Pouco durou a súa
estancia en terras lonxe de Galicia, xa que se en febreiro de 1852 iniciaba a
súa fuxida, non pasarían máis de seis meses ata que retornara a Verín, preso
e identificado.
A seguinte
noticia que temos de Romasanta baixo a identidade de Antón Gómez é no mes de
xullo de 1852 en Nombela, provincia de Toledo, onde anda a traballar na sega,
ao igual que outros moitos galegos no verán. Parece ser que os meses previos
andou de chatoleiro (a cravar chatolas
nos zapatos), segundo el mesmo confesa. Será precisamente o día 2 cando tres
veciños de Verín (Martín Prado, de Vilameá-Laza; Marcos Gómez, de Tamicelas; e
José Rodríguez, de Laza), que o coñecen de sobra, e que saben das sospeitas que
recaen sobre el na súa terra, o recoñezan.
Xosé Ramón Mariño
Ferro explícanos como era a vida dos segadores daquela: “Os segadores levaban
varias fouces e dedais –unhas pezas de coiro ou madeira que se colocan nos
dedos para protexelos do fío do fouciño-. Traballaban de sol a sol, e durmían,
ben na palleira do amo, se a casa non distaba moito da leira, ou ben á
intemperie, sobre un colchón improvisado de palla e cubertos cunha manta. Se
traballaban a seco, preparábanse a comida; se traballaban a mantido, que era o
acostumado, os amos ofrecíanlles, por exemplo, unhas sopas de allo, unhas copas
de augardente e un pouco de pan, ao almorzo, e ao xantar, ademais de pan e
viño, un cocido con garvanzos, touciño e chourizos”.
O mesmo Martín
Prado lle comprara un pano das irmás García Blanco para a súa esposa facía un
tempo. Arredor das dez da noite daquel día presentarán denuncia ante o Alcalde
de Nombela pertencente ao partido xudicial de Escalona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario