Ata Nadal
permanece en Figueiredo, pero por estas datas, descoñécense os motivos, irá a
Golpellás (Paderne de Allariz) a casa da súa coñecida Xoana Mangana, onde pasara
unhas semanas facendo vida normal, pese a que ata alí tamén chegaron os rumores
do “home do unto”. De camiño aínda pasará unha noite na fonda de Fontedoso onde
non hai tanto estivo con “Surtú”. Estas
novas chegarán aos familiares das García Blanco que irán denuncialo a Vilar de
Barrio. Uns carabineiros irán ata
Golpellás na súa procura, pero cando chegan o Canicha xa tiña fuxido de
novo.
Definitivamente
intenta fuxir cara Castela. Fará parada en Vilariño de Conso para facerse cun
pasaporte a partir da documentación falsa na que se fai pasar por Antón Gómez.
O alcalde desconfía e pídelle aval a algún veciño que o coñeza. O 7 de febreiro
de 1852 pasará a noite en Castiñeira (Vilariño de Conso), onde consegue durmir
na casa dun tal Domingos Alonso, a quen convencera para que ao día seguinte o
avale diante do alcalde de Vilariño de Conso (partido xudicial de Viana do
Bolo). Tamén solicitan o pasaporte o seu fillo, Xosé Alonso, e un veciño, Simón
Branco, que deciden acompañalo na viaxe as terras de Castela. O día 8 conseguen
a documentación e o día 9 emprenden viaxe os tres xuntos. Na súa documentación
figura como profesión a de “cedacero” (peneireiro), e veciño de Nogueira
(Montederramo).
No hay comentarios:
Publicar un comentario