lunes, 31 de julio de 2017

Pola altura das voces

"Durante toda a mañá houbera rumores na parte de abaixo. A porta de don Narciso pechárase con xenio unhas cinco veces polo menos. As máquinas da imprenta levaban sin funcionar desde as dez, pese a que era venres e polo tanto o último día para tirar as quince follas de El Testigo de Cristo. Don Xenaro tiña conxeladas as audiencias. Don Telesforo demorábase mais da conta no despacho do provisor e pola altura das voces, que iban medrando por minutos, o tema non podía ser o tresillo. Ilustrísima empezou a inquietarse."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 30.

domingo, 30 de julio de 2017

O lume do inferno

"Había xa catro días que El Liberal dera a noticia na primeira páxina. No "Salon des Frères Montreuil" da capital de Francia, a torpeza dun operador ao manexar sin arte un proxector cinematográfico tiña provocado un incendio xigantesco que en poucos minutos acabara coa vida de mais de cento trinta espectadores. O  coengo lectoral referírase ao suceso no sermón do domingo na catedral. Pronunciou palabras apocalípticas sobre aquela espantosa traxedia e acabou establecendo unha oportuna e interesada relación de parentesco entre o braseiro parisino e o lume do inferno."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 27-28.

sábado, 29 de julio de 2017

Borrentos no medio da canícula

"Desde a fiestriña do landó iba Ilustrísima contemplando a alegría matinal das rúas, insensible ao sermón que ao seu lado lle botaba don Xenaro sobre os peligros que no vran asaltan ás almas. Ao pasaren pola barronca, puido divisar ao lonxe, borrentos no medio da canícula, non menos de dúas ducias de mozos que se bañaban no río. Sentíu entón unha especie de chamada sensual e pagana que o obrigou a recitar para si un xaculatoria. Aquela visión facíalle mais dolorosa aínda a visita que naquel momento emprendía. Non lle gustaba misar na capela das monxas durante os meses de vran. Iba unha calor insoportable e ademáis era incapaz de afacerse ao recendo aquel a erbaluisa que impregnaba todo o convento. E por se fora pouco, Sor Sabina."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 19.

viernes, 28 de julio de 2017

No seu fámulo

"Cando Ilustrísima chegara á diócesis, era don Xenaro miaordomo do seminario. No transcurso dunha audiencia privada, pedira ser escoitado en confesión polo prelado. As bágoas derramadas, as loitas e as batallas interiores, xigantescas como o seu corpo, conmoveron moi fondo a piedade do bispo, que alí mesmo lle pedíu que se convertira no seu fámulo. Fora un erro."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 17.

jueves, 27 de julio de 2017

O seu esixente paladar

"O seu sobriño Antonio Biempica, fillo vinculeiro da sua irmá Teresa, na casa da cal Ilustrísima probara o mellor cocido da sua vida, comera o año mais sabroso que acariñara o seu esixente paladar e dera conta dun flan que non tiña comparación nin igual en toda a diócesis, quería entrar no seminario e facerse cura pola breve. A edade aconselláballe ese camiño rápido. E a sabiduría, sospeitaba o bispo, non había dar para moito mais."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 14.

miércoles, 26 de julio de 2017

Non tiña acougo

"Despóis apoiaba a cabeza na man dereita, astiraba as pernas todo canto podía e deixábase arrolar polos ruidos familiares que subían desde a rúa. Así permanecía, agradablemente adormecido, durante mais dunha hora.

  Pero aquela tarde non conseguía pegar ollo. Como un balbordo de palabras enfurecidas renxíalle na cabeza a lembranza do informe de don Xenaro. Desde que ao italiano Pietro Barbagelatta se lle ocurrira instalarse cun cinematógrafo na cidade, Ilustrísima non tiña acougo."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 12.

martes, 25 de julio de 2017

Adicatoria

"Ao meu tío Xosé Mouriño,
abade de Beiro, bon representante
dunha longa tradición familiar de
cregos, coengos e bispos, esta novela
que en certo xeito lle debía".

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 7.

lunes, 24 de julio de 2017

En 1980...



“Un ano máis tarde, en 1980,  aparece “Ilustrísima”, dedicada ao seu tío Xosé Mouriño, abade de Beiro,  un lugar importante na biografía de Carlos Casares porque alí pasou moitos anos da infancia e da adolescencia e ademáis un dos lugares onde se desenvolve a historia do “Sol do verán”,  a derradeira novela deste persoeiro.  Casares narra os graves problemas que desencadea a chegada do cinematógrafo a unha pequena cidade galega a principios do século XX e os problemas existentes na diócese dirixida por un bispo aberto e tolerante que se enfronta aos sectores conservadores da curia episcopal.  Descríbenos os  enfrontamentos dunha sociedade provinciana dividida por razóns ideolóxicas e morais en dous bloques e representados en dous  periódicos locais: La Verdad e El Liberal. O conservadorismo fronte ao liberalismo tamén se manifesta na vida da propia igrexa , xa que se reflicten dúas maneiras de entender a relixión e o evanxeo. Unha baseada no temor e nas prohibicións e outra máis tolerante baseada na xustiza e no perdón. Casares no pretende facer unha novela anticlerical senón que presenta a gran influencia que a igrexa ten sobre as xentes dunha cidadede pequena de principio do século XX.

En “Ilustrísima”, o noso escritor móstrase como un mestre do arte de narrar, cunha prosa sinxela na que o lirismo inunda os recunchos máis recónditos desta narración. Nela –segúndo Pedro Hernández- “encárnanse os valores humanos que aparecen no resto da obra de Carlos Casares, é dicir, a tolerancia, a bondade e o rechazo de calquera forma de fanatismo e violencia”. Unha peza lírica que invita á lectura, como sinalara no seu momento Luís Suñén.”

Carmen Mejía. "Carlos Casares, o artesán da palabra". Na revista Raigame, nº 40, maio de 2017, páxs. 22-23. Revista de Arte, Cultura e Tradicións Populares. Coordina Centro de Cultura Popualar Xaquín Lorenzo. Edita Deputación de Ourense.

domingo, 23 de julio de 2017

sábado, 22 de julio de 2017

Un pauto co demo



“Salvouno a revolución de 1868, anque el o atribuía a un pauto co demo, a quen lle chamaba sempre Perello. Volveu á sua aldea e en 1874, como dixen, proclamou a República Independente de Francelos, cos resultados que xa se saben. Morreu xa velliño en 1885, tres días despóis do pasamento de El Rei. Dixeron daquela, según refire o folleto que resumo, que o desminte, que don Luis se fora deste mundo de resultas dunha enchenta solitaria, con moito de porco e bastante de viño, para celebrar o acontecemento. Pero o seu apaixonado defensor e biógrafo asegura que foi o saber que a Rexente, dona María Cristina de Habsburgo-Lorena, quedaba empreñada, o que lle meteu tal tristura na alma que o foi ensumindo, ensumindo, hastra dar co seu corpo, enrugadiño e flebe, no camposanto, pois o señor abade de Francelos non pasou por que fora enterrado nunha leira, xa que, tolán e todo, don Luis non deixaba de ser un veciño.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 127-128.

viernes, 21 de julio de 2017

A tertulia da rebotica



“Pasados os anos tolos de estudiante, don Luis volveu a Francelos, onde mirando pola tenda que fora do seu pai vivíu sin facer gran cousa hastra 1835, data en que empezou a frecuentar a tertulia da rebotica de Chao en Ribadavia. Nela ganou zona de home equilibrado, por mais que chuspira cando vía ao cura pola rua ou se puxera de costas contra a parede cando se cruzaba cos frades franciscanos, pois, según el, había que protexerse, porque “Esta xente nunca se sabe”, decía.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 126.

jueves, 20 de julio de 2017

Rinchaba como cabalo á porta da eirexa



“Según este folleto, que copiei íntegramente, don Luis Meruéndano del Campo foi un pequeño fidalgo do ribeiro, con pazo ou casa grande no lugar de Francelos. Estudiou Dereito en Santiago, onde se afiliou á loxia co nome de “Plubio”. Deseguida criou fama de terrible, cagou nunha alfombra do bispo Monroy sóio por ser do bispo, confesaba unha vez cada semana para lle decir animaladas ao confesor e rinchaba como cabalo á porta da eirexa de Salomé tódolos domingos ás dez, para molestar aos que estaban dentro escoitando misa.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 125.

miércoles, 19 de julio de 2017

Un día, ao chou



“Pero un día, ao chou, cando andaba buscando datos para un traballo sobre Curros Enríquez na biblioteca Rey Soto, cosido a un mazo de exemplares do periódico “O Tío Marcos da Portela” atopei un pequeno folleto manuscrito titulado: Malaventuras de don Luis Meruéndano del Campo, condenado a morte e salvado nas últimas por intercesión do Perello, e morto na cama moitos anos despóis de mal da alma, por Farruco Paz, Licencidado en Dereito.”

Carlos Casares, “O republicano de Francelos”, de  Os escuros soños de Clío, edicións do Cerne, Santiago, 1979, páx. 124-125.