“Levárono prendido
xa? Si, fixo declaración aquí e que a cousa non vai con el, pero vai para Verín
facer o acareo cos parentes das mulleres esas. Pois a sacarlle a pel, a iso vai
a Verín, a que lla poñan a secar nunha vara no alto do castelo tal como se fose
unha bandeira. E era quen dicía ser ou quen dicían que era? Pois ser é; é un
galego de por Allariz que din que tiña tenda e traficaba mercadorías e
quincalla, pero mira ti vaia negocios que facía entre os vivos e as mortas. O
Sacaúntos, disque era, o home da graxa. Era pouco sacarlle a graxa despois de
sacarlle a pel. Era pouco facerlle o que lles fixo ás miñas pobres. Pois a
saber o que sería, que aparecer, só lles apareceu a roupa.
Entre o barullo da xente aínda se din boas
verdades, o resto é palla da que quenta e adorna. A boca da xente anda quente e
remexida e fan de xuíces e ao Canicha culpable de cousas horrorosas. Vai o reo
camiño de Verín e da xurisdición legal das terras de Galiza que lle
corresponden. Alí apóñenselle terribles crimes de sangue. A primeira
indagatoria é en terras galegas e alí o atrapado Manuel vénse abaixo, xa non
pode coa mentira.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario