“Atopeina no Souto
de Redondela, case que no mesmo lugar no que morrera Petronila. Ó ve-la
alporizada e interrogativa expresión do seu rostro, solicitando aclaracións
pola ausencia da súa filla, expliqueille a Manuela que a deixara na casa dun
cura de Santander, o que era tanto como lle dicir aí ó lado, pois mal sabía ela
onde quedaba tal e arredada provincia. Simulou crerme, pero ben me decatei de
que me mentía. (...)
Pero ó observar de novo a incredulidade
asomando no seu rostro souben que tiña que matala alí mesmo, sen moito tardar.
Ó adquirir tal consciencia non fun quen de me reprimir e deille unha boa puñada
que bateu con ela no chan. Saltei da besta deseguido, pero ela xa se repuxera
do golpe que levara e agardaba por min en pé, esgrimindo un coitelo de cociña.
(...)
Fomos a rolos polo chan e evitei o gume do seu
coitelo en dúas ocasións, até que acadou ferirme con el no dorso da man. Entón
collín unha pedra do chan e golpeeina na cabeza. Creo que lla fendín. Aínda
inconsciente, espina. Fíxeno á présa, antes de que o sangue manchara as súas
roupas, estragándoas, e, logo de me espir eu, degoleina co seu propio coitelo e
fixen co seu corpo o mesmo que fixera co da súa filla; coa única diferenza de
que, se os restos dos daquela os ciscara polo paso dos lobos da Mallada, os de
Manuela espalleinos ó longo do paso chamado da Mallada Vella, próximos os dous ó
Souto de Redondela.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario