lunes, 24 de julio de 2017

En 1980...



“Un ano máis tarde, en 1980,  aparece “Ilustrísima”, dedicada ao seu tío Xosé Mouriño, abade de Beiro,  un lugar importante na biografía de Carlos Casares porque alí pasou moitos anos da infancia e da adolescencia e ademáis un dos lugares onde se desenvolve a historia do “Sol do verán”,  a derradeira novela deste persoeiro.  Casares narra os graves problemas que desencadea a chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade galega a principios do século XX e os problemas existentes na diócese dirixida por un bispo aberto e tolerante que se enfronta aos sectores conservadores da curia episcopal.  Descríbenos os  enfrontamentos dunha sociedade provinciana dividida por razóns ideolóxicas e morais en dous bloques e representados en dous  periódicos locais: La Verdad e El Liberal. O conservadorismo fronte ao liberalismo tamén se manifesta na vida da propia igrexa , xa que se reflicten dúas maneiras de entender a relixión e o evanxeo. Unha baseada no temor e nas prohibicións e outra máis tolerante baseada na xustiza e no perdón. Casares no pretende facer unha novela anticlerical senón que presenta a gran influencia que a igrexa ten sobre as xentes dunha cidadede pequena de principio do século XX.

En “Ilustrísima”, o noso escritor móstrase como un mestre do arte de narrar, cunha prosa sinxela na que o lirismo inunda os recunchos máis recónditos desta narración. Nela –segúndo Pedro Hernández- “encárnanse os valores humanos que aparecen no resto da obra de Carlos Casares, é dicir, a tolerancia, a bondade e o rechazo de calquera forma de fanatismo e violencia”. Unha peza lírica que invita á lectura, como sinalara no seu momento Luís Suñén.”

Carmen Mejía. "Carlos Casares, o artesán da palabra". Na revista Raigame, nº 40, maio de 2017, páxs. 22-23. Revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares. Coordina Centro de Cultura Popualar Xaquín Lorenzo. Edita Deputación de Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario