lunes, 21 de abril de 2014

O conto "Os biosbardos"

"Ábrese o libro na súa primeira edición co relato que lle dá nome ó volume e que logo desaparecería en posteriores reimpresións. Ninguén ten constancia de cales foron os móbiles da súa exclusión, pero non podemos pensar en problemas coa censura porque o texto non era atentatorio contra a moral ó uso.

 O protagonista, Leonardo, fillo dun garda civil, volve a Auria coa súa nai despois de morrer o seu pai. Sabemos que por mor do servicio recorreron media España.: Alxeciras, Ceuta, Alcántara, Madrid, pero que a nai non se afixo a ningún dos lugares polos que andivo o seu home, polo cal decide na súa viuvez saír adiante tornando ó eido natal.

  Os nenos búrlanse da fala "distinta" de Leonardo, que atura as bromas e sabe que para entrar e ser aceptado entre os rapaces ten que apandar con aquelas cousas. Como é novo no lugar, dinlle que unha noite ten que ir a pescar os biosbardos ó río. Contéstalles que non conten  con el, xa que non sabe pescar (é unha mentira), e ademais arguméntalles que hai outro rapaz que chegou despois del. O xefe da pandilla, Pepe o Melondro, moi argalleiro, respóndelle que ten que ser el por necesidade, xa que os biosbardos só van o fardel dos novos e dos que teñen un nome que rime con aquel. A narración ten un remate inesperado. Desa maneira, o escritor emprega o elemento marabilloso, transformando o relato nun texto onde a fantasía queda instalada na realidade."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páx. 101

No hay comentarios:

Publicar un comentario