sábado, 12 de abril de 2014

O armazón narrativo de Los Miedos



A terceira novela de Eduardo Blanco Amor, Los Miedos (1963, ed. Destino) presenta varias das constantes da súa narrativa: primeira persoa, punto de vista infantil, mundo/preocupacións infantís, presenza de Auria, ausencia da figura paterna... pero como novidade narrativa destaca unha orixinal armazón na que  se inscribe a historia. Xa o discurso da súa obra anterior, tanto no inicio como no final, fixaba unha arquitectura determinada que acollía o diálogo dos protagonistas. Na súa novela Los Miedos repite esquema pero con grandes diferenzas.

No caso de A Esmorga ese manto narrativo que arroupaba o peregrinar dos personaxes pretendía contribuír á veracidade da historia  e a explicar o desenlace.

Nembargante no caso que nos ocupa trátase máis ben dun xogo literario, buscando mergullarse nunha determinada tradición literaria, o que aproveita para dar certas pinceladas de teoría narrativa.

O texto ábrese cunha “Advertencia” de seis páxinas, separada en catro bloques, e asinada en Buenos Aires, 1961, na que o autor-corrector, profesor particular de literatura, escribe un prólogo no que conta como recibe un encargo dalgúns pais dos seus alumnos: que revise e corrixa unha novela inédita atopada entre distintos papeis da autoría dun amigo deles, Pedro Pablo de Valdouro, que vén de suicidarse aos trinta e dous anos. 


Na penúltima páxina da novela cando a acción atópase nun momento clave detense o discurso e aparece novamente a voz do autor-corrector que nos explica que o texto está inacabado, polo que baralla  posibles resolucións para o final do conflito.

A técnica do “manuscrito”, do autor como editor e a interrupción repentina da acción ten unha clara filiación hispánica, coa novela cervantina como principal referente. Non temos datos sobre a idea de incluír este manto narrativo na novela, e pese ao precedente da súa obra anterior, sospeitamos que na súa versión orixinal galega probablemente estivese ausente, vindo a reforzar a versión castelá e o intento de achegarse a un público e a un premio de prestixio como o Nadal nas letras casteláns. Cara o final da “Advertencia” hai unha cita da Celestina (xa na súa primeira obra en castelán figuraban citas de Juan de Timoneda e Lope de Vega) o que vería a reafirmar a nosa teoría dese guiño a tradición castelá.

O autor-editor pretende desculpar e xustificar o uso de tan manido recurso alegando a súa falta de profesionalidade, e unha razón obvia, que realmente é verdade, que neste caso non se trata dun recurso narrativo. Verosimilitude para un prólogo que xustifica unha historia inventada?

O autor-editor, que di cobrar ben pouco polo encargo de preparar a edición da obra para uns “ricos” que pouco saben de literatura, advirte non ser a persoa axeitada para facer esa labor con brillantez.  Considérase un simple profesor de Letras cuns coñecementos básicos lingüísticos e literarios.  A súa función consiste en restaurar ou adiviñar riscaduras , en escoller entre distintas variantes, e en elixir o adxectivo entre varios, nalgúns casos chegan a ser seis as posibles opcións que o autor recollía.

  O escritor do texto, Pedro Pablo de Valdouro, co mesmo nome que o neno que relata en primeira persoa a historia central da novela, suicidouse o mesmo día que cumpría os 32 anos. Entre os escritos que deixou hai máis de trinta traballos inéditos, entre prosa, versos, conxunto de aforismos, e ata bocetos de filosofía, salientando unha “Reflexión sobre el asesinato”. Parece non existir ningunha razón aparente que xustifique o seu suicidio, home intelixente, guapo, rico, deportista, con éxito coas mulleres.  O autor-editor aproveita para analizar a personalidade do autor a partir da súa obra, considerándoo de gran complexidade vital, escritor non profesional e que usa a primeira persoa para dotar de verosimilitude a súa obra. Considérao un “escritor de raza”, ao que lle achaca unha excesiva acumulación barroquizante, con escrúpulo estilístico e unha manía de perfección, que de todos xeitos non se evidencian nesta obra que se caracteriza pola súa sinxeleza.

No epílogo da obra explica como o manuscrito remataba de forma repentina, e non tendo moitas ganas de pórse a buscar nos restos dos papeis un, probablemente, inexistente final, opta por facilitarnos tres posibles saídas a ese momento de tensión no que se interrompeu a acción: unha sentimental, outra a desexable para moitos lectores, e a outra a máis lóxica. Así mesmo comenta que nesta obra do autor é na que máis elementos autobiográficos aparecen, dende o mesmo nome do protagonista, as referencias á súa avoa...

Tamén facilita o dato de que a obra foi escrita cinco anos antes do seu suicidio e que, pese a todo, xa levaba a anotación de “Novela póstuma”.  Tanto ao longo da advertencia como nesta páxinas finais, sen ser explícito, o autor-editor refírese ao carácter tenebroso, escuro do autor: esa referencia a súa propia morte nunha obra de xuventude, a “Reflexión sobre el asesinato”, o seu suicidio...  En ningún momento o chega a insinuar, pero quizáis o autor-corrector, coma nós, pensase que a súa personalidade foi froita deses máis que probables “miedos” autobiográficos que se narran na novela?
As dúbidas do autor-editor na formulación das súas ideas son constantes: “lo que no acaba de resultarme claro, vaya uno a saber, creo yo pues esa no es mi cuerda, es de suponer,  claro que..., en fin nunca se sabe...”

Deixamos para o final un dos aspectos máis desconcertantes desta armazón narrativa que dá acubillo a historia de “los miedos”: na advertencia fala de Pedro Pablo de Valdouro como o autor do  manuscrito, pero na parte final, nada máis interromperse a historia escribe o autor-corrector: “Aquí queda trunco el relato del malogrado escritor Luis de Valdouro”.

Un despiste do verdadeiro editor cústanos admitilo, polo que só a explicación de que se trate dun novo xogo literario pode explicalo: a pouca profesionalidade do autor-corrector que argumentaba na advertencia nos levarían a xustificar tal erro, ou non se tratará máis ben dunha vinganza intencionada ante o mísero pago que conta recibir por un traballo editorial fatigoso, así o expresa no final da “advertencia”: “Yo , bueno o malo –más bien malo- soy un profesor que conoce sus propias limitaciones, nada menos. Por otra parte, para la miseria que me van a pagar los ricos...”

Plubia, 31 de marzo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario