“Pois verá, seica
faltan das súas casas desde hai ben de días, a Manuela e a Benita, e que
levaron con elas os fillos. Que a Petriña foi a que marchou primeiro e que
están todos os catro colocados moi ben a traballar en Santander, na casa de
curas ricos que miran moito por eles. Que non volven.
Pois eu o que creo é que marcharon porque
teñen medo do home dos untos, que disque andan pola serra uns criminais
portugueses que matan as mulleres novas e lles sacan a graxa do corpo para
facer xabóns para as ricachas da cidade e que por non teren elas homes que as
abeiren marcharon por non andar elas e os tenros fillos tentando a súa sorte
polos camiños adiante.
E mesmo venderon casas e leiras e algún animal
e mesmo roupa de avío, iso é que marchan sen afán de volver.
Pois eu seille de ben que Manuel o Tendeiro
botou unha man aos catro para iren pasando de aquí a Asturias e de alí a
Santander e que ha volver polo resto de irmás e xuntalas todas. Quen nos dese a
nós.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario