"Ó chegar ó alto da Fontemoura, decatouse de que os toques lle subían a el polos pés, aínda que xa moi pequenos e gastados. Deu uns pasos cara a atrás, desandando o camiño, e notou que os sentía con máis forza. Conforme ía avantando cara á lagoa, a sensación era cada vez máis intensa. Ó chegar á beira, a campá soaba igual que un vaso de cristal, limpa e longa, como se saíse da auga. Entón foi cando descubriu o campanario. Víase alá no fondo, clariño como se fose de día, cuberto por unha transparencia liquida que a luz da lúa ía volvendo pouco a pouco dunha intensidade leitosa e metálica. Era un campanario só, sen igrexa, máis alto cá Torre da Forxa, aínda que tamén moito máis estreito, redondo e rematado por una mastro de ferro. Cando trataba de pescudar detalles, ennegreceu a noite de pronto e xa non se viu nada."
Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 22
No hay comentarios:
Publicar un comentario