Ourense, craro río, verde val,
Leda vendima, céltigos outeiros,
Xardís fidalgos, eido petruceal,
Soar de piñeiros.
Erbedelo sombrizo, outa Sta. Mariña,,
Cudeiro asoellado, a Loña lavandeira,
Canedo traficante, Seixalbo boa viña,
Coto, e ribeira.
Boa raza, conteste, agasalleira,
Razón seréa, na paseón, laural,
Intelixenza de Feixóo, senlleira.
Verso de Carvaxal..
Xentil mañá das ruas! Latexar
Da estrela da serán no ceo malva.
Deitar de fontes no ensoño luar,
Toque da alba!
Pelouriño, as Mercedes, a Barreira,
Prazas do Ferro, a Maor, e do Torrón,
Cruz do Pantrigo, Porta da Eira
Vella canceón!
Santo Cristo na capela dourada,
Veu do mar consoarnos da dór,
Cántalle o reiseñor deica a luzada
Cristo d´amor.
Ponte román, lei, latino
Anel das bodas do Miño
Iris de pedra o arco fino
Camiño!
A Burga, materna lareira
Quenta o esprito cibdadán,
Néboa ardiente, tecedeira
De ensoño levián.
Ourense, ouro. Corazón
Espranza, bondade, tesouro
De amor, agarimo, canción
Ourense, ouro!
Ramón Otero Pedrayo
(apareceron nun programa das festas do Corpus en xuño de 1932)
(Extraído do libro: Ourense, craro río, verde val; escolma de Marcos Valcárcel
Concello de Ourense, marzo 2001, páx. 38)
No hay comentarios:
Publicar un comentario