sábado, 3 de mayo de 2014

"A arrasadeira" II

"O texto consta de catro partes: reflexión e presentación temática; proposta de aventura e a súa aceptación; desenvolvemento; desenlace. Contado nun tono de confidencialidade, o narrador mostra o seu malestar polas obrigas impostas ós rapaces da súa clase social, mentras que os outros gozan de liberdade para facer moitas cousas que eles teñan prohibidas. Blanco-Amor contrapón con sutileza o mundo unitario, visto por un neno, e o mundo regulamentado dos adultos, ordenado en función dos prexuícios ideolóxicos. O personaxe é víctima dunha educación autoritaria, condenado ó aburrimento e baixo a intromisión constante e severo control dos maiores, fronte a aqueles outros que medran na rúa escachando cristais e xogando "a la jota justicia".

  Neste relato encontramos semellanzas con outros textos do autor; o asalto ó espacio acoutado e os tiros de escopeta son moi parecidos ós que encontramos en A esmorga, cando os esmorguistas entran no xardín de Andrada:

            E foi cando esboiraron dous disparos arreos, tan pertos de min que vin as chispas
          por enriba da testa e sentín o ár quente no carrolo. Os fogonazos alumaron como
         lóstregos as figueiras e caironme follas enriba.
                                                                                               Os Biosbardos, páx. 19

          Cando nos dispuñamos a liscar oíuse un escopetazo e caéronnos enriba os retrincos
         das follas dos camelios.
                                                                                                A esmorga, páx. 49

  Aquela aventura dálle pé ó protagonista para unha análise da maneira de ser dos maiores e da consideración que a estes lle merecen as falcatruadas dos rapaces."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páx. 102

No hay comentarios:

Publicar un comentario