Petra e a súa nai Manuela García Blanco foron as
primeiras en emprender a marcha. Foi no outono de 1846. A rapaza tiña 15 anos,
a súa nai 47 e Romasanta 36.
Benita, a irmá de Manuela, é a
seguinte en probar fortuna tras a boa vida que, ao parecer, leva en Santander a
súa irmá. Non tarda en probar ela fortuna en compaña do seu fillo Francisco. Era marzo de 1847, Benita
tiña 34 anos e o seu fillo 10.
Tres anos pasaran
ata o seguinte asasinato. Será Antonia
Rúa, comadre de Manuela, e con quen Romasanta tamén mantivo algún tipo de
idilio. Será a finais de marzo ou
principios de abril de 1850 cando marche xunto a súa filla Peregrina. Antonia ten 37 anos, tres menos que Romasanta, e
Peregrina tan só tres.
José, sobriño de Manuela, que
conta con 21 anos, será o seguinte en busca da cidade cántabra onde están dous
dos seus primos xunto as súas tías. Será
en outubro de 1850 e neste caso emprenderán a viaxe desde Laza.
A principios de xaneiro de 1851 será Josefa García, a nai de José, e irmá de
Manuela e Benita, quen queira seguir os pasos que marca Romasanta. Era a maior
de todas as vítimas, tiña 50 anos.
Do único caso
frustrado que temos noticias é o de Manuel
Fernández, coñecido como “Surtú”, sobriño político das García Blanco, que
no mes de marzo do 51 ía emprender viaxe, pero finalmente viuse abortado.
En xuño de 1951
Romasanta decide levar a Santander a María,
filla de Antonia Rúa, de quen se sospeitaba puidera ser a súa filla, e que
parece quedara baixa a súa custodia despois da marcha da nai, aínda que vivía
cuns tíos. Contaba con doce anos.