"Eu -contábame Toniño Cobas- nunca fora ás arrasadeiras. Ía ós morogos, ás cirolas bravas, ás cereixas da carretera, que se dan de seu e que non son de ninguén. Pro non ía ás arrasadeiras porque os que ían non me chamaban; i os rapaces que eu trataba non eran dos que ían de noite a roubar uvas, peras, mazás, pexegos, ananos ou o que caíse, asegún o tempo. Os que andaban comigo e viñan á miña casa, falaban mal diles pro tíñalles envexa.
Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me somellaban ruís, pro eran eisí, i eu tíñalles envexa.
Coñecíaos dabondo e trataba a algús. Ás vegadas, na Alameda, cando tocaba a música de tropa, chamábanme aparte (iles non entraban no paseio do medio, que era o do señorío) e dábanme de todo; enchíanme os petos; metíanme entre corpo i a brusa recimos inteiros que se me apegaban ó coiro. Tanto que, ás veces, tiña que deixar o paseio (e logo dar disculpas e mintir) pra me baleirar de tanto que me daban e que non daba comido."
Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "A arrasadeira", páx. 17
No hay comentarios:
Publicar un comentario