"O cuarto relato do libro, o titulado "O encalatro" é unha narración de arrinque lírico, que recorda unha serie de poemas que escribiu Juan Ramón Jiménez baixo o título "El tren lejano", integrados no libro Melancolía, obra que de seguro coñeceu Blanco-Amor. O relato é a historia dunha fuxida. Un neno escoita o asubío do tren, "que aínda sendo triste, como si fose unha carta leda de alguén", ó seu paso por Auria racha a monótona tristura na que vive afundido o protagonista. O asubío ten un significado dual e antitético; por unha banda ábrese á melancolía: "Era un laído ronxo, axordado, ouveado, que metía pena no corazón"; pola outra, é como lóstrego que esperta os azos de aventura, espacios descoñecidos, lugares imaxinarios onde esquecer a realidade cotiá máis inmediata.
Os nenos de Os Biosbardos están inmersos nunha atmósfera opresiva. Son nenos tristes, solitarios e pechados na incomunicación. En "O encalatro" atopamos este marco: espacios concéntricos que afogan ó protagonista, a cidade xorde como unha esterqueira, o ámbito familiar, case sempre de clase media abaixada e con dificultades económicas, con pais xogantíns e autoritarios, ilustran eses interiores onde non existe ningunha comunicación. O frío e a fame son tamén rasgos peretinentes que apuntan á carencia doutros valores no seo da familia.
A nai é unha constante, unha peza clave no universo blanco-amoriano. Xorde como unha figura isolada e sofrinte, unha "mater dolorosa", retirada do mundo e víctima dun home sempre despótico e duro, que mantén con ela unha pura relación obxectal. A nai, "esguía e delicada, sempre cuspindo no pano", é o único personaxe que transmite ternura nun mundo onde parece que non ten cabida o amor.
O asubío do tren é unha invitación á viaxe, a fuxir do ambiente lóbrego daquela casa valeira e sobrante. O empuxón para emprender a aventura virá da forza cautivadora da palabra. Un personaxe fabulador, Crisanto, é capaz de crear outra realidade fascinante. O fillo da Quiteria é un trouleiro e un encalatrador, pero Alberte esquécese da condición mentireira do seu amigo e queda engaiolado polo mundo que lle narra.
Cómpre suliñar a importancia da fabulación na obra de Blanco-Amor, da historia oral dentro do relato: os personaxes cóntanse sempre feitos prodixiosos. A fuxida da realidade faise polas portas da fantasía e os personaxes adéntranse co fío do marabilloso noutro mundo distinto do mundo gris de cada día. Alberte déixase levar pola historia que lle conta o Crisanto do seu avó riquísimo (en contraste co menguado pasar dos rapaces) e proponlle visitalo no pazo, ás aforas de Auria. Os dous amigos latan a clase e toman o camiño seguindo as vías do tren.
O tren no mundo dos soños significa cambio, mudanza. Esta é a experiencia que vai vivir o protagonista, que se enfrontará á soedade e ó medo dun xeito anguriante e só no medio dunha paisaxe que se vai ensombrecendo. Descobre a falsidade sobre as vías do tren, pero xa é tarde, xa non hai remedio. Isolado, enriba dos raís que se afunden nun punto do horizonte, de adiante atrás, principio e fin dunha vida en soedade.
(...) "O encalatro" é unha ficción que literaturiza unha experiencia autobiográfica. A fuxida de Blanco-Amor ós doce anos en percura de novos horizontes pode estar no transfondo do relato."
Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 104-107
No hay comentarios:
Publicar un comentario