“Foi así,
permanecendo de criado durante medio ano, como obtiven un pasaporte baixo ese
nome falso, baixo o nome de Antonio Gómez, un ninguén. Conseguino doadamente,
facéndome pasar por natural dese lugar, unha aldea veciña á miña de Esgos, o
que me permitía falar dela con coñecemento e propiedade, tamén con soltura,
referirme a xentes e a leiras, a montes e a camiños, a fontes e regueiros con
coñecemento certo e nada dubitativo, mesmo simular un ano máis de idade da que
tiña daquela, é dicir, corenta e tres, ser viúvo sen fillos, o que me daba
certa respectabilidade, e ocuparme no oficio de cravador de tacholas para os
zocos, para o que me desprazaba por Castela, e de aí a causa da miña ausencia.
O pasaporte déramo o alcalde de Viana do Bolo.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario