Os Biosbardos constaba de oito relatos na primeira edición, e de sete na segunda. Cada un ten a súa atmósfera, que condiciona o desenvolvemento do tema. Desde o realismo á fantasía, desde o naturalismo ó romanticismo, estas son as tipoloxías textuais que configuran o libro. O narrador é sempre un rapaz que narra en primeira persoa. O escritor escolle esta para mellor contar esa realidade compartida e vivenciada, "que configura a súa propia posibilidade vital". Dise xeito, a realidade sentimentalízase, hai unha conciencia imaxinante que lle dá a ficción sustancia biográfica, unha apariencia case autobiográfica, moi ben narrada.
Son historias que transcorren en Auria, espacio pechado coas súas lindes "precisas e insalvabeis", segundo sinala Xosé M. Enríquez, para quen os contos de Os Biosbardos son "urbanos", aténdose á súa significación orixinaria, e "desde este ponto nuclear, o fío das historias lévanos a diferentes lugares de Auria, seguindo unha estructura radial ou estrelada".
A palabra "biosbardos" designa a seres imaxinarios. O título sérvelle a Blanco-Amor para nomear o fantasioso, o imaxinario instalado na realidade e tanxente a ese mundo exclusivo dos adultos."
Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páx. 100
No hay comentarios:
Publicar un comentario