domingo, 7 de julio de 2019

A Fuxida (I)


No mes de outubro Manuel Blanco Romasanta decide fuxir de novo das terras que habita. Será a principios de outubro de 1851 cando abandone Rebordechao con intencións de ir cara Castela, aínda que tardará catro meses en acadar o seu obxectivo, xa que non será ata febreiro de 1852 cando consiga marchar de Galicia.

Neses días de outubro en que tenta marchar chegará ata o Montefurado, onde o 10 de outubro coñece a Luís Mondelo, afiador de trinta anos que retorna de Castela, quen lle comenta que é necesario o pasaporte para ir a aquelas terras. Romasanta, que se di chamar Antón Gómez, dille que recentemente acaban de roubarlle a carteira co seu pasaporte polo que terá que esperar para marchar. Ante a chegada do inverno lle solicita a Luís Mondelo que o acolla na súa casa, que lle pagará e que traballará ao xornal mentres. En Figueiredo, na parroquia de Piñeira (anexo de Peites), en Ribas de Sil, pasará estes meses. Alí adoptará a súa rutina de sempre: botara unha man na recollida da castaña, fará labores de xastre e fiará, asistirá a misa... un comportamento correcto. Mentres, matina como sacar o pasaporte xa que era necesario solicitalo no concello onde un nacera. Por Esgos prefire non achegarse polo que falsifica un certificado a favor dun tal Antón Gómez, natural de Montederramo. Nel un falso alcalde de Montederramo, de nome Juan Francisco Rodríguez, e o seu secretario, Domingo Enriquez, con data 6 de decembro de 1851, expresan que non habendo no pobo impresos para o pasaporte fai este certificado para que lle serva ata a primeira poboación onde poida facer un oficial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario