jueves, 17 de abril de 2014

A maxia galega de Os Biosbardos

Os Biosbardos, libro publicado en 1962, é unha colección de oito preciosos contos (na 1ª edición figuraban só sete; na 2ª, de 1970, engadiuse outro, que figura en primeiro lugar e se intitula igual que o libro) protagonizados sempre por un neno ou adolescente, en xeral un garoto pobre, e escritos nun estilo de extraordinaria finura e elegancia literaria, non que non faltan nin o humor nin a escondida crítica social. É unha obra tocada de maxia, de poesía e orixinalidade. Os distintos rapaces vannos desvendando un mundo infantil, sorprendente e misterioso, cheo de imaxinación e fantasía e, sen embargo, moi testemuñal da Auria de principios de século, da infancia do autor. Como este sinala na "Xustificación" que a maneira de prólogo precede á obra propiamente dita, os contos "como ambente, son todos autobiográficos; como anéidota, ningún".

  Os Biosbardos era o libro predilecto do autor. En moi poucas ocasións, se é que en algunha, a maxia de Galicia, por veces con tons divertidos, por veces tristes e melancólicos, foi captada con tal penetración e ámbito poético. Unha obra verdadeiramente mestra da narrativa breve."

 V.V.A.A., Historia da literatura galega, A Nosa Terra, 1996, v.IV, capítulo 37, "A narrativa de Eduardo Blanco-Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo" por Xosé Antonio Leis Ferreira; páxs. 1175-1176

No hay comentarios:

Publicar un comentario