"Hoxe, tanto tempo despois, nada recorda nese vello prematuro que ela ve agora ó outro lado da rúa, detrás da fiestra do salón da casa de en fronte, a aquel rapaz pequeno e delgado que nunha lonxana tarde de xuño de hai uns anos a fixera tan feliz. En apariencia, segue sendo o mesmo. As mans, que un xesto de cansanzo lle fai colocar nese momento sobre as meixelas, gardan a delgadez osuda que tiñan daquela, aínda que sen o anel de ouro que lucía no dedo mediano da esquerda e que estaba quitando e poñendo continuamente. O cabelo, algo máis débil e frouxo, consérvao como era, loiro e brillante, aínda que sen a rebeldía aquela que o obrigaba a empregar sempre fixador. O que máis cambiou son os ollos. Agora mesmo miran pola ventá cara afora, extraviados na espesa nebulosa a través da cal ve as cousas."
Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul.
Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 165.
No hay comentarios:
Publicar un comentario