sábado, 31 de marzo de 2018

Debilidade coa intelixencia

"El aproveitou a confusión do amigo para engadir que en cuestións de poder, resultaba fácil equivocarse, confundindo a debilidade coa intelixencia. Se lera a Vicente Risco, sabería que un pobo tan pouco agresivo como os xudeus, que nunca se rebelaron contra os seus verdugos, que pasaron a vida laiándose dos seus males, eran o pobo máis forte do mundo, os verdeiros destructores do núcleo ideolóxico sobre o que se asentaba a civilización cristiá."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 201.

viernes, 30 de marzo de 2018

Na monotonía da vida diaria

"Despois de intercambiar algúns xestos entre a xente do balcón e os que se atopaban na rúa, na cabeceira da manifestación, el saíuse do lugar que ocupaba e dirixiuse cara á porta do edificio. (...)

  Dicía que o día seguinte da demostración popular en contra do asasinato de Anselmo Perille e os seus amigos, el andara paseando polo centro da cidade e que na monotonía da vida diaria a xente comportábase como se nada sucedera: ían e viñan das súas tarefas, entraban nos comercios, acudían a facer xestións nas dependencias oficiais ou consumían refrescos e xelados nas terrazas dos cafés."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 198.

jueves, 29 de marzo de 2018

O refluxo dunha onda

"Cando a manifestación se detivo diante do Goberno Militar, fíxose un momento de silencio que rompeu unha voz de muller que berrou algunha cousa entre os comunistas, os xudeos e os masóns. Nunha esquina do Parque escoitouse unha gargallada e case ó mesmo tempo abriuse un claro na concentración, como o refluxo dunha onda que se retira da praia."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 197.

miércoles, 28 de marzo de 2018

Desde o alto das escaleiras

"Soamente modificou a súa posición no momento en que Antonio Montero dixo que un dos asasinos procedía de Madrid, que viaxara expresamente para cometer o atentado e que estivera na cidade facendo os preparativos durante unha semana, seguindo as víctimas pola rúa para averiguar os seus costumes e evitar así calquera fallo. (...)

  Na manifestación que se organizou máis tarde, el ía en cabeza, ó lado do bispo e do coronel. Ela viuno pasar desde o alto das escaleiras do pazo episcopal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 196.

martes, 27 de marzo de 2018

O cristal da fiestra

"El, en cambio, comezou por facer o relato directo e detallado do que sabía: como dous individuos vestidos con mono de traballo e gorra na cabeza entraran de súpeto no Café Royalty e empezaran a disparar contra os mozos que ocupaban o ventanal da entrada, á esquerda da porta. Contou despois como un dos rapaces que estaban sentados, ó sentir os tiros, escachou o cristal da fiestra e saltou á rúa e como un dos que disparaban, ó ver que fuxía, saíu correndo detrás del pola Rúa do Progreso adiante, entre a xente que se apartaba abraiada, ata que diante do Bar Fornos, puxo un xeonllo en terra, levou a pistola ata a altura dos ollos, apuntou e atravesouno polas costas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 194.

lunes, 26 de marzo de 2018

Índice e polegar unidos polas xemas

"Cando xa se deixaran de ver, un día atopouno na Alameda falando desde o palco da música diante de máis de mil persoas. Tamén entón estivera observando os seus ollos. Miraba de fronte á multitude congregada ós seus pés e mantiña a man esquerda metida no peto da chaqueta mentres coa dereita executaba movementos rápidos de arriba a abaixo, cos dedos índice e polegar unidos polas xemas e formando un anel."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 193.

domingo, 25 de marzo de 2018

Repregado sobre si mesmo

"Ese home a quen quixo tanto, aí o ten, do outro lado da rúa. Segue na mesma posición que adoptou cando se foi o seu cuñado Eloi hai uns minutos. Desde entón está repregado sobre si mesmo, sentado no sillón azul, coa man dereita metida entre as pernas e a esquerda amparando a cabeza, que lle cae cara a aquel lado. Ata hai a penas uns segundos, non se decatara de que un pouco máis alá, ó pé da lámpada do fondo, Mariana estaba chorando."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 192.

sábado, 24 de marzo de 2018

Como unha pintura colgada

"A contrariedade experimentouna ó descubrir que por primeira vez desde que o coñecera a el, sentía que aquela rapaza delicada e de porte distinguido, que sempre imaxinara como un retrato ou como unha pintura colgada dunha parede do salón na Casa Grande do Miño, tiña de pronto corpo de muller. (...)

  Nunca se atreveu  a confesarlle os motivos daquela reacción que el interpretou como un enfado ocasionado polas cousas que lle estaba contantado Mariana. Estivo a punto de facelo aquel último día que pasaron xuntos na casa de Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 190.

viernes, 23 de marzo de 2018

O amparo fresco das árbores e das sombras

"Era no verán, antes de comer, coa calor, que ata aquel momento se mantivera fóra da casa, contida polos anchos muros das paredes, penetrando xa en forma de aire enrarecido e cálido no interior. Referíndose precisamente ó bochorno que se empezaba a sentir, dixo el que aquel ambiente caluroso o levaba a revivir a mesma sensación que experimentara uns días antes, cando durante un paseo polo bosque da Fontemoura, buscando o amparo fresco das árbores e das sombras, Mariana perdera o sentido e estivera a punto de morrer."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 187.

jueves, 22 de marzo de 2018

Na visita final

"...igual que sucedera na Dictadura de Primo de Rivera, cando se complicou no asunto dun rapaz de Ganade que andara fuxido polo monte para non ir á guerra de África.

  A última vez que ela se atopou persoalmente co administrador foi tamén en Sabucedo, hai anos xa, na visita final que fixo a aquela casa. Chegaran un domingo pola mañá, co desacougo aínda non resolto da discusión e o enfado que os enfrontara uns días antes, concretamente na mesma tarde en que se celebrara a concentración relixiosa da Alameda para recibir a imaxe da Virxe de Fátima, en peregrinación desde Portugal. Sen que ela acertase a explicarse por qué, naquela visita de ambos os dous a Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 186-187.

miércoles, 21 de marzo de 2018

Perímetro de varias leguas

"... tendo en conta ademais que o defunto fora xente cabal e bo veciño de todos e que no tempo que servira na casa de Sabucedo remediara moitas calamidades en cousa de medicinas e asuntos de comer. Era tan grande a multitude que se botou ós camiños, que pasados os primeiros momentos, despois de facer o imposible porque se cumprisen as ordes recibidas, os gardas civís encargados dos controis situados en distintos lugares, nun perímetro de varias leguas á redonda, optaron por retirárense cara as inmediacións das Casas da Veiga e permitir que o enterro transcorrese en paz.

  Agora ela recorda tamén ó administrador. Coñeceuno na casa de Sabucedo hai anos, nunha das primeiras visitas que fixo a aquel lugar."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 185.

martes, 20 de marzo de 2018

A bisbarra

"O prelado levouna novamente consigo de volta para a cidade e pediulle que non asistise ó enterro, ofrecendo ese último sacrificio, tan difícil, polas intencións e as obrigacións do seu defunto.

  O sepelio tivo lugar na parroquia da Filgueira, a aldea natal do administrador, coa presencia masiva dos veciños, a pesar de que había ordes de que entre as oito da mañá e as seis da tarde non se autorizase a entrada de forasteiros na localidade. Aínda así, acudiu moita xente de toda a bisbarra..."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 184.

lunes, 19 de marzo de 2018

A filla monxa

"Parece que Mariana está chorando, quizais pola desaparición da casa de Sabucedo ou talvez, con máis seguridade, pola morte do administrador. A estas horas debe saber que acabou o interrogatorio completamente destrozado, coa cabeza desfeita a golpes de culata e o brazo dereito partido por varios sitios, entre os pulsos e o cóbado. Eso dixeron algunhas persoas do entorno de Palacio e a propia Carolina, a filla monxa, que puido rezar diante do cadáver durante uns minutos por intercesión directa do señor bispo da diócese, que se trasladou con ela ata a localidade da Forxa."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 184.

domingo, 18 de marzo de 2018

Así como a adega

"Cando todo rematou, só quedaron en pé as paredes da fachada principal e unha parte da galería de atrás, que se librou, así como a adega, situada debaixo. O viño, polo tanto, non se perdeu nin catro xamóns nin a tulla do centeo, que quedou intacta. Tamén se salvaron dúas olas de chourizos do verán, que gardaban os atracadores no refuxio, igual que un touciño case enteiro e dous untos. O resto desapareceu, incluídos a roupa e os mobles."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 177.

sábado, 17 de marzo de 2018

No romper do día

"A eso das sete da mañá, no romper do día, apareceu no bosque do Mato, pendurado dun carballo, aforcado co seu propio cinto.

 A casa de Sabucedo foi queimada coa intención de atrapar os atracadores dentro e impedir que tratase de rachar o cerco que lles fora tendido co despregue de trinta e sete números e o emprazamento de dúas pezas de artillería, unha delas situada na Costa das Carrizas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 177.

viernes, 16 de marzo de 2018

Unha necesidade maior

"O interrogatorio, que se fixo na cociña do cuartel da Forxa, segundo os informou o comandante Eloi, durou máis de sete horas. A eso das tres da mañá, cando xa contara todo o que sabía e estaba autorizado a deitarse e descansar antes de que chegasen os reforzos para o traslado á capital, o administrador pediu que o deixasen saír á horta a facer unha necesidade maior. (...) Saltou con disimulo a parede do fondo, pola parte máis baixa do muro, e pasou logo ó carreiro que alí separa a horta da nabeira veciña, que naquel lugar está cuberto polas ponlas de catro mazairas, botándose a correr a continuación monte abaixo en dirección a Filgueira, a  pouco máis de tres quilómetros do lugar onde se atopaba."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 176.

jueves, 15 de marzo de 2018

Á espreita

"recibiron a visita dunha persoa importante que viña de Asturias e que traía o encargo de pedirlles que nos próximos meses se mantivera á espreita, dedicando o tempo á organización e á recreación de apoio nas aldeas e que evitasen calquera confrontación de tipo militar, a non ser aquelas que se considerasen estrictamente necesarias por motivos de seguridade. Non todos estiveron de acordo con estas medidas, xa que Celestino Cabezas era partidario de accións contundentes, como o asalto ó Goberno Civil, que propuxo en varias ocasións, pero que Raúl rechazou por consideralo demasiado arriscado, sen moitas posibilidades de coller o gobernador dentro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 176.

miércoles, 14 de marzo de 2018

Gravemente ferido

"Dixo que levaban na casa desde finais do outono e que foi alí mesmo onde se refuxiaron cando asaltaron a casa do cura de Parada, fuxindo da Garda Civil. Como xa se comentara no seu día, a pesar de que moita xente se negara daquela a crelo, a Camilo Deus, un dos atracadores, de quen o cura sospeitaba que ía gravemente ferido por un tiro de escopeta que el mesmo lle pegara nunha perna, debeuno curar o médico de Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 175.

martes, 13 de marzo de 2018

Cos cans nerviosos

"Conseguiron fuxir pola noite, cando detectaron a chegada das primeiras camionetas con gardas civís. Estes seguíronos durante máis de cinco horas, cos cans nerviosos detrás do rastro, ata que o perderon ó chegar cerca de Calvos de Randín. Hai quen pensa que deberon atravesar a fronteira e que se internaron na serra do Gerés, en terras de Portugal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 175.

lunes, 12 de marzo de 2018

Entre copa e xogueta

"A noticia empezou a circular onte á mañá pola cidade. As primeiras versións aseguran que durante unha semana enteira estiveron cavando o buraco na cociña da casa de Sabucedo, debaixo do banco onde se atopan as olas con auga de beber, que lles servía de tapadeira para disimular a trampa que fixeron no piso. (...) O resto da xornada pasábana agachados no interior da casa, entre copa e xogueta, esperando o día da feira do vintesete, data na que pensaban baixar á cidade, aproveitando a aglomeración de xente para poder burlar con facilidade a vixilancia e os controis que se reforzaron na zona do centro desde que se produciron os sucesos do cuartel."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 175.

domingo, 11 de marzo de 2018

Nos barrancos do monte Furriolo

"Abondará con que lle relembre unha soa vez a obriga que ten todo cristiano de dicir a verdade, para que Teodoro Bugallo, con quen coincide todos os anos na casa sacerdotal para facer exercicos espirituais, se sinta paralizado, collido entre os seus intereses materiais e a súa conciencia escrupulosa, a mesma que o levou a vencer o medo e presentarse en plena guerra civil no despacho do gobernador militar e pedirlle que cesasen tantas mortes innecesarias, unha alusión ás persoas que aparecían mortas nos barrancos do monte Furriolo, cara á parte de Celanova.

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 172.

sábado, 10 de marzo de 2018

O río navegable

"El sempre sospeitou que aquel castigo, do que nunca lle deron unha explicación satisfactoria, lle fora suxerido polo gobernador civil ó director como consecuencia dun artigo no que el se permitiu facer algúns comentarios irónicos, expostos dunha maneira enrevesada e cabalística, sobre un proxecto elaborado polo Delegado Provincial de Sindicatos que pretendía facer o río navegable. Ó día seguinte, o propio Teodoro Bugallo sacou unha nota firmada co seu nome e apelido na que eloxiaba aquel plan, do que estaba convencido de que se habían derivar algúns beneficios económicos importantes para a industria local, especialmente para a rama dos cortadores de madeira."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 171.

viernes, 9 de marzo de 2018

Máis de un mes

"Cando os fuxidos mataron ó periodista Arcadio Silvela na Coruña, pasou máis de un mes metido na casa e desde aquela evita saír á rúa despois das oito da tarde, convencido como está de que os atentados se producen sempre entre esa hora e as dez da noite, como sucedeu co estanqueiro da Rúa de Colón e co alcalde de Paderne, a quen fusilaron na praza do concello, despois de repicar as campás e convocar á xente."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 169.

jueves, 8 de marzo de 2018

Dun soño vivido entre néboa

"Cando el estaba recordando en voz alta unha tarde que pasaran xuntos na aldea, o día que lle confesou que Mariana se estaba convertendo para el nun recordo cada vez máis incerto e lonxano, como se fose un personaxe dun soño vivido entre néboa, ela púxose de pé, dixo que lle doía a cabeza e atravesou o comedor cos pasos rápidos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 167.

miércoles, 7 de marzo de 2018

Nunha lonxana tarde

"Hoxe, tanto tempo despois, nada recorda nese vello prematuro que ela ve agora ó outro lado da rúa, detrás da fiestra do salón da casa de  en fronte, a aquel rapaz pequeno e delgado que nunha lonxana tarde de xuño de hai uns anos a fixera tan feliz. En apariencia, segue sendo o mesmo. As mans, que un xesto de cansanzo lle fai colocar nese momento sobre as meixelas, gardan a delgadez osuda que tiñan daquela, aínda que sen o anel de ouro que lucía no dedo mediano da esquerda e que estaba quitando e poñendo continuamente. O  cabelo, algo máis débil e frouxo, consérvao como era, loiro e brillante, aínda que sen a rebeldía aquela que o obrigaba a empregar sempre fixador. O que máis cambiou son os ollos. Agora mesmo miran pola ventá cara afora, extraviados na espesa nebulosa a través da cal ve as cousas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 165.

martes, 6 de marzo de 2018

A pedradas

"Contoullo a el despois da cea, cando quedaron sós e iniciaron o camiño de volta para a casa. El limitouse a escoitala con atención, para poñerse a falar logo do profesor Fernández Alba e da súa afección á caza da perdiz, algo máis grande que un pobre piollo, da que lle contara aquel algunhas aventuras, unha delas relacionada cun paisano de Ourense, criado nun cigarral toledano, que as mataba a pedradas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 159.

lunes, 5 de marzo de 2018

A retirada do Cristo das escolas

"Ninguén na cidade se atrevería a mencionar unha soa acción reprobable ou degradante levada a cabo por aquel mozo no exercicio da súa actividade pública. O mesmo fiscal se viu obrigado a retirar da acusación unha das bases nas que descansaba a forza incriminatoria do seu discurso: que Antonio Salgado París fora o responsable de que os bombeiros disolvesen coas mangueiras de auga a un grupiño de mulleres que se manifestaron diante do concello, tocadas as cabezas cos veos e portando os misais e os rosarios nas mans, para protestar contra a retirada do Cristo das escolas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 156.

domingo, 4 de marzo de 2018

¿Quen son os bichos?

"Pero ademais deste e doutros datos concretos, algúns deles xa coñecidos polas versións que circulan pola rúa, a folla publica tamén unha lista de individuos considerados indignos da condición de seres humanos, merecentes de aparecen catalogados entre as alimañas. Nesa lista figura o nome do gobernador civil, exactamente en terceiro lugar, entre o capitán Veneno e o inspector Ferreiro, a quen se acusa de introducirlle o canón da pistola pola boca a un rapaz chamado Camilo Fernández Picouto, natural de Piñeira Seca, de vinteún anos de idade, antigo carpinteiro, e rebentalo dun tiro. O panfleto remata cuha pregunta aparentemente enigmática: ¿Quen son os bichos?

(...) Hai anos, recén concluída a guerra, publicou un artigo, no cal, comentando a morte do cura párroco de Sarois, a quen unha partida de fuxidos lle voara a cabeza meténdolle un cartucho de dinamita na boca, utilizara precisamente esa pregunta."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 154.

sábado, 3 de marzo de 2018

Rumores

"Os sucesos ós que se refire o papel que estaba lendo cando Mariana entrou no salón, escurecidos polos moitos rumores que circulan estes días pola cidade, aínda son mal coñecidos. A versión que aparece na folla amarela pretende ser obxectiva e detallada, indicando os nomes dos presos e dos mortos e referindo as circunstancias en que caeron estes últimos, coa mención especial de Francisco Martín Suárez, natural de Parada de Outeiro, de vinte anos de idade, asasinado no interior do despacho do capitán  Enríquez, o cal, durante o interrogatorio, despois de preguntarlle polos motivos que o levaran a participar no asalto ó cuartel, cando o detido lle dixo que non pensaba contestar a unha soa pregunta, sacou a pistola e alí mesmo lle pegou un tiro na cabeza."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 153-154.

viernes, 2 de marzo de 2018

Fronte por fronte da cornucopia

"Reaccións como aquela, en adiante non serían novas para ela. Unha tarde de verán, na casa dos Vallejo, na Limia, pola festa das Neves, na primeira semana do mes de agosto, despois de tomar o café, cando os anfitrións se retiraron a durmir a sesta, quedaron eles os dous sós no salón, sentados no sofá do fondo, xusto fronte por fronte da cornucopia que ocupaba o centro da parede que daba á solaina."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 152-153.

jueves, 1 de marzo de 2018

A escopeta

"Na viaxe de volta a Santiago, ó tempo que se distraía mirando pola ventá do coche de liña, ía recordando as veces que fixera aquela ruta, primeiro de a cabalo, cando aínda non abriran a estrada e había que chegar á Casa Grande do Miño por un carreiro que discorría paralelo ó río. (...) A escopeta que aquel home levaba ó lombo acentuaba o medo de que os bandidos puidesen aparecer en calquera volta, emboscados na fraga das Riscas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 151.