“Tan axiña como vin
a Martín Prado recoñecino e souben que fora a el a quen eu lle vendera un pano
de cores, esvaídos e estraños, que fora dunha de Castro de Laza á que eu lle
dera pasaporte ó pé dunha silveira que lucía as súas amoras aínda coloradas
baixo o sol de xullo. Pero non me resultou difícil aparentar que non a vira na
miña vida. Foi o único que me foi dado facer, disimular, cando xa era imposible
darme á fuga.
Tiña razón Martín Prado. Cando a súa muller, á
que tamén recordo, Valentina Rodríguez chámase ou chamábase, puxo o maldito
pano conseguiu que alguén o recoñecese. Foi unha imprudencia pola miña parte
venderllo a alguén de tan cerca, pero como ía eu sabelo, estando onde
estabamos.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario