" -¿Como te chamas?
-Orosia, para o que sexa de servicio.
-Eu Gumersindo. Creo que precisamos un nome artístico.
Non dixo que lle parecía a idea. Empregou a boca a xeito de sacacorchos e enviou un grolo longo, mellor dito, varios grolos que facían ruído de cachón ó pasar pola gorxa. Se cadra estaba na inopia no tocante á vida das artistas. Poida incluso que non soubese nada de Fabiola nin de Soraya. Nas perruquerías de Ourense apréndese esa ciencia, pero o moño de Orosia, feito de calquera maneia, indicaba que tales novidades non chegaran ó Castro da Pavana. Tiña os ollos bonitos, verdes para máis señas. Esta observación ten o seu mérito, porque as meixelas coloradas primeiro, os brazos mateigosos despois e, sobre todo, os peitos rebordantes, obrigaban a baixar a cabeza. Un tipo menos detallista ca min tería prescindido dos ollos sen ningún reparo, pero eu son dos que empeza o brazo de xitano pola cereixa.
-¿Que, botas unha loita?"
Bieito Iglesias, "A cruz de prata" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.93
No hay comentarios:
Publicar un comentario