna ou de fonda; (...)
A iso das dez da mañá do día Primeiro de Maio os traballadores de A. axuntábanse no Campo da Feira pra iren agardar, orgaizados por gremio cos seus signos ao frente, aos compañeiros das vilas, aldeas e comarcas que concentraban nas aforas pra entraren todos xuntos en manifestación afervoada."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 294, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 2 de marzo de 2015

Abertas as tabernas

"Nos primeiros de maio de A., só remanecían abertas as tabernas e casas populares de comidas: seus ramallos de loureiro ao frente, e na porta a longa mesa coas empanadas, grandes como rodas de carro; os relucintes caldeiros de pulpo fervendo a cachón dende a mañá cedo nos mollos de bacelos facendo rescoldo pra todo o día na cinza mol e branca; e chegando ao meio da rúa, as bafaradas do estofado de vitela con chícharos, patacas e azafrán, e as troitas fritidas con unto."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 294, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)


domingo, 1 de marzo de 2015

Aduanas alarmistas botadas a rolar

"Decote se corrían, nas prosimidades do Primeiro de Maio, as mesmas aduanas alarmistas botadas a rolar por non se sabía quen. Xa nas vísporas, os tendeiros importantes, os mestres dos oficios con máis de media ducia de operarios, e boa parte do vello señorío, deixaban a cidade e marchaban pra as súas fincas dos arredores. Nos úlitmos anos, até os coéngos se ían pra a moradía de vraneo que, en Santa Mariña de Augas Bentas, lles deixara acomodada, a carón do Santuario, o bispo vello naquil planalto de tan ledas vistas, e que nunca a ocupaban."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 293, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)