domingo, 4 de mayo de 2014

Derrota na casa da Nonó


Cos húmidos zapatos fixen noite en Ourense
nun cuarto temperado, previsora hospedaxe,
onde os meus pés doridos descansaron da viaxe
inda máis fatigosa que unha marcha castrense.

Debilitado e triste no poboamento auriense
espelín de contado con fregas de boa praxe
que me fixo unha ninfa desapegando a friaxe
como xa se acredita na cultura ateniense.

Con esas habelencias descritas pola historia
fixo que me esquecese do teu corpo albo espido
transitando os perigos dun soño corrompido,

desarmado na perda, derrota provisoria.
Perder unha batalla non é perder a guerra,
mirarei con detalle cada anaco da terra.

Miro Villar, Ausencias pretéritas, Espiral Maior, A Coruña, 1992
(Extraído do libro: Ourense, craro río, verde val; escolma de Marcos Valcárcel
Concello de Ourense, marzo 2001, páx. 102)

No hay comentarios:

Publicar un comentario