lunes, 26 de mayo de 2014

"Primeira comunión"

"O tema é a conciencia escrupulosa dun neno que ten medo a condenarse se rompe o xexún antes de recibir a comunión. Non se pode esquecer a atmósfera, que é esencial para a comprensión da historia. A narración recrea os preparativos da celebración desde o mundo dos adultos e a tensión anguriosa que afecta ó protagonista, contrastes sabiamente fundidos na fluidez narrativa. Blanco-Amor é un constructor de atmósferas, un coidadoso creador de ambientes. Recorre a cotío a técnicas emprestadas do cine; focaliza un campo amplo que logo vai reducindo, para centralo nun aspecto central da historia. Pola técnica, esta narración é moi semellante á que logo empregará en Xente ao lonxe.

 Este relato recorda algunhas páxinas de La catedral y el niño, onde o episodio aparece máis difuminado, centrado no ambiente e nos aspectos sociais que arrodean ó acontecemento, pero a anécdota é a mesma: o xexún antes de tomar a Eucaristía. (...)

  Un elemento redundante na narrativa de Blanco-Amor é a presencia dos contadores de historia, que neste conto están representados por don Raimundiño, o crego que ilustra a doutrina con narracións prodixiosas e extraordinarias que amedrentan ó protagonista. Blanco-Amor inscríbese na nómina de escritores que denuncian a educación relixiosa baseada no medo e que dá orixe a conciencias atormentadas."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 107-108

No hay comentarios:

Publicar un comentario