O día 1º de decembro de 1979 falecía en Vigo Eduardo Blanco Amor. Coa
súa morte a literatura galega perdía un dos mellores cultivadores da
novela. O Concello de Redondela por aquelas datas quixo amosar o seu
pesar por tal perda convidando aos concellos galegos a participar na
primeira iniciativa cultural municipalista coa creación dun premio que
levase o seu nome. A resposta foi inmediata: trinta e cinco corporacións
municipais aprobaban nos respectivos plenos o apoio con cadansúa
aportación de vintecinco mil pesetas para poñer en marcha un proxecto que habería ir rotando polos concellos mediante sorteo.
En 1981 convocouse a primeira edición do premio dotado con medio
millón de pesetas se lembro ben. Con tal motivo organizáronse diversos
actos para
facer copartícipes da iniciativa aos veciños: un concerto no que
participaran Milladoiro, Miro Casabella, Saraibas e outros grupos
musicais e cantautores daquel tempo; Correos puxera en circulación un
mataselos que contribuíu a divulgar o Premio en toda a correspondencia;
editouse un libro titulado “Homenaxe a Blanco-Amor” no que colaboraban
Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camiño Noia,
Alfredo Conde, Camilo Gonsar, Carlos Casares, Fernández del Riego,Paco
Martín,etc. con ilustraciós do pintor Alfonso Sucasas.
Un xurado de personalidades relevantes críticos literarios formado
polos profesores universitarios Basilio Losada Castro, Camiño Noia
Campos, Benito Varela Jácome e Antón Santamarina Fernández, entre
outros, decidíu que a “A vila sulagada” de Daniel Cortezón fose a novela
premiada. A entrega solemne do premio celebrouse cunha velada literaria
seguida dunha cea na que participaron máis de duascentas persoas no
Restaurante “Pájaro Pinto” de Redondela. Días despois, celebrouse o
sorteo para decidir o concello organizador da segunda edición correspondéndolle tal honra ao ourensán d´O Irixo.
Foron
moitos os autores que en anos sucesivos foron premiados: Victor
F.Freixanes, Xosé M. Martínez Oca, Alfredo Conde, Miguel Suárez Abel,
Úrsula Heinze, Xavier Alcalá... con títulos que acadaron éxito e o
interese dos lectores, que lle deron ao premio o seu merecido
recoñecemento nos ambientes literarios, chegando a ser o máis importante
dos convocados en Galicia, tanto polo seu prestixio como pola dotación
económica.
Como toda obra de longa duración no tempo tamén o premio acusou a
fatiga. No devalar dos trinta anos de existencia o empeño que puxeron os
concellos encargados de convocalo foi desemellante. Por iso, alertados
polo Concello de Ferrol -que foi o último en convocalo- dos problemas de
financiamento, o Concello de Redondela retoma a tarefa do seu
relanzamento coa convocatoria da trixésima terceira edición cun plan de
rescate que inclúe modificar a aportación para
que esta non sexa unha carga inasumible para os orzamentos municipais
con poucos recursos, e ábrelles as portas da participación ás catro
deputacións provinciais.
Cómpre salientar tamén a colaboración da Secretaría Xeral de Política
Lingüística e da Dirección Xeral de Administración Local, que non
participan con achegas económicas, intentando mobilizar aos concellos
galegos para constituír un grupo numeroso que faga fronte á dotación
económica do premio. O Concello de Redondela ten xa preparado un
programa de actuacións culturais diversas nas que inclúe un concurso
para premiar a imaxinación dos comerciantes na presentación dos
escaparates con obras do Blanco Amor. Porque como moi ben dixera el: a
galeguidade ten que deixar de ser unha exclusividade de intelectuais e
políticos para ser un labor popular.
Xosé González Martínez La Región 4/4/2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario